Os concellos de Moaña e Porto do Son xa poden presumir de contar cun galardón ás súas políticas de coidado do medio ambiente. O Diario Oficial da Galiza (DOG) vén de premiar a estes dous municipios coa 'bandeira verde' como recoñecemento ao esforzo na protección da paisaxe e o medio.
É a primeira vez que a Xunta concede esta distinción e, para chegar á decisión, o xurado que estudaba as candidaturas tivo en conta a labor feita polos concellos en catro ámbitos.
En concreto analizouse a protección da paisaxe, as liñas respecto ao cambio climático e a eficiencia enerxética, a xestión responsábel de residuos e aquelas accións feitas e previstas a prol da sensibilización e comunicación á veciñanza.
No entanto, o premio non quedará só como unha anécdota senón que, segundo fontes do Goberno galego, vai contabilizar a prol de Porto do Son e Moaña cando procuren distintas subvencións relacionadas co patrimonio natural.
O país é o primeiro en ter un galardón destas características, que se suman a esas bandeiras azuis que ondean nas praias cada verán.
Por outra banda, o DOG deu a coñecer a saída a información pública dos procedementos de rexistro de frondosas autóctonas dez montes situados no interior galego.
Tres dos espazos pertencen a Folgoso do Courel, outros tres a Navia de Suarna e o resto están nas localidades de Baleira, Samos, Rubiá e Vilariño de Conso.