O sindicato esixe “un plan urxente de mellora da rehabilitación e fisioterapia na comarca”. “Cómpre abordar o abandono da rehabilitación e fisioterapia, erradicar as listas de espera e daer solución á situación das persoas derivadas polo Sergas á privada e que agora quedan sen tratamento de fisioterapia”, di a central nacionalista.
A reclamación da CIG consta de catro puntos. O primeiro, dotar o Hospital da Mariña de “dous médicos rehabilitadores”. Na actualidade só hai un para unha poboación de máis de 70.000 habitantes. O segundo, persoal diplomado en fisioterapia para abrir en quenda de tarde os ximnasios dos centros de saúde de Ribadeo e Viveiro. Agora só abren pola mañá.
O sindicato tamén revindica que o ximnasio do ambulatorio de Foz contrate fisioterapeutas para a quenda da mañá e mais para a da tarde e a habilitación do de Mondoñedo, “actualmente pechado e sen material”. O último punto defendido é a creación do servizo de fisioterapia do Centro de Saúde de Burela, “hoxe inexistente”.
“Deste xeito obteríamos un dobre obxectivo: crear emprego de calidade na comarca e prestar un servizo de rehabilitación e fisioterapia 100% público e de calidade”, conclúe a CIG.