As plataformas SOS Groba e Serra do Galiñeiro reivindican, no Día Mundial do Medio Ambiente, a necesidade dunha "maior concienciación sobre a nosa terra, os nosos montes e serras, que despois de milleiros de anos de uso e abuso, vénse nesta primeira parte do século XXI ameazados por intereses especulativos e a ameaza real da súa transformación radical pola implantación de varios proxectos de parques eólicos e de minería invasiva".
Ambas agrupacións, que son a suma de diversas entidades e colectivos medioambientais, ecoloxistas, veciñais, deportivos e comunidades de montes, inciden no seu rexeitamento aos proxectos da Xunta para as serras do Galiñeiro e da Groba: "Dicimos alto e claro que non, que non queremos máis proxectos especulativos co noso medio ambiente; que queremos mudar de modelo e que queremos que se respecte a terra que nos foi legada polos nosos antepasados, para intentar deixarlle un mundo mellor e máis limpo aos que veñan trás de nós".
Neste sentido, veñen de enviar unha carta a todos os partidos políticos dos concellos de Vigo, Gondomar, Mos, O Porriño, Tomiño, Oia, O Rosal , Baiona e Nigrán afectados polos proxectos dos parques eólicos previstos, co obxectivo de que se "posicionen" publicamente "antes de que se inicie a próxima campaña electoral".
"Non estamos encontra da enerxía eólica, estamos en contra dos modelos de explotación que explotan recursos para tirar beneficios para grandes emporios e intentando mercar patrimonios que non teñen prezo e si moito valor, como son os do medio natural, a paisaxe, o patrimonio cultural e o monte multifuncional explotado polos veciños e comuneiros", salientan na misiva.