Un total de 504 refuxiados e refuxiadas ucraínas están escolarizadas en 186 centros educativos galegos. Así o trasladou esta segunda feira a Consellaría de Educación, que detallou que 204 están en colexios e institutos da Coruña, 176 en Pontevedra, 83 en Ourense e 46 en Lugo.
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade en funcións, Román Rodríguez, visitou o colexio CEIP Paradai, en Lugo, onde se atopan escolarizados tres dos máis de 500 refuxiados escolarizados na Galiza.
Segundo trasladou o departamento de Educación nun comunicado, Rodríguez aproveitou esta visita para parabenizar o conxunto da comunidade educativa galega, e en especial o colexio Paradai, por ser "exemplo de acollida e de integración" destes alumnos por parte dos seus compañeiros, das familias e dos profesores.
Aliás, destacou "a parte positiva" deste proceso, "sen obviar as terríbeis circunstancias", pola solidariedade e "o enriquecemento mutuo en todos os sentidos", tamén a nivel educativo, do que, asegurou, cómpre sentirse "orgullosos" como cidadáns.
Nesta mesma liña, sinalou o centro educativo lucense como "un referente en inclusión e atención á diversidade" do alumnado, xa que, precisou, 54% do total de 311 alumnos cos que conta o centro son de orixe estranxeira, con 21 nacionalidades distintas.
Por outra parte, o conselleiro en funcións puxo en valor que o Goberno da Xunta traballou "desde o primeiro momento" para organizar unha acollida ordenada ás persoas desprazadas, especialmente no ámbito escolar.
No que atinxe ao ensino destacou a habilitación dun procedemento extraordinario para a incorporación inmediata dos nenos e nenas ás aulas, á vez que se lles garantiron os servizos gratuítos de transporte, comedor e material escolar necesario.