Durante os días 11 e 12 de decembro unha delegación formada por seis representantes das Enfermeiras Eventuais en Loita fixo chegar as súas demandas ao Parlamento europeo. Antes de aterrar en Bruxelas, a voceira do colectivo, Catuxa Lagarón, explicou a Sermos Galiza que o convite da eurodeputada do BNG Ana Miranda supón “unha grande oportunidade”.
Lagarón describe un contexto de contratos temporais encadeados, desprazamentos e dependencia total dunhas chamadas telefónicas con ofertas imposíbeis de rexeitar. “É o que supón formar parte dunhas listas de contratación nas que non coller supón unha penalización”, denuncia. As enfermeiras eventuais galegas comezaron a mobilizarse a principios de 2019 e as súas demandas petaron na porta da Administración galega, na do Sergas, sentáronse na mesa dos sindicatos e chegaron até o Parlamento de Galiza, sen resposta.
Xurisprudencia europea
Para o colectivo, a xurisprudencia europea abre unha ventá á esperanza. “Hai sentenzas en Europa que dan valor as nosas demanda”, di Lagarón, que espera que a presentación dunha solicitude á Comisión de Peticións no Parlamento inicie a senda dunha investigación ou requirimento europeo ao Goberno galego. Ana Miranda explica a Sermos Galiza que o Tribunal Superior de Xustiza Europeo denunciou que o encadeado de contratos temporais que permite o Estado español no eido da sanidade “é contrario á norma europea” e un “fraude de lei”.
Algunhas das enfermeiras eventuais concatenan anos de contratos, acumulando até 500. “Se tes as mesmas necesidades durante un tempo prolongado tal vez signifique que son estruturais”, remacha a representante do colectivo.“Tamén queremos denunciar a opacidade do Sergas, xa que incumpre a súa obriga de transparencia, ao non facer público o número de persoal fixo e eventual que traballa nos seus centros, así como os nomeamentos de carácter eventual ou de substitución”, conclúe Miranda.
A eurodeputada do BNG tamén lembrou que a Organización Mundial da Saúde ten destacado que a proporción de enfermeiras por cada 1.000 habitantes no estado español, 5,3, é moi inferior á media europea, de 8,8. “Galiza precisa 8.000 profesionais de enfermería máis, especialmente tendo en conta o envellecemento da poboación e a redución de servizos sanitarios en certas zonas”, precisou.
A protesta de decembro do colectivo, centrada nas pacientes
Este 12 de decembro as enfermeiras volven concentrarse na porta de hospitais e centros de saúde. Esta acción, enmarcada na protesta #12meses12loitas, iniciouse no mes de xullo. No derradeiro mes do ano as enfermeiras poñen o foco nas pacientes,“nas que revirten realmente a nosa situación precaria”. “Loitamos por aumentar a confianza que tes nos nosos coidados, aportando tranquilidade nos momentos de incertidume e dor”, afirma o colectivo.“Demandamos é que nos deixen facer con máis calidade no noso traballo”, explica a súa voceira, Catuxa Lagarón. “No momento no que as pacientes entenden a nosa postura trasládannos o seu apoio. Percibímolo tanto o día da Oferta Pública de Emprego en Silleda (á que as enfermeiras asistiron vestidas en negro) como nas doce loitas”.