As ameazas de morte foron proferidas vía redes sociais ou chamadas anónimas ao concello. Ao apresentar a denuncia na comisaría da Policía Nacional, o alcalde de Compostela achegou diverso material, desde correios electrónicos recebidos no Pazo de Raxoi até mensaxes privadas de Facebook e pantallazos de twitter.
Nunha comparecencia de imprensa a pasada sexta feira, o alcalde de Compostela afirmou que "o tema non é menor" e revelou que as ameazas alcanzan tamén o seu "núcleo familiar".
Noriega lembra que a principio do seu mandato xa denunciara ameazas por parte dun militante da extrema direita, que o tería sometido mesmo a un seguimento físico. "Esa persoa foi detida. Íase realizar o xuízo neste mes de febreiro e ao final aprázase para o final do ano. Fiscalía pede dous anos de cárcere para esta persoa porque quedaron demostradas non só as ameazas, senón tamén o seguimento", relata.
O alcalde de Compostela está certo de que é vítima dunha campaña orquestrada por medios e sectores ultraconservadores. "Hai xente que apunta, hai xente que dispara e hai xente que ampara e que non mide as consecuencias", afirma.
Noriega está no albo da caverna local -e da española, con até a intervención vía twitter de Rajoy- a partir da leitura do pregón do entroido por parte do actor Carlos Santiago, un texto de carácter satírico que foi interpretado como ofensa a símbolos relixiosos por parte de sectores moi próximos á ala máis reaccionaria da Igrexa católica.