Soraya Sáenz de Santamaría alertou da "proliferación de noticias falsas" propagadas con "métodos cada vez máis sofisticados", titula El País a crónica da lección de xornalismo da vicepresidenta. La Voz calca o mesmo título na súa edición on line.
En realidade, a preocupación de Sáenz de Santamaría -e en xeral de todo o establishment- non vén dada pola imprensa estabelecida, senón polos novos meios -dixitais- e polas redes. Estes vieiros de información alternativos aos oficiais deben "garantir" a veracidade do contido publicado ou "no mínimo advertir do potencial perigo" de determinadas publicacións, advertiu a número dous do Goberno Rajoy, no pórtico dunha xornada que se realizou na sede do organismo estatal Red.es, en Madrid.
E quen pode controlar eses novos meios? Pois a xuízo de Sáenz de Santamaría, os meios "entre aspas serios", aqueles "con traxectoria", chamados a se responsabilizaren "á hora de filtrar, contrastar e verificar información". Soraya ve neles barreiras contra as fake news. "Continuamos a necesitar o seu selo de calidade e profesionalidade", declarou.
As fake news constitúen materia de traballo para o CNI, afirmou o seu director Félix Sanz, baixo a atenta mirada da súa xefa política. O perigo das noticias falsas -dixo o responsábel dos espías españois- é que existe "unha tendencia [social] a acreditar nas cousas [que se publican]: os servizos temos que estar a traballar nunha dupla dirección: na normal e en demostrar que algo é falso".
Sáenz de Santamaría ve nas fake news "a ponta do iceberg" dun fenómeno, o da desinformación, que "ameaza seriamente" a propia acción do goberno á hora de tomar as decisións correctas.
Na lección de xornalismo da vicepresidenta do executivo español a autocrítica brillou pola súa ausencia
Claro que na lección de xornalismo da vicepresidenta do executivo español a autocrítica brillou pola súa ausencia. Nen palabra sobre as informacións falsas propagadas polos meios de titularidade pública sob o control da Moncloa (moi groseiras, por exemplo, na cuestión catalá) e cero alusións á ofensiva propagandística dos meios amigos do Partido Popular, moi activos nos últimos días para, por exemplo, comezar a apagar as lapas do incendio Ciudadanos.
Desde Sermos podemos iluminar á vicepresidenta con dous exemplos clarísimos de fake news tomados da imprensa "entre aspas seria" nas últimas horas. A primeira, a noticia de que Feijóo conseguiu forzar Montoro a renunciar á idea de aplicar unha quita á débeda das comunidades autónomas. Até o propio Montoro desmentiu os titulares entusiastas da imprensa máis leal a Monte Pío. A segunda, a información oferecida por Íñigo de la Serna desde a tribuna do Congreso sobre as razóns que levaron o goberno a vetar a tramitación da segunda das proposicións de lei enviadas polo Parlamento da Galiza ás Cortes Xerais do Estado para a transferencia da AP9. Unha información toda ela falsa (calquera que se tome o traballo de ler, comprobará que a iniciativa do Pazo do Hórreo excluía calquera resgate da AP-9, precisamente para non incorrer en ningún incremento orzamental que servese á Moncloa como coartada para vetar). Esa imprensa "entre aspas seria" tería que ter desvendado o embuste de De la Serna. Non o fixo. Está demasiado ocupada en aplicar as leccións de xornalismo de Sáenz de Santamaría.