A CIG empraza a esquerda política a apoiar a greve xeral do 19 de xuño

Apela á coincidencia na necesidade de dar un salto adiante na defensa dos dereitos e dun futuro digno.

CIG greve xeral
photo_camera CIG greve xeral

A CIG dirixiuse a unha decena de organizacións a raíz da proposta de greve xeral para o 19 de xuño. Agora Galiza,  Anova, BNG, Causa Galiza, Cerna, Compromiso por Galiza, En Marea, Esquerda Unida (Galiza e Estado), PCPG, Podemos (Galiza e Estado),  PSOE (Galiza e Estado) son as organizacións ás que a central nacionalista empraza a atender as razóns da convocatoria deste paro, convocado baixo o lema ‘Sumando Loitas. Sobran razóns. Pola Recuperación dos nosos Direitos. Na Galiza, emprego, salarios e pensións dignas’.

A CIG apela á “coincidencia con nós na necesidade de dar este salto adiante na defensa dos nosos dereitos e dun futuro digno”. Lembra o sindicato nacionalista que as decisións políticas adoptadas desde o inicio da crise económica “téñense demonstrado un auténtico roubo e saqueo á clase traballadora e ao conxunto do pobo galego”.

Desemprego, traballadores pobres, precariedade, temporalidade… a realidade actual é preocupante, denuncia a CIG, que tamén pon o dedo na chaga a respecto da emigración e do despoboamento que sofre o país, así como os recortes en dereitos e liberdades. Fronte a isto, o Goberno de Feixóo “sométese a estas políticas decididas en Madrid e Bruxelas, actuando só en favor dos Fondos de Inversión, que acumulan máis riqueza en menos mans, lonxe de Galiza.

Por iso considera que “non se pode agardar máis. Está en xogo evitar que as novas xeracións vivan en peores condicións que as anteriores” e entende que a folga xeral “é a resposta necesaria da clase traballadora  para demostrarlle ao poder económico e político a nosa disposición de loitar pola recuperación dos nosos dereitos e por un futuro digno”.

Comentarios