O Tribunal Superior de Xustiza declarou esta sexta feira legais os concertos, correspondentes a 2013-2017, da Consellaría de Educación con centros que segregan o alumnado por sexos.
Desde a Confederación Intersindical Galega anunciaron a presentación dun recurso de casación perante o Tribunal Supremo en aras de que a máxima instancia declare de novo contrarios a dereito estes acordos. E é que en 2014 o Supremo tomou en consideración o recurso presentado pola central sindical nacionalista e declarou ilegais os correspondentes a 2007-2012.
Contrarios á LOE
Segundo a CIG-Ensino o propio TSXG recoñece na sentenza ditada que estes concertos foron asinados antes da entrada en vigor da LOMCE polo que contravirían o determinado na Lei Orgánica de Educación (LOE) que considera "ilegal" calquera tipo de discriminación entre o alumnado, incluíndo a razón de sexo.
"Agardamos que definitivamente, despois de que se declararon ilegais os concertos educativos do ano 2009 ao 2013 neste tipo de centros, o Tribunal Supremo declare ilegais os do período 2013-2017" apuntou o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao. Porén, acrecentou, "o combate da CIG-Ensino contra estes concertos educativos retrógrados e contrarios a un ensino coeducativo non vai parar até que se derrogue a LOMCE que pretende darlles cobertura legal".