“A comisión debe investigar a escandalosa tramitación administrativa dos mesmos”, sinala a portavoz nacionalista en Europa, Ana Miranda, “que incumpren ademais as directrices da Rede Natura e supoñen un terríbel impacto paisaxístico nesas zonas. Galiza non pode permitirse destruír a súa enorme riqueza”.
A Ribeira Sacra, O Courel e a Serra do Iribio optan a se converter en Reserva da Biosfera e, porén, a Xunta autorizou empresas eólicas estabelecer os seus parques. E a Ribeira Sacra é ademais a única candidata do Estado español a Patrimonio da Humanidade da Unesco. “A instalación de 27 aeroxeradores e tendidos eléctricos de media e alta tensión en Paradela non é compatíbel coa candidatura”, entende Miranda.
No caso do parque da Serra do Iribio -que se atopa en Zona de Especial Conservación Ancares-Courel, Rede Natura 2000 e no BIC Camiño de Santiago-, a nacionalista falou de “terríbel impacto medioambiental”. “Carece de valoración dentro dunha planificación estratéxica, aspecto que a Comisión Europea valora como importante á hora de buscar os lugares máis axeitados para o desenvolvemento eólico”, di.
Para o BNG, “a instalación destes parques eólicos ten máis prexuízos ca vantaxes para o rural galego, non só desde o eido medioambiental, senón tamén desde o punto de vista laboral”.