Cóntenos en que consiste a dieta atlántica?
Refírese á gastronomía tradicional do noso país, en cuestións como o consumo diario de cereais, fundamentalmente integrais, a principal achega calórica da pataca, a toma de froitas e verduras, de aceite de oliva, a inxesta de peixe, cando menos tres ou catro veces por semana.
No que se refire á toma de lácteos de modo diario, os queixos ocupan unha parte fundamental da nosa dieta, no consumo moderado de carne, sobre todo tenreira galega, que é unha carne cun compoñente nutricional e de achega de graxa importante.
E tamén entrarían no réxime atlántico as nosas salsas, a allada por exemplo, que é bioactiva, co aceite de oliva, o pementón e o allo. A importante achega de auga, na que hai que destacar a pureza dos nosos mananciais, e un consumo moderado de viño, sobre todo nas comidas. En resumo, é unha dieta de proximidade, de tempada, fresca...
Cando se fala de comer saudábel adoitan saltar voces que poñen o acento en que sae máis caro...
É certo que no momento actual o problema da obesidade está ligado á condición socioeconómica e tamén á cultural. Esta é unha das maiores discriminacións sociais do momento, xa que os produtos con moitas calorías e pouca achega nutricional son os máis baratos na cesta da compra.
Cantos menos produtos precociñados poidamos tomar, menor incidencia terá a obesidade na nosa sociedade, pero si é certo que o que máis subiu o prezo nos últimos anos foron, precisamente, os produtos que estamos a recomendar, os máis saudábeis. De todos os modos, tampouco debemos esquecer que o que consideramos cociña rápida non ten por que ser comida precociñada, por exemplo, senón que temos que lembrar que facer un peixe fervido ou á prancha é igual de rápido, o que temos é que ser capaces de programar e compaxinar a nosa vida rápida cunha axeitada nutrición.
E tampouco podemos falar de modo de vida sa se non falamos de actividade física, no espazo verde, no noso caso.
Desde a Fundación falan da importancia social da alimentación na Galiza.
Todas coñecemos que comer é algo máis que conseguir nutrintes, é un acto social de compartir, en todo o mundo, pero na Galiza é, se cadra, máis importante. A reunión familiar, de negocio... É importante que as crianzas aprendan que a mesa é un lugar para compartir, para aprender...
Non debemos perder ese goce na mesa e en familia, temos que gozar de como facer un bo prato, non esquecer como se cociña e como se elabora unha boa receita, algo que se transmitía de xeración en xeración aprendendo e compartindo o saber.
No libro Bases científicas da dieta atlántica, vostede elaborou un capítulo relativo á infancia, cal é a situación da xente máis nova en canto a súa condición física e tamén a nutricional?
Hai unha perda de adherencia na familia porque as crianzas, que non son máis que o reflexo da sociedade, xa non xantan na casa case nunca e cando o fan non é en familia. Así que se perde un pouco o momento de transmisión de experiencia culinaria que debemos recuperar. Hai unha perda de adherencia xeral, en toda a poboación, e na infancia máis.
A prevalencia da obesidade entre as crianzas no sur de Europa é máis alta que no norte, curiosamente, a pesar de ter dúas das mellores dietas do mundo, que serían a mediterránea e a atlántica.