O vindeiro 10 de abril acaba o prazo máximo legal para que a Xunta declare de forma definitiva a Cova de Eirós (Triacastela) como Ben de Interese Cultural (BIC), segundo os cálculos de Adega, e non hai noticia ningunha a respecto de que se vaia dar ese paso. Así o advirte a propia Asociación para a defensa ecolóxica da Galiza (Adega) que tamén di descoñecer se a Consellaría de Cultura acolleu finalmente as achegas ao expediente presentadas nas que se reclamaba, entre outras cuestións, o estudo e protección doutras covas do mesmo conxunto arqueolóxico, aumentar a 200 metros a área de protección integral do xacemento e a restauración do teito vexetal orixinal da cova “que foi destruído pola empresa Cementos Cosmos en 2014, coa conivencia da Xunta”.
Adega considera que a integridade e estabilidade da Cova atópase en risco, ao estar situada en terreos da canteira de Cementos Cosmos e, por tanto, sometida á continua presión da actividade mineiro-extractiva. “É por iso que a declaración de Cova Eirós como BIC debe ser inminente”, demandan.
O colectivo teme que a Xunta faga primar os intereses da canteira, que pretende extraer de alí a calcita de maior calidade, e deixe caducar o prazo de resolución de BIC. Isto deixaría a Cova Eirós sen a protección cautelar e provisional da que goza actualmente (durante a tramitación do expediente BIC) “e condenaría o xacemento a permanecer durante outros dous anos, cando menos, sen a protección como ben de interese cultural (a lei impide que antes de dous anos se incoe un novo procedemento BIC, unha vez teña caducado o primeiro”.
A Cova de Eirós é a única en Galiza que ten pinturas rupestres. Estivo con presenza humana ao longo de 150.000 anos, ten o maior depósito de osos das cavernas, alí hai restos dunha fauna riquisima, como os leóns das cavernas...