“Os grupos da oposición pretendían dar voz a un colectivo amplo de persoas representativas da sanidade pública”, explicou en comparecencia de prensa, “que poderían achegar claridade para unha mellor solución aos problemas sanitarios galegos”. Mais o partido que sostén o Goberno de Feixoo impediuno. Non quixo que participase a familia do paciente morto no PAC da Estrada o pasado agosto.
“O PP ten medo a que no Parlamento se fale da situación que realmente ten a sanidade pública galega”, engadiu Abuín.
A plataforma Sos Sanidade Pública manifestouse no mesmo sentido e afirmou que o PP “boicotea” o órgano parlamentario “ao limitar as áreas de investigación e o número de comparecentes propostos pola oposición”.
“Ponse de manifesto o carácter antidemocrático do PP e a inutilidade dos procedementos de control do propio Parlamento”, expuxo nun duro comunicado, “pretende eliminar a única oportunidade a única oportunidade dos grupos da oposición, que representan a metade da poboación galega, de promover unha comisión de investigación na presente lexislatura”.
Tamén Sos Sanidade Pública mencionou o “temor” do PP a que se saiba “que grupos e que empresas se benefician da privatización da sanidade pública e que consecuencias ten esta para a saúde da poboación”.
En Marea, PSdeG e BNG abandonaron a cuarta feira a comisión, en protesta polo comportamento da dereita.