Un “Anuncio de Licitación e Adxudicación da Comunidade Autónoma de Galiza” publicado no BOE recolle a convocatoria para a contratación dunha empresa para ter poder de decisión fulcral en necesidades de realización de probas e procedementos de diagnóstico por imaxe (radioloxía), intervencionismo, medicina nuclear e radioterapia no sistema sanitario galego
A CIG-Saúde explica que este contrato implica que a partir da adxudicación a empresa privada decidirá que maquinas e aparatos de alta tecnoloxía se comprarán no Sergas para as prestacións sanitarias das especialidades anteriormente relacionadas.
“A empresa privada terá a capacidade absoluta para decidir se as dotacións dos medios tecnolóxicos actuais son renovados ou non ou, pola contra, se o SERGAS prescinde de comprar novas resonancias magnéticas, novos aceleradores para o tratamento co cancro, ou simplemente se estes aparatos se dan de baixa e esta actividade se contrata con un centro privado”, sinala a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín.
A peor
A central nacionalista afirma que este modelo está copiado do implantado no seu momento no servizo de saúde das Illes Balears. "Un sistema sanitario que desde que chegou o PP perdeu prestación e calidade a pasos axigantados", segundo a CIG-Saúde, e no que ademais, "como a empresa adxudicataria só sabía de maquinas, tivo que subcontratar a outra empresa para a xestión integrada dos recursos".