A Plataforma Galega contra a OTAN está integrada inicialmente pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), o Bloque Nacionalista Galego, a Confederación Intersindical Galega, Erguer-Estudantes da Galiza, Galiza Nova e Mar de Lumes- Comité Galego de Solidariedade Internacionalista.
O colectivo fai un chamamento a outras organizacións a colaborar no deseño e desenvolvemento dunha axenda galega anti OTAN coa ollada posta na próxima cimeira da organización, que terá lugar en Madrid os días 29 e 30 de xuño.
Entre as accións que ten previsto impulsar nas próximas datas está a celebración dunha "contra-cimeira de carácter internacionalista e antiimperialista e na defensa da soberanía dos pobos", así como diversas actividades para difundir o "carácter agresivo e expansivo da OTAN e o papel dos países que fan parte dela", entre eles o Estado español, precisa, "tal como se está a ver na actual crise na Ucraína".
'Galiza contra a OTAN'
A Plataforma critica que, "mentres os gobernos occidentais chaman cinicamente a estabelecer parcerías e acordos de cooperación, coa outra man empregan a OTAN para impor unhas relacións internacionais asimétricas e baseadas na ameaza da forza militar".
No seu manifesto de presentación, o movemento anti OTAN rexeita, ademais, o uso de infraestruturas e equipamentos en territorio galego para dar soporte á Organización do Tratado do Atlántico Norte e a cesión do porto de Ferrol como base militar.
Lembra, ademais, como os aeroportos de Santiago e Vigo xa foron empregados para escala de voos secretos relacionados coas guerras imperialistas en Afganistán e Iraq.