Investigadores e investigadoras da Universidade de Santiago de Compostela veñen de pór en marcha catro novos proxectos para facer fronte á pandemia do coronavirus.
En concreto, as iniciativas exploran mecanismos para detectar a enfermidade de maneira temperá, o desenvolvemento de novos axentes antivirais ou unha potencial vacina.
"Procúranse respostas a cuestións concretas que nos axudan a combater os desafíos da Covid”, tal e como sinalou Vicente Pérez, vicerreitor de Investigación e Innovación.
O investigador do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC, José A. Costoya, coordina o desenvolvemento dun método para identificar casos positivos nas fases iniciais da infección.
“Son poucos os test diagnósticos que permitan, con alta sensibilidade e especificidade, a detección do virus nas fases iniciais da infección de forma sinxela e rápida”, valora Costoya ante a procura dunha proba que si cumpra estes criterios.
O proxecto de Eduardo Fernández Megia sitúase nun eido similar, indagando en métodos áxiles que complementen a proba PCR. “Unha técnica lenta, custosa e que require de grandes equipos e un laboratorio de microbioloxía”, valora.
O desenvolvemento dunha vacina en fermentos é o eixo da iniciativa coordinada por José Manuel Leiro Vidal, do Instituto de Investigación en Análises Químicas e Biolóxicas.
Por último, a iniciativa liderada pola investigadora Concepción González Bello analizará a efectividade e potencialidades de antivirais estruturalmente similares aos empregados para tratar a Covid-19.