Agora

Efrén Castro (segundo pola dereita), na presentación da proba. (Foto: VIcepresidencia Deputación de Lugo).
Agora

A Subida a Taboada abre o Galego de Montaña

O Campionato Galego de Montaña 2024 terá como punto de partida a décimo primeira edición da Subida a Taboada, que se desenvolverá ao longo da presente fin de semana, concretamente do sábado, 28 de abril, a domingo día 29. A proba, que regresou o pasado ano 2023 logo de 17 anos de ausencia grazas ao traballo da Escudería Taboada -coa colaboración da vicepresidencia da Deputación de Lugo- manterá o seu trazado habitual, situado nun treito da estrada LU-611 entre Rubián (Bóveda) e a localidade chantadina de Taboada.  Nesta ocasión o certame será puntuábel, ademais de para o ránking de Montaña nas súas distintas clases (1, 2, 3, 4, 5A, 5B, 5C e 6), para a denominada 'Copa Antoxo', destinada a vehículos de cilindrada inferior a 1.600 centímetros cúbicos con motor atmosférico, tracción dianteira e caixa de cambios en 'H'. Durante a presentación desta Subida a Taboada, o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, ratificou na súa intervención a "colaboración" do departamento de Deportes da institución provincial co mundo do motor, salientando a súa intención de "consolidar" o evento como "un referente desta modalidade deportiva que facilita ao público seguir os rallys e xera actividade económica na vila".

Pablo Isla e Flora Pérez na última xunta de accionistas de Inditex. (Europa Press).
Agora

Pablo Isla, ex presidente de Inditex, elixido novo vicepresidente de Nestlé

Nestlé nomeou Pablo Isla, ex presidente e conselleiro delegado de Inditex, novo vicepresidente do seu consello de administración, conselleiro coordinador e presidente da comisión de nomeamentos do xigante suízo da alimentación, segundo aprobou a multinacional na súa última xunta xeral de accionistas, realizada en Lausana (Suíza). Así, Isla pegou un salto dentro do organigrama de Nestlé após seis anos como conselleiro independente na compañía suíza, dado que se uniu ao seu consello de administración en 2018. Isla dirixiu Inditex entre 2005 e 2022, primeiro como conselleiro delegado e logo como presidente e conselleiro delegado desde 2011.
EuropaPress_5910116_incendio_rois_coruna
Agora

Estabilizados os incendios forestais de Barreiros e de Rois, que queiman xa case 120 hectáreas entre ambos os dous

A Consellaría do Medio Rural informou de que o incendio forestal rexistrado en Rois (O Sar) foi estabilizado pasadas as 5.00 horas desta terza feira, afectando xa unhas 100 hectáreas. Tamén foi controlado o fogo de Barreiros (A Mariña), que queima unhas 17 hectáreas. En Rois, o incendio comezou minutos antes das 18horas da segunda feira e para a súa extinción mobilizáronse até o momento tres técnicos, 29 axentes, 31 brigadas, 27 motobombas, dúas pas, catro avións e cinco helicópteros. En concreto, está a afectar á parroquia de Leroño.

Incendio en Rois (Foto: Europa Press).
Agora

Un incendio activo en Rois xa queimou 50 hectáreas

Un incendio forestal activo en Rois (O Sar) queimou até o momento 50 hectáreas. O lume comezou ás 17.55 horas na parroquia de Herbogo e a intensidade do fume fixo que se puidese observar desde a costa en municipios como Noia (comarca homónima). O vento tamén reactivou o incendio forestal que a pasada sexta feira calcinou máis de tres hectáreas na localidade de Barreiros (A Mariña).

Xián (centro) foi, unha vez máis, o mellor na categoría infantil. (Foto: FGDA).
Agora

A Supercopa de billarda xa ten contendentes

A xornada 14 da Liga Atlántica de Billarda na súa conferencia Rías Baixas, disputada esta pasada fin de semana en Bueu (O Morrazo), outorgou as últimas cinco prazas que restaban por determinar para ser parte o vindeiro sábado, 27 de abril, na Supercopa de Billarda, un torneo que se disputará na Coruña e que será retransmitida polas cámaras da TVG2. Deste modo, no Grupo '1' competirán Collazo (APB), Belmira (Valpaços), Kevin (APB) e Salgue (Valpaços); no '2', enfrontaranse Eladio (Campo da Feira), Bego (Corredoiras), Valentín (Filloas de Sangue) e Novás (Corredoiras); no '3', medirán forzas Anzo (Gharaboto), Merche (APB), Xián (Lúa de Forza) e Juan Carlos (Campo da Feira); mentres que no '4' colidirán Xan Rodiño (Lúa de Forza), Irene (Cochiqeueiros), Antía (Gharaboto) e Viqueira (Coquiqueiros).
O limiao permanece ingresado en observación nun hospital belga. (Foto: Carlos Canal).
Agora

Grave caída do ciclista galego Carlos Canal na Liexa-Bastogne-Liexa

Actualmente, o máximo expoñente do ciclismo galego masculino no circuíto profesional en estrada non é outro que Carlos Canal. Porén, a sorte non estivo do seu lado na clásica Liexa-Bastogne-Liexa (a decana das probas denominadas como 'monumentos do ciclismo' xunto coa París-Roubaix, a Milán-San Remo, o Giro de Lombardía e o Tour de Flandes), pois sufriu unha aparatosa caída que non só lle impediu completar o percorrido, senón que obrigou a trasladalo até o hospital. A falta de 69 quilómetros para a liña de meta un bolardo mal sinalizado na beira esquerda da estrada elevou polos aires o corredor de 22 anos, que impactou de cabeza contra o firme, ficando totalmente inmóbil. Afortunadamente, as probas médicas que lle practicaron descartaron "tanto lesións óseas como cerebrais", mais si que padece un traumatismo cranial e diversas feridas e contusións tanto no ombreiro esquerdo como en ambos os xeonllos que obrigaron á súa permanencia en observación, desde onde o limiao manifestou  que todo "está en orde".

 .

Arroxo e Ferreiro, á esquerda, na Biblioteca Isidro Novo.
Agora

O Concello de Lugo dará a coñecer hoxe a persoa gañadora do Premio Ánxel Fole

O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira responsábel da área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentaron desde a Biblioteca Municipal Isidro Novo as actividades organizadas polo Concello de Lugo con motivo do Día do Libro. Hoxe, a concellería de Cultura repartirá libros en todas as salas museísticas da cidade de Lugo, co fin de promover o hábito da lectura.  Ademais, ás 19.30 horas terá lugar no Vello Cárcere a presentación da obra da persoa gañadora do  XXV Certame de Narración Curta Ánxel Fole, que anualmente organiza o Concello de Lugo coa colaboración de Edicións Xerais de Galiza.  Maite Ferreiro destacou este certame como "unha cita consolidada xa no calendario cultural galego".  
Bloque de vivendas en Ourense. (Foto: Agostime / Europa Press)
Agora

A compravenda de vivendas aumentou 38,4% en febreiro na Galiza

A compravenda de vivendas na Galiza subiu 38,4% o pasado febreiro, en comparación co mesmo mes de 2023, até situarse nos 2.090 inmóbeis, segundo datos publicados esta segunda feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Desta maneira, a Galiza rexistrou un incremento seis veces superior ao da media estatal. Na Galiza, 517 das vivendas comercializadas eran novas, case 46,9% máis; mentres que 1.573 eran usadas, 37% máis. Por outra parte, 2.009 tratábase de vivenda libre e os 81 restantes, protexidas.

Un hidroavión (Imaxe: César Arxina / Europa Press).
Agora

Extinguido o incendio forestal de Cabanas (Eume), que afectou 2,4 hectáreas

A Consellaría do Medio Rural informou de que foi extinguido o incendio forestal que permanecía activo no municipio de Cabanas (Eume) e que afectou 2,4 hectáreas de superficie dentro do Parque Natural Fragas do Eume. O lume iniciouse pouco despois das 13 horas deste pasado domingo e sobre as 20horas deuse por finalizado, afectando perto de 2,4 hectáreas. En total, mobilizáronse para a súa extinción un técnico, catro axentes, 11 brigadas, cinco motobombas, dous avións e tres helicópteros.

Fernando Clavijo, presidente canario (Coalición Canaria), a sexta feira. (Foto: Europa Press )
Agora

As Canarias saen á rúa para reclamar a fin da masificación turística

Nas Canarias, o modelo turístico levou a que cada vez máis persoas se vexan obrigadas a vivir en chabolas, covas e incluso nos seus vehículos pola alza da vivenda causada por, entre outros, polo avance dos pisos turísticos. Neste sentido, as oito illas desenvolverán o sábado mobilizacións para protestar por este modelo, a masificación e a falta de protección de residentes e natureza, instando a frear o crecemento de aloxamentos turísticos.

As da Mariña son favoritas Rubén Burela).
Agora

Derbi entre Burela e O Castro na elite do fútbol sala

Pescados Rubén Burela e O Castro Bloques Cando enfróntanse este sábado (Pavillón de Vista Alegre, 20 horas) nun derbi no marco da xornada 25 da Primeira División de Fútbol Sala coa idea de sacar a espiña da súa prematura eliminación da Copa da Raíña a pasada fin de semana, onde ambas as formacións caeron nos cuartos de final. Mais non será este o único duelo interesante na máxima categoría estatal con maior peso da representación galega, pois o Poio Pescamar continúa ás 18 a súa persecución dos postos de play-off recibindo na Seca o Leganés, fechacancelas con só catro puntos. Nun escenario diametralmente oposto, o Viaxes Amarelle colide na Sagrada Familia co segundo clasificado, Atlético Navalcarnero (18 horas). O Marín, pola súa parte, visita o campo do Les Corts barcelonés ás 16.15.
Pasaxeiros e pasaxeiras na estación de tren da Coruña (Foto: Manel Méndez).
Agora

Un pequeno incendio atrasa a saída dun tren da Coruña a Vigo

Un conato de incendio declarado entre dous coches dun tren que cobre a liña entre A Coruña e Vigo obrigou a atrasar a saída do servizo desde a estación da cidade herculina durante 40 minutos. O tren tiña prevista a súa saída ás 9 horas desta sexta feira da estación da Coruña con destino a Vigo, mais a declaración dun pequeno incendio obrigou a desaloxar o tren e estabelecer medios alternativos, segundo trasladaron fontes de Renfe. O incidente atrasou a saída do servizo, que, finalmente, puido partir da Coruña ás 9.40 horas.

Os presidentes Lula da Silva e Gustavo Petro (centro) a cuarta feira. (Foto: Ricardo Stuckert / PR)
Agora

Colombia anuncia que buscará integrarse no grupo Brics, e o Brasil "promoverá" a súa candidatura

Na declaración conxunta despois da reunión do presidente colombiano, Gustavo Petro, e brasileiro, Lula da Silva, Petro comunicou na madrugada da quinta feira o seu interese en sumarse ao grupo Brics o antes posíbel, o que foi acollido “con beneplácito” por Lula, que “se comprometeu a promover a candidatura de Colombia” e propuxo unha “alianza estratéxica” bilateral para incrementar o peso internacional de ambos os dous países.

Acto de entrega dos Premios á calidade lingüística, esta quinta feira (Foto: Xoán Crespo).
Agora

A USC entrega os Premios á calidade lingüística

O Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) acolleu esta quinta feira a entrega dos Premios á calidade lingüística dun total de 25 traballos realizados no curso 2022-2023 en galego, un galardón que cumpre 20 anos fomentando unha cultura de calidade e o uso do idioma entre o alumnado. A USC é unha universidade que "traballa pola lingua" propia e "por facer ciencia e coñecemento tendo como referente á Galiza", destacou o reitor Antonio López neste acto.
Daniel Pérez, Bruno López, Evencio Ferrero e Sheila Ferreiro, na presentación. (Foto: Concello de Carballo).
Agora

Carballo recibe a Final Galega a 4 de balonmán

As últimas prazas que dan dereito a disputar a fase de ascenso á categoría estatal de balonmán decidiranse en Carballo. Tanto mañá sábado como o domingo, 21 de abril, o Pavillón Vila de Noia acollerá unhas finais sénior a 4 que abrirán os homes ás 10.30 horas desta sexta feira cunha semifinal entre Magope Seis do Nadal e SAR Plastic Omnium, saíndo o outro finalista do choque O Grove Paraíso Rasoeiro-Mecalia Atlético Guardés. Xa pola tarde será a quenda das mulleres, enfrontándose Tapería Dos Chata Balonmán Cangas e a Asociación Deportiva Carballal ás 16 horas e o local Calvo Xiria co Lavadores de Vigo ás 18. Para o domingo será tempo dos partidos polo terceiro e o cuarto posto -10.30 masculino e 12.30 feminino-, ficando a finalísima dos rapaces ás 16.30 horas e a das rapazas ás 18.30.
 
Cetáceos na costa galega (Foto: CEMMA).
Agora

Cetmar e USC estudan para reducir capturas non desexadas

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) traballan nunha investigación europea, xunto a máis dunha ducia de institucións de cinco países, para reducir a captura incidental (non desexada) de megafauna mariña ameazada. Esta acción interdisciplinar busca proporcionar coñecementos prácticos que permitan mellorar os sistemas de observación, protexer a biodiversidade mariña e promover prácticas pesqueiras máis responsábeis. Coordinado pola Universidade de Barcelona, o proxecto comezou en xaneiro de 2024 a súa actividade e prolongaranse até decembro de 2027. Está financiado pola Unión Europea a través do programa Horizonte Europa.
Ameixa intervida (Foto: Garda Civil).
Agora

Interveñen no Grove un camión portugués con 1.674 quilos de ameixa xapónica sen documentación

A Garda Civil do Grove (O Salnés) interveu na PO-316 un camión portugués con 1.674 quilogramos de ameixa xapónica sen documentación. Segundo informaron, os feitos sucederon o pasado domingo cando comprobaron que a carga dun camión isotermo era unha gran cantidade de sacos deste bivalvo. Ao requirirlle ao condutor a documentación para o transporte manifestou que carecía dela, que a trae desde Portugal e o destino era unha depuradora do Salnés. A patrulla púxose en contacto coa confraría de pescadores do Grove e procederon a trasladar o camión á lonxa para a pesada dos sacos. Así, tratábase de 93 sacos de ameixa xapónica, algunha delas non regulamentaria por non dar a talla, cun peso total de 1.674 quilogramos.
Mercado baleiro en Artsakh tras fuxir a maioría da poboación. (Foto: Marut Vanyan / DPA vía Europa Press)
Agora

Rusia confirma a retirada dos 2.000 soldados do continxente de paz despregado en Artsakh desde 2020

O voceiro do Kremlin, Dmitri Peskov, indicou a cuarta feira que as arredor de 2.000 tropas rusas que integran o continxente de paz despregado en Artsakh desde a fin do conflito bélico con Acerbaixán de 2020 iniciaron a súa retirada da zona tras a disolución da república autoproclamada homónima, logo da fuxida de máis de 100.000 persoas armenias a raíz dun ataque de Acerbaixán contra o territorio en setembro de 2023.

O evento será en Vigo. (Foto: Keltoi).
Agora

O prestixioso torneo 'Feile' de fútbol gaélico chegará á Galiza

O Feile, a competición infantil de fútbol gaélico máis importante do que nese deporte se coñece como 'Rexión Europa' -que abrangue a todo o continente agás as illas de Irlanda e a Gran Bretaña- chegará á Galiza, e máis concretamente a Vigo. A sede escollida foi o Colexio Montecastelo da cidade olívica, e a data o sábado 27 de abril. Até alí viaxarán 11 equipos procedentes, ademais da Galiza, de Francia, Bélxica, Alemaña, Luxemburgo, Países Baixos e Suíza. Con respecto aos boletos, o Keltoi, responsábel da organización, confirmou que o acceso será de balde para todas aquelas persoas interesadas en asistir, e que os partidos desenvolveranse entre as 9.45 e as 18 horas.
As Sereas Bravas (na imaxe) coliden con dous equipos madrileños. (Foto: Sereas Bravas).
Agora

O mellor do roller derby rétase en Vigo

A cidade olívica torna o próximo sábado, 20 de abril, na capital estatal do Roller derby co gallo da disputa da Segunda División do Campionato da ARDE (Asociación Roller Derby de España). Alí, concretamente no Pavillón Monte da Mina, entrarán en xogo as locais das Sereas Bravas e as coruñesas das Brigantias -que saíron vitoriosas do derbi da última data- nunha intensísima xornada que as levará a xogar até dous partidos. En primeiro lugar, As Brigantias colidirán ás 12 horas co Roller Derby Madrid 'B', un choque que dará paso, xa ás 14 horas, ao debut das Sereas Bravas fronte outra formación da capital do Estado, Black Thunders. Pola tarde (16 horas), as xogadoras coruñesas volverán saltar ao parqué da Mina para enfrontarse ás Black Thunders, baixando o pano o Sereas-Madrid 'B' ás 18.