A pasada quinta feira, o Colexio Vasco de Xornalistas e a Asociación Vasca de Xornalistas denunciaban o veto de Vox a EiTB, TV3 e á TVG, entre outros medios, para que non fagan seguimento do partido de ultradereita na noite electoral.
Despois de se facer eco Sermos Galiza desta información, na noite da sexta feira, a CRTVG sinalaba a través da súa conta de Twitter que os medios públicos galegos non foron vetados en ningún acto de campaña electoral das xerais.
Ningunha formación política vetou a CRTVG en ningún acto da campaña electoral das Xerais 2019
— CRTVG (@crtvg) 26 de abril de 2019
Nun comunicado de imprensa, as dúas principais organizacións profesionais do xornalismo en Euskal Herria explicaban que a formación ultraespañolista acreditara 80 medios de comunicación para seguir a noite electoral nun hotel madrileño, entre os que non se atopaban os medios públicos das nacións sen Estado.
O Colexio Vasco de Xornalistas e a Asociación Vasca de Xornalistas sinalaron que actitude de Vox “vai en contra do criterio democrático”. Con decisións como esta, Vox “volta a marcar o camiño da manipulación e de apartar os medios que poidan contradicir o seu discurso”.