Vence revólvese en Rianxo contra o ''golpismo'' amosado polo PP co recorte do Parlamento

O voceiro nacional do BNG asistíu á homenaxe que a formación frontista rendeu a Daniel Castelao na súa vila natal cadrando co 64 aniversario do seu pasamento.

castelao
photo_camera Vence e Muíños [Imaxe: O.C.]


O voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, revolveuse este sábado máis unha vez en contra do "golpismo" amosado polo PP na súa teima de recortar de 75 a 61 o número de escanos no Parlamento galego. Fíxoo nun acto en Rianxo organizado pola formación frontista para conmemorar os 64 anos que pasaron desde o pasamento de Daniel Castelao que encerrou cunha ofrenda floral diante do busto do rianxeiro. 

Antes de encetar o acto, Vence compareceu perante os medios de comunicación para denunciar o "proxecto de imposición unilateral" de recorte do autogoberno de Galiza que o goberno da Xunta levou adiante desde a chegada de Feijóo a San Caetano e que ten o seu máximo expoñente na redución de voces na Cámara galega. O nacionalista cualificou de "antidemocrático" que unha forza política que conta unicamente co 44% dos votos --malia ter o 55% dos escanos-- pretenda acometer esta modificación do Parlamento "sen contar co resto de forzas políticas". 

Ao fío, Vence chamou a PSdG e AGE a que respondan "de maneira unánime e contundente a este golpe institucional do PP". Con este obxectivo, o voceiro do Bloque enviou unha carta aos líderes das tres formacións políticas --PSdG, Anova e IU-- para solicitar un encontro en que achegar posturas para unha resposta conxunta. O PSdG remitiu a misiva ao PP, para que se sume á xuntanza na procura dunha reforma eleitoral consensuada. 

Após a camiñata, que estivo acompañada de música e literatura con paradas nos lugares máis destacados da vida de Castelao nesta vila mariñeira, Vence pronunciou un discurso en que lembrou os ataques "directos" ou "sibilinos" do PP aos símbolos de identidade da nación galega, nomeadamente á lingua. Perante o rexedor rianxeiro, Adolfo Muíños, o primeiro en se dar de baixa de Sogama para se unir á mancomunidade do Barbanza na xestión dos residuos, Vence arremeteu tamén contra a suba do canon até o 34%, unha suba que, ao seu ver, "mostra o fracaso do modelo de recollida do lixo".

Houbo tempo tamén para pensar nas nacións que piden paso neste 2014. Escocia, Catalunya, Euskal Herría, Galiza... foi enumerando o voceiro d@s nacionalistas galeg@s para enfatizar deseguido a "importancia" de ser nacionalistas "aínda que algúns da familia non o teñan claro máis de seis décadas despois". Canda Vence e o alcalde Muíños estiveron no acto o voceiro do BNG no Parlamento, Francisco Jorquera; as deputadas Carme Adán e Ana Pontón; a responsábel de Política Municipal, Goretti Sanmartín; ou o ex voceiro do Bloque, Guillerme Vázquez. 

Do lado artístico, houbo poesía na voz de Merche Pimentel e houbo música na voz de Sabela Galán, Xián Iglesias e Antón Parada, quen aproveitou o acto para reclamar a posta en liberdade do preso independentista Antom Santos. Todo isto antes de que o grupo Arume, de Boiro, interpretara o Himno.

Comentarios