As mobilizacións do cadro de persoal comezarán ás dez da mañá perante o Parlamento de Galiza. Ás 12 horas partirán cara a Praza Roxa, onde lerán un manifesto. O lema que encabezará a protesta é “non ao desmantelamento / non á manipulación / non á represión / en defensa do servizo público”.
A greve do 19 e o 22 de decembro será o último episodio do conflito que enfronta a dirección do ente público cos seus empregados. Paros parciais sucedéronse ao longo de novembro e, na orde xornalística, cada sexta feira —este é o 29 consecutivo— convócase un #VenresNegro en protesta contra as inxerencias politicas do PP no labor informativo.
Xuntanzas coa dirección
O comité de folga, formado por representantes dos sindicatos do comité intercentros, reuniuse coa dirección da CRTVG en catro ocasións. Só na última, ocorrida a pasada cuarta feira, a empresa achegou algunha oferta apreciábel, sinalan fontes sindicais. O que máis valoran estas fontes é o referido ao aumento da programación de produción propia.
A compañía presentou algúns avances ao respecto, indican desde o comité, que, con todo, consideran “insuficientes”. Consistirían na ampliación da duración de dous espazos xa en antena e na creación de dous novos, un late night e outro infantil. “Entendemos que é un avance pero reiteramos a necesidade dun maior esforzo”, din.
As xuntanzas continurán a segunda feira.