Unha tala de eucaliptos danou dúas das cinco construcións que fican da ‘Aldea Maldita' de Abuín, un lugar da parroquia rianxeira de Leiro, deshabitados desde hai moito tempo e epicentro de non poucas lendas e contos populares que mesmo sobrepasaron as fronteiras de Galiza. A noticia deuna esta fin de semana a sección de Barbanza de La Voz de Galicia, informando que esa tala afectara a edificios de dita aldea. Un deles, a antiga capela.
“Este lugar acolle numerosas lendas que explican o seu despoboamento. Aínda que a máis probable fora a chegada dunha epidemia ou praga que decimara a poboación, tamén se fala dun ataque por parte dos viquingos. Pero a lenda que ten máis peso fala dunha maldición por causa do tesouro que os veciños roubaran no mosteiro da Armenteira e que despois lle deron ao cura para que o escondese. O cura morreu esa mesma noite e, pouco despois, foron detrás numerosos veciños. Aínda que intentaron recuperar o tesouro para devolvelo ao mosteiro, e así librarse da maldición, nunca máis foi localizado e os poucos que sobreviviron decidiron fuxir do lugar. Contan que o tesouro está soterrado baixo unha das casas que aínda conserva parte da súa estrutura e que antigamente fora a cape ”, recóllese no portal Patrimoniogalego.net.
Castelao, rianxeiro, recolleu no relato ‘Camiño esquecido’ do libro ‘Cousas’. “Aquela “verea vella” turraba por min e, cando me fixen home, arrisqueime a pasala. E máis alá da medoñenta congostra topeime cunha aldea sen xente”.
Até Iker Jiménez, xornalista especializado no ‘paranormal’, ten dedicado programas a este lugar da parroquia de Leiro, non sempre acertadamente (“Ata o pobre topónimo está maldito, seica. Segundo o programa do Riguroso Íker, Abuín é un “nombre de mal agüero” (!!)” afirmaba Manuel Gago, dixulgador do patrimonio, no seu blog)