Máis de 1.700.000 galegas e galegos xa completaron a pauta inicial da vacina contra o coronavirus -a ministra de Sanidade, Carolina Darias, aludía hai uns días a unha terceira dose, sen fornecer datas concretas- polo que a inoculación avanza a bo ritmo. Segundo os últimos datos facilitados pola Xunta da Galiza, o 69,27% da poboación diana a inmunizar xa ten as dúas doses.
O novo balance da Consellaría de Sanidade implica que na última xornada contabilizada que se corresponde con esta terza feira 3.224 cidadás máis completaron a inmunización.
Ademais o 77% (dentro do que están as persoas que xa teñen dereito a certificado de vacinación) dos individuos citados contan polo menos cunha picada.
Mentres os centros nos que se realiza a campaña, como por exemplo a Cidade da Cultura ou o recinto ExpoCoruña, viviron onte unha nova xornada de colas tanto para acceder aos postos de vacinación como para recoller eses xustificantes que van permitir, entre outras cousas, acceder á hostalaría nos municipios cos niveis de incidencia do virus máis elevados -polo de agora só se reclama en territorios como Galiza e as Illas Canarias, pero as ministras Carolina Darias e Reyes Maroto ofreceron, esta cuarta feira, discursos diferentes sobre a posibilidade de que o Estado adopte a medida-, o Goberno galego estimaba que xa se aplicaron perto de cinco millón e medio de doses dos remedios creados para loitar contra a pandemia.
Segundo Europa Press, os números fan deducir que a terza feira "centrouse en administrar primeiras doses, en especial do grupo de idade de 30 a 34 anos, con 20.885 vacinados máis, ademais de completar pautas, con máis de 3.220 persoas co proceso finalizado".
Vulnerabilidade e exposición
En función da vulnerabilidade da poboación tratada, es estatísticas reflicten que se administrou polo menos unha dose a 15.426 persoas de alto risco (+7) e 14.975 completaron a pauta (+4); mentres que 17.636 dependentes non institucionalizados recibiron como mínimo unha das doses do fármaco (+2) e 17.473 contan coa pauta completa (+2). Ademais, 26.572 persoas institucionalizadas recibiron a primeira picada e 26.444 finalizaron o proceso.
En canto ao persoal que foi inoculado por probabilidade de exposición, 72.088 traballadores do ámbito sanitario están inmunizados. Así mesmo, hai outros 26.881 do ámbito sociosanitario na mesma situación.