A Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza, Adega, denuncia a través das redes sociais a “censura en directo” por parte da TVG “dunha reportaxe sobre compostaxe ao decatarse de que a nosa compañeira levaba unha sudadeira co lema #DefendeAGalega”.
A TVG censura en directo unha reportaxe de ADEGA sobre compostaxe ao decatarse de que a nosa compañeira levaba unha sudadeira co lema #DefendeAGalega. Pola liberdade de expresión na televisión pública e en todos os medios de comunicación. ADEGA #DefendeAGalega! 💪💪 pic.twitter.com/5IqcJnfdWU
— ADEGA (@ADEGAgz) 12 de abril de 2019
A denuncia de Adega chega en plena polémica pola censura a María Xosé Silvar, Ses, neste medio público e a raíz de que levase unha camisola co mesmo lema: #DefendeAGalega. A través dun burofax, escrito en español, remitido por un bufete de avogados privado, a CRTVG, que conta con asesoría xurídica de seu, dirixiuse a Sermos Galiza para exixirlle unha rectificación na entrevista realizada a Ses mais non desmente a existencia dunha orde interna de non emitir contidos relacionados coa artista que estaban xa programados.
A TVG prohibe ao persoal, aínda que non saian en pantalla, levar camisolas contra a censura ou manipulación. Recentemente o departamento de Recursos Humanos reenviou ao persoal unha circular sobre normas, comportamento e presenza das profesionais do ente público. Nela indícase que aínda que o xornalista estea fóra de cámara, debe absterse de levar unha indumentaria reivindicativa.