O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén de informar esta segunda feira da ratificación dunha sentenza condenatoria ao Sergas polos "danos e prexuízos" ocasionados a un doente do Hospital da Costa, en Burela, debido a unha "dobre e indebida" prescrición de betabloqueantes, o que "provocou un edema agudo de pulmón que derivou en ictus".
"Non hai que ter grandes coñecementos médicos para comprender que a prescrición simultánea de dous antibloqueantes, nunha persoa con antecedentes cardíacos, ao provocarlle un menor gasto por enlentecemento do ritmo do corazón, pode xerar graves complicacións, até o punto de producir un edema agudo de pulmón como antesala ao ictus isquémico derivado", precisa a sentenza.
Aliás, o tribunal apunta que "resultou acreditado" que a dose de antibloqueantes receitada "era excesiva", quer "por ignorancia médica", quer "por non atender o historial clínico do paciente".
O afectado, que cando sucederon os feitos tiña 71 anos, acudiu o 15 de marzo de 2016 ao hospital para que lle practicasen un electrocardiograma. "O seu estado de nerviosismo dificultou en grao sumo a súa realización", sostén o auto.
Así, os xuíces explican que, ante iso, o cardiólogo que o atendeu prescribiulle un betabloqueante, "a pesar de que o doente, polos seus antecedentes cardíacos, xa tomaba, desde había tempo, outro betabloqueante".
A Sala asegura que o doutor que fixo a prescrición, ao afirmar que ambas as doses eran compatíbeis, "tratou de ocultar o seu indebido descoñecemento do historial clínico do paciente, no que figuraban os tratamentos farmacolóxicos que se lle viñan dispensando con anterioridade".
En consecuencia, queda rexeitado o recurso presentado polo Sergas e a entidade Segurcaixa Adeslas, e confírmase a indemnización ao doente de 122.254,56 euros, á que se engadirán os "intereses legais computados desde o 1 de agosto de 2016". Contra a resolución cabe presentar recurso.