A dimisión, o pasado decembro, de 25 dos 31 xefes de servizo da área sanitaria viguesa detonou o enorme malestar de profesionais e usuarios a respecto dunha década de recortes e reoganización neoliberal da materia. Os sucesivos gobernos de Feixoo así a enfocaron e agora os conflitos emerxen por todas partes e en múltiples ámbitos.
“A poboación da área sanitaria de Vigo, a que máis riqueza crea en Galiza, é a que peor sanidade recibe por non ter os recursos estruturais públicos nin en atención primaria nin en hospitalaria para cubrir toda a poboación”, dicía o manifesto que leu, ao final da protesta, a sindicalista María José Diéguez.
Cunha pancarta que rezaba Pola dignidade da sanidade pública, os manifestantes esixiron “non máis recortes” e “máis persoal”. A responsabilidade política da Xunta e Núñez Feixóo -ideólogo da viarada neoliberal da xestión sanitaria- foi outra das reclamacións que presidiron a marcha.
“Esiximos a inmediata apertura dunha mesa de negociación na que se recupere a xerencia de atención primaria e un aumento da dotación económica para incrementar a dotación de persoal”, consideraba o manifesto.
Á manifestación asistiron os líderes de En Marea -Luís Villares- e PSdeG -Gonzalo Caballero- e mais o deputado do BNG Luís Bará.