O paro rexistrado baixa nunha Galiza abocada ao emprego temporal

En abril baixou o número de inscritas no desemprego en 7.376 persoas. Un mes no que se asinaron 67.180 contratos, máis do 92% dos cales foron temporais. 

O número de persoas inscritas nas oficinas de emprego reduciuse en Galiza en 7.376 a respecto do mes anterior, un descenso que se produciu en todos os sectores e provincias. Son 244.701 as e os demandantes de emprego rexistrados, unha baixa do 9,4% en comparación a hai 12 meses.

Os dados de afiliación á Seguridade Social: 929.458 persoas, das cales 691.469 son do réxime xeral, 217.243 autónomos e 20.746 do réxime especial do mar. O número de inscritos na S.S aumentou en 12 meses nun 2,20% malia que o desemprego descendeu, como dixemos antes, nun 9,4%. Unha paradoxa que tamén se dá se analizamos o comportamento de abril a respecto do mes anterior, marzo. En abril o paro rexistrado baixou no noso país nun 2,93%. Mais o incremento de afiliación á Seguridade Social foi de apenas un 0,69%.

Abril foi un mes no que se asinaron 67.180 contratos, un 5,23% máis dos subscritos en marzo. Mais de todos eses contratos, só 5.225 foron indefinidos. O resto -61.955- foron temporais, un 92,2%. Galiza é o cuarto territorio onde máis aumentaron os contratos temporais nos últimos doce meses (18,7%), só superado por Valencia e as dúas castelas.


Haberá ampliación


 

Comentarios