O Sermos Galiza 309 abre cunha reportaxe sobre a vixencia do Día da Galiza Mártir e cun mapa cos principais actos de conmemoración desta xornada reivindicativa, que ten lugar a sexta feira, con motivo do aniversario do asasinato de Alexandre Bóveda.
Continuamos mergulladas e mergullados na memoria cunha reportaxe a catro páxinas sobre un dos aspectos menos coñecidos da represión, aquela que sufriron de maneira específica as mulleres. Rapas, inxestas de rícino e violacións son algunha das prácticas cruentas que recollemos nunha información asinada por María Obelleiro que conta coas impresións de Xulio Prada, Montse Fajardo, Dionisio Pereira, María Xesús Escudeiro e Xosé Ramón Ermida.
Na sección de política, debullamos o modelo territorial de Portugal e Catalunya que, ao contrario que na Galiza, se adapta á realidade destes países, mentres que en Internacional entrevistamos Jabier Salutregi, ex director de Egin, xusto cando veñen de facerse vinte anos do feche xudicial deste diario. A actualidade política de Venezuela após o intento de atentado contra Nicolás Maduro completa a sección.
As páxinas económicas dedicámolas á chamada economía circular, mentres que abrimos o Fóra de Serie coas recomendacións do crítico literario Mario Regueira para o que resta de verán. A literatura tamén é protagonista da entrevista principal da sección cultural, pois entrevistamos Antía Yáñez. Completan a sección as críticas de cinema e literatura e a sección mensual de fotografía.
O Caderno de Verán, dedicado a Allariz, os cadriños de Tokio e Latuff, os artigos de opinión de María Pilar García Negro e Xavier Queipo e a sección A ollo nu, de Xoán Costa, completan a oferta desta semana.
O semanario pode adquirise a partir de hoxe nesta ligazón ou a partir de mañá nos quiosques.