Agora

O edil de Cultura, Demetrio Gómez, con Mar García, encargada do programa.
Agora

Pontevedra 'busca' contacontos

O edil de Cultura do Concello de Pontevedra, Demetrio Gómez, presentou onte unha nova edición de "Bótalle un conto", un concurso que busca os mellores contadores de historias que viven en Pontevedra. "Bótalle un conto" posúe un camiño de participación concreto, onde logo da inscrición chegará o momento de contar e ser gravado nos diferentes locais sociais da cidade e das parroquias entre abril e maio.
Hospital da Mariña, en Burela (Foto: Xunta da Galiza).
Agora

Denuncian o "feche" de camas no Hospital da Mariña durante o verán

A xunta de persoal do Hospital Público da Mariña denunciou o "fechamento" da planta de Medicina Interna durante o verán. A CIG Saúde da Mariña criticou que o "fechamento carece de calquera xustificación técnica posíbel" e que "tan só obedece" a unha política sanitaria "de recortes do PP" que busca o "desmantelamento" da sanidade pública na comarca. Así, detallou que este "fechamento de camas" terá "consecuencias" para as persoas enfermas e "suporá o incremento" das derivacións ao Hospital de Lugo, ao "non existir camas libres" no hospital de Burela. "Unha práctica que se realiza durante os últimos meses e que provoca o malestar das persoas afectadas e familias que se ven obrigadas a desprazamentos innecesarios por motivo dunha mala planificación da dirección dun hospital que acaba de ser ampliado". Fontes da Consellaría de Sanidade precisaron que o feche de camas "non é algo exclusivo" do Hospital da Mariña e insistiron en que "estará dispoñíbel o 100% das camas" para seren utilizadas "sempre que sexa necesario, en calquera momento".
O tren de alta velocidade 'Avril' (Foto: Nós Diario).
Agora

Renfe recibe dez trens Avril para Galiza

Tras acumular un atraso de perto de dous anos, Renfe recibiu os dez primeiros trens Avril de Talgo para ofrecer os novos servizos de alta velocidade desde a Galiza e Asturias a Madrid. Anunciouno esta quinta feira o ministro de Transportes e Mobilidade Sostíbel, Óscar Puente, que asegurou hai uns meses que as primeiras unidades chegarían en marzo, pero finalmente a empresa seguiu atrasando o pedido até agora. "Renfe xa recibiu os primeiros dez trens da serie 106 para ter a flota máis moderna de Europa e ofrecer novos servizos de alta velocidade á Galiza e a Asturias, ao tempo que nos permitirá recolocar material para proporcional mellores servizos noutros territorios", avanzou o ministro nas súas redes sociais. Prevese que circulen a partir do 21 de maio.
Antonio López e Elías Feijó, esta quinta feira, en Compostela. (Foto: Santi Alvite)
Agora

A USC conmemora os 50 anos da Revolución de Abril con historia, literatura e cultura

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) conmemora os 50 anos da Revolución dos Cravos cunhas xornadas sobre a historia, literatura, cultura e política. Os actos, baixo o título '50 anos do 25 de abril', foron presentados esta quinta feira polo reitor da universidade, Antonio López, e o decano da Facultade de Filoloxía, Elias Feijó. As actividades decorrerán en dúas partes e a primeira delas decorrerá do 23 ao 25 de abril, con palestras a cargo de Isabel Margato, Xosé Fortes Bouzán, Margarita Ledo e Rui Pato. A segunda parte, que versará sobre a historia, decorrerá os días 7 e 8 de maio baixo o lema "O 25 de abril na historia" e contará coa participación de Pedro Pezart Correia, Fernando Rosas, Nieves Lagares e Manuel de Artaza.
Un positivo en testosterona aparta o vigués dos Xogos de París. (Foto: CPE).
Agora

Chano Rodríguez retírase por dopaxe

O nadador galego Sebastián, 'Chano', Rodríguez, gañador de 16 medallas nos Xogos Paralímpicos, oficializou esta quinta feira o seu retiro logo de recibir a comunicación por parte da Comisión Española para a Loita Antidopaxe (CELAD) dun positivo nun control. Nun comunicado, o vigués de 67 anos explicou que a mostra irregular "recolleuse durante unha concentración co combinado estatal en Sierra Nevada o 12 de xullo de 2023", e que a presenza no seu organismo de niveis excesivos de testosterona debeuse ao seu "erro de consumir suplementos que contiñan tales substancias prohibidas" a causa do seu "descoñecemento inescusábel". "Tratábase dunha medicación facilitada de boa fe por un profesional coñecido, pero todo deportista é responsábel de comprobar os produtos que consume e inxire", resaltou.
Nove de cada dez empresas dedícanse ao sector servizos. (Foto: Nós Diario)
Agora

A creación de empresas sobe 2% na Galiza en febreiro, menos que a media estatal

Galiza rexistrou un total de 386 sociedades mercantís en febreiro de 2024, o que supón 2,1% máis que no mesmo mes de 2023, segundo os datos publicados polo INE esta quinta feira. O incremento galego está por baixo da media de avance do 7,9% que anota a media estatal, coa maior repunta en Asturias (22%). O capital desembolsado para a constitución destas compañías foi de 12,1 millóns de euros na Galiza. Todas as empresas creadas foron SL. Por outra parte, a disolución de empresas baixou 6%, até un total de 151. Do total de compañías que desapareceron, 139 fixérono de forma voluntaria, sete por fusión e cinco doutro tipo.
Presentación do evento en Pontevedra. (Foto: Concello de Pontevedra).
Agora

Volve a carreira ciclista Costa Atlántica de Pontevedra

A carreira Costa Atlántica MTB Tour regresa esta sexta feira cunha edición que se estenderá até o próximo domingo, 14 de abril, e que xuntará máis de 250 corredoras e corredores, duplicando a cifra de 2023. Durante o acto de presentación, que tivo lugar no Concello da Boa Vila e estivo conducido pola edil de Deportes, Anabel Gulías, explicouse que nesta ocasión a Costa Atlántica adoptará "un formato challenge", o que quere dicir que cada etapa das tres que a integran -unha contra o reloxo nocturna e dúas denominadas "maratón"- disputarase de forma independente, polo que aínda que unha participante non a finalice, si poderá disputar a seguinte sen ser descualificada.
A haltera Irene Martínez. (Foto: Instagram Irene Martínez).
Agora

A haltera Irene Martínez apártase da alta competición e regresa á Coruña

A haltera galega Irene Martínez anunciou que, aos seus 30 anos, deixa o Centro de Alto Rendemento (CAR) de León no que residía para volver a casa. "Despois do Campionato de Europa -onde rematou décimo quinta, perdendo así o último tren para estar nos Xogos de París, en boa parte por un problema de cadeira que arrastra desde hai anos- pensei en deixar completamente a halterofilia, pero quixen darme un tempo. Descansei dúas semanas e comecei a adestrar outra vez, pero xa non me apetecía, non estaba ben nin física nin mentalmente, non tiña gañas nin de tocar unha barra". Non obstante, a 14 veces campioa de España aclara que isto non é "unha retirada, nin moitísimo menos", senón que, tras 15 anos residindo en distintos CAR, volve ao Club Halterofilia Coruña para "empezar de novo".
Iria Castro e Álvaro Villasante, esta cuarta feira, en Lugo. (Foto: Nós Diario)
Agora

Gastronomía, solidariedade e música danse a man nos Xardíns da Deputación

Os Xardíns da Deputación de Lugo acollerán o vindeiro 3 de maio o festival solidario Nos Seus Pés, organizado polo cociñeiro lucense Álvaro Villasante e o grupo Nove coa colaboración da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Trátase dun evento gastronómico e cultural a favor das persoas refuxiadas que busca recoller fondos para a ONG ProemAID, centrada no rescate e na atención en risco no mar. Desta maneira, recoñecidas cociñeiras e cociñeiros, a comezar por Villasante, participarán nun festival que mesturará gastronomía, música en directo e intervencións artísticas. Os primeiros detalles do programa avanzaranse este domingo, nun acto no que se proxectará o documental 24 millas, de Asier García e Unax Blanco, unha peza que recolle o primeiro rescate realizado por ProemAID no Mediterráneo en 2017.
Rodríguez, Cao, López, Reigosa e Corgos, esta cuarta feira, en Compostela. (Foto: Nós Diario)
Agora

As universidades galegas incorporarán entre 130 e 150 profesoras axudantes doutoras

As tres universidades públicas galegas incorporarán entre 130 e 150 profesoras e profesores, principalmente axudantes doutores, a raíz do Programa para a Incorporación de Talento Docente impulsado polo Goberno estatal e co apoio da Xunta da Galiza. O reparto entre os tres centros será equitativo, entre 40 e 50 docentes, e está previsto que comecen a exercer a partir do próximo curso, 2024-25, mais aínda quedan por fechar as cifras concretas e o calendario.
Un momento do espectáculo de Guadi Galego 'Síntese Horizonte'. (Foto Cris Padín)
Agora

Guadi Galego ponlle o ramo á súa xira 'Síntese Horizonte' no Principal de Pontevedra

Guadi Galego visitará Pontevedra este sábado 13 de abril -Teatro Principal, 20 horas- para pór o punto e final á xira de presentación do seu novo directo, Síntese Horizonte. Galego pechará así a tríade de concertos de presentación do seu último LP, Roibén, subindo de novo ás táboas para sorprender ao público cunha proposta exclusiva que pretende ofrecer unha experiencia musical única e transformadora.
Protesta de Eólica Así Non diante do Parlamento da Galiza (Foto: Arxina).
Agora

A Coordinadora Eólica Así Non chama a concentrarse ás portas do Parlamento durante a votación da investidura de Rueda

A Coordinadora Eólica Así Non, conformada por máis de 200 colectivos e plataformas contrarias á actual "invasión eólica", fixo un chamamento a asistir á concentración reivindicativa que terá lugar esta quinta feira, 11 de abril, ás 17 horas da tarde, diante do Parlamento da Galiza, coincidindo coa votación parlamentaria do debate de investidura de Alfonso Rueda como presidente da Xunta da Galiza. As organizacións sociais e plataformas de afectadas polo "espolio eólico" alí concentradas aproveitarán para achegar por rexistro ao novo Goberno galego o seu decálogo de reivindicacións "por un modelo enerxético alternativo, xusto, sustentábel e que estea ao servizo do pobo".
Unha alumna do CEIP Monte dos Postes de Santiago, onte.
Agora

46.500 estudantes de 4º de Primaria e 2º da ESO examínanse das probas diagnósticas da Lomloe

Un total de 46.500 alumnos e alumnas, entre as 21.600 de 4º de Educación Primaria e 24.900 de 2º da ESO, comezaron esta cuarta feira as avaliacións de diagnóstico fixadas polo Ministerio de Educación a través da actual lei educativa, que proseguen na quinta. Após avaliárense ao longo da xornada de hoxe as competencias en lingua e literatura galega e castelán, esta quinta feira ocuparanse da lingua estranxeira e as matemáticas. Cada proba dura un máximo de 75 minutos e hai un descanso de media hora entre exames.
Simon Harris (centro) tras a súa designación no lexislativo, a terza feira. (Foto: Niall Carson / PA Wire / DPA vía Europa Press)
Agora

O conservador Harris xa é o novo primeiro ministro de Irlanda após renunciar Varadkar

Simon Harris, do conservador Fine Gael, foi elixido a terza feira como novo primeiro ministro irlandés logo da dimisión do seu predecesor e correlixionario, Leo Varadkar, grazas ao apoio dos outros dous integrantes da coalición de Goberno, o tamén conservador Fianna Fáil e os Verdes, o que lle permitiu alcanzar 88 votos a favor, con 69 en contra. Harris xa era membro do Executivo e dirixía o Ministerio de Educación Superior.

O Santa Coloma (de branco), verdugo ligueiro do Noia (de azul), colisionará co Parrulo Ferrol nun intenso duelo galego-catalá. (Futo: Noia Portus Apostoli).
Agora

O Agustín Mourís de Noia acollerá a Copa Galiza de Futsal

A Copa Galiza de fútbol sala, na súa modalidade masculina -a feminina tivo lugar en Pontevedra hai dúas semanas e o Poio Pescamar logrou suceder no palmarés o Pescados Rubén Burela despois de superar as súas veciñas do Marín na finalísima- desenvolverase no Agustín Mourís de Noia. Iso significa que o único conxunto galego na Primeira División da Liga Nacional de Fútbol Sala (LNFS), o Noia Portus Apostoli, actuará como local nun choque que o enfrontará ao Parrulo Ferrol da categoría de prata o próximo 17 de maio, Día das Letras Galegas. Segundo explicou a Real Federación Galega de Fútbol (RFGF), a acción da XXXIII Copa Galiza comezará ás 12.30 horas.
 
fandicosta
Agora

Sindicatos, persoal e Xunta abordan o futuro de Fandicosta e o proceso de venda

Os sindicatos UXT, CCOO e CIG e mais os membros do comité de empresa de Fandicosta reúnense esta cuarta feira de novo con representantes da Xunta da Galiza para abordar os avances no proceso de venda da pesqueira galega. Segundo informaron onte fontes sindicais, o encontro decorrerá nas dependencias da Consellaría de Economía, Industria e Innovación en Santiago de Compostela, a partir das 12 horas, polo que prevén que acuda a conselleira, María Jesús Lourenzá. Os sindicatos solicitaron a semana pasada este encontro debido a que nos próximos días rematará o prazo da prórroga do preconcurso de acredores, ademais do actual expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) que iniciou Fandicosta a comezos de ano mentres negociaba a venda.
Volve a proba 'Da Ruña ao Aro'. (Foto: Concello de Mazaricos).
Agora

Mazaricos ten unha nova cita coa bicicleta de montaña

Restan cada vez menos datas para a disputa da carreira de ciclismo de montaña 'BTT Os Picos de Mazaricos - Da Ruña ao Aro', que neste 2024 alcanza a súa oitava edición. Programada o próximo domingo, 14 de abril, Mazaricos conta as horas para unha nova xornada de competición "a través dalgunhas das paisaxes máis espectaculares da Costa da Morte e da comarca do Xallas", segundo destacan desde a organización. Esta proba xa veterana contará con dúas rutas de dificultade media, que sumarán cinco quilómetros máis que en 2023. Deste modo, o percorrido longo terá unha extensión de 50 quilómetros, mentres que o curto será de 40. As inscricións, confirma o Concello de Mazaricos, xa están abertas para calquera persoa interesada en participar que conte con máis de 16 anos de idade, podendo formalizar a mesma a través da internet.

Voluntarias do Banco de Alimentos nun supermercado Gadis. (Foto: Europa Press)
Agora

Banco de Alimentos busca 600 voluntarias para o Maio Solidario en supermercados Gadis

A Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo busca máis de 600 voluntarios e voluntarias en Pontevedra para poder desenvolver con éxito a súa acción Maio Solidario, organizada en supermercados Gadis. A pesar de que a campaña decorrerá ao longo de todo o mes de maio, Banco de Alimentos elixiu a primeira fin de semana, o 3 e o 4, para reforzala coa presenza física da chamada "marea azul" –a cor que visten as voluntarias deste proxecto–. Por iso, busca voluntarias e voluntarios que acodan aos estabelecementos , para o cal a asociación recorda que só é necesario dispor de catro horas durante eses días e inscribirse nun formulario habilitado na súa páxina web. En Vigo serán 300 as voluntarias mobilizadas; 75, en Pontevedra; 25, en Baiona, Mos, Tui, Marín, Bueu e Lalín; e 50, en Vilagarcía.
Tania, Lita e Aldara conformaron o podio na categoría feminina. (Foto: FGDA).
Agora

Dominio de Gharaboto na Liga Atlántica de Billarda

O pavillón do IES de Poio foi escenario dunha nova xornada da Conferencia Rías Baixas da Liga Atlántica de Billarda na que a gran dominadora foi Gharaboto. O azul das súas cores ocupou seis das nove prazas de podio en xogo (tres absolutas, tres femininas e outras tantas infantís) e, con todo, no plano colectivo a escuadra marinense empatou a 98 puntos con Lúa de Forza de Sanxenxo e Valpaços Terra Quente ficou a tan só tres de distancia (95), rematando xa máis lonxe Corredoiras (82), Armadiña (67) e Rinoceronte (36). Individualmente, Piru, Álvaro e Hugo (todos eles membros de Gharaboto) coparon o podio absoluto, rachando Tania (Valpaços) co seu dominio na feminina, onde estivo acompañada no caixón por Lita e Aldara. Finalmente, entre as crianzas impúxose Xián, de Lúa de Forza.
A central nuclear de Zaporijia é a máis grande de Europa. (Foto: Bai Xueqi / Europa Press / Contacto)
Agora

A OIEA advirte da "escalada" polos ataques ucraínos contra a planta nuclear de Zaporijia

Rafael Grossi, director xeral do Organismo Internacional de Enerxía Atómica (OIEA), alertou na madrugada da segunda feira que o ataque ucraíno con drones contra a central nuclear de Zaporijia, baixo o control das tropas rusas, constitúe unha “importante escalada” para a seguridade atómica. Tres traballadores resultaron feridos no ataque. Ademais, tras negar Ucraína a súa autoría, Rusia denunciou un novo ataque cun drone.