Xaneiro de 2015 non debe de traer boas lembranzas a Alberto Núñez Feixoo. En plena batalla contra a proposta do nacionalismo dunha tarifa eléctrica galega, o de Monte Pío tiña que ver como o seu goberno amigo de Mariano Raxoi daba o visto bo á euskopeaxe, unha nova tarifa electrónica de acceso (6.1B) polo que a industria e economía vasca se beneficiaban de rebaixas significativas no seu recibo eléctrico. Entre 50 e 100 millóns de euros ao ano e por volta de 1.000 empresas agraciadas.
A deputada vasca Idoia Sagastizabal ten claro o obxectivo da medida: a industria vasca é “unha grande consumidora que soporta custos eléctricos demasiado altos que merman a súa competitividade”. Por iso desde 2014 o PNV marcou ao seu grupo parlamentar no Congreso un obxectivo fundamental: lograr a euskopeaxe.
E mentres...
Mentres, a 400 quilómetros de Euskadi e 500 de Madrid, na Galiza nada varía. Producimos electricidade, apandamos cos custos e retornos negativos, e as compañías (todas en mans foráneas) facturaron pola electricidade producida explotando os nosos ríos e montes centos de millóns de euros e pagado unha mínima parte en impostos.
Mais algo si variou: O Tribunal Supremo avalou este verán o dereito das eléctricas a recuperar o pagado en impostos autonómicos e a inicios de outubro exixiu ao Goberno que suba a luz en Galiza antes de que finalice novembro para satisfacer eses cartos que deben compensar estas empresas. Son case 37 millóns de euros no noso país, o que implica que de media cada galega e galego deberá pagar 16 euros, o que fai do noso recibo o máis caro do Estado.
[Podes ler a reportaxe íntegra no número 319 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]