19X: xornada nacional de mobilizacións por “empregos, salarios e pensións dignas”

A CIG convoca esta terza feira manifestacións e concentracións para exixir que o “cambio de goberno” leve aparellado un “cambio de políticas”, comezando pola derrogación das reformas laborais.

 

Manifertacion CIG Vigo

A moción de censura que desbancou o goberno de Mariano Rajoy e propiciou a chegada dun executivo socialista xerou un novo escenario político, polo que a CIG decidiu suspender a greve xeral que convocara para o 19X e transformar esa data nunha xornada nacional de mobilizacións.

O secretario xeral da central nacionalista, Paulo Carril, entende que o cambio de Goberno ten que levar aparellado tamén un cambio das políticas. Doutro xeito, afirma, “a moción será unha fraude se o cambio de políticos non se acompaña cun cambio de políticas”. Por iso exixe do Goberno un calendario para a derrogación inmediata de todas esas reformas que saquean e rouban á clase traballadora.

Considera o sindicato que non será posíbel recuperar os dereitos mentres non se derroguen as reformas laborais, da negociación colectiva ou das pensións. Por iso chama á mobilización este 19 de xuño, “para forzar o Goberno e as forzas que o elixiron a cambiar as políticas que provocaron a precarización e o empobrecemento da clase traballadora ”.

O secretario xeral lembra que a CIG retomará a convocatoria de greve se nos próximos meses o novo Goberno do PSOE, e a correlación de forzas políticas que o fixo posíbel, non efectivizan o calendario para anular todas as reformas "que nos levan a unha situación social sen saída". "Na CIG acreditamos en que a mobilización social é a que vai conseguir a posta en marcha de políticas alternativas e que o goberno faga reais eses cambios", aseverou.

Lugar e hora das mobilizacións:

A Coruña: Praza de Vigo, 20h

Cee: Praza 8 de marzo 20h

Ferrol: Praza de España, 20h

Santiago: Praza Roxa, 20h

Pontevedra: Praza da Ferreiría 20h

Vilagarcía: Casa do Mar, 20h

A Estrada: Praza do Mercado, 20h

Vigo: A Doblada, 20h

Ourense: Edificio Sindical (Parque de San Lázaro), 20h

Lugo: Edificio Sindical (Ronda da Muralla), 20h

Burela: Local CIG (Avda. Arcadio Pardiñas), 20h

Monforte: Praza de España, 20h

As Pontes: Praza do Hospital, 19:30h

A Pobra do Caramiñal: Cantón da Leña, 20h

Comentarios