Agora

A escuadra herculina opta á Champions. (Foto: HC Coruña).
Agora

O Hóckey Coruña xogará a 'Final Four' da Champions

Histórica clasificación do Hóckey Club Coruña Feminino para a 'Final Four' da WSE Champions League, a máxima competición a nivel continental. O mérito é duplo, tendo en conta que a formación tan só existe desde maio do pasado ano 2023, cando naceu para coller a remuda dun Liceo que decidira baixar a persiana da súa sección feminina.
Este logro chegou logo de que derrotaran no Pazo dos Deportes de Riazor o Astro Stuart Hóckei Clube de Massama portugués por un contundente 8-0, que se uniu ao 0-2 logrado na pista do conxunto luso para chegar ao 10 a 0 global, que dá dereito a soñar con todo nunha final a catro que terá lugar entre os días 27 e 28 de abril. 
O bus sinistrado. (Foto: Europa Press)
Agora

Un microbús con sete peregrinos a bordo queda atacasdo por restos de barro e neve nun camiño do Cebreiro

A Garda Civil auxiliou sete peregrinos que se dirixían nun microbús a un hotel no Cebreiro tras quedar atrapado nun camiño deste municipio. Segundo trasladou o Instituto Armado, os feitos tiveron lugar ás 23 horas do pasado sábado a un quilómetro do hotel onde tiñan previsto aloxarse e iniciar á mañá seguinte a ruta cara a Santiago. Ao parecer, a condutora do microbús accedeu ao camiño por indicación do GPS e o vehículo quedou atascado polo barro e restos de neve existentes na vía. Os peregrinos foron trasladados por persoal do centro hostaleiro que tiñan contratado e, tres horas máis tarde, puido retirarse o autobús coa colaboración da patrulla da Garda Civil que acudiu ao lugar. A continuación, a condutora, que trasladaba os peregrinos desde Madrid, emprendeu a viaxe de volta ao redor das 2.30 horas do domingo.
Nos últimos anos escribíronse e publicáronse miles de libros de autoaxuda. (Foto: Nós Diario)
Agora

Novas axudas para estancias en residencias literarias fóra da Galiza

A Xunta da Galiza destina un orzamento de 20.000 euros a escritoras e escritores que queiran fomentar a difusión das letras galegas fóra da Galiza cos seus proxectos, así como impulsar a cooperación con organismos e centros culturais. As persoas creadoras que necesiten traducir as súas obras, que necesiten desprazarse para un proceso de investigación previo ou que necesiten un espazo e ambiente de traballo concreto para continuar cun proxecto xa iniciado poden solicitar unha axuda de 5.000 euros até o 15 de xullo, que poderán destinar a cubrir os gastos de viaxe, de transporte internos, de aloxamento e manutención, así como de subscrición a unha póliza de seguro de viaxe e outra médica. É a segunda convocatoria no marco do Plan Xeración Cultura.

Detalle do epicentro do sismo detectado en Pantón (Terra de Lemos). (Foto: INX).
Agora

Rexistrado un terremoto de 2,9 graos en Pantón, Terra de Lemos

O Instituto Xeográfico Nacional (IXN) detectou durante a madrugada deste domingo un terremoto de 2,9 graos de magnitude con epicentro no municipio de Pantón, na comarca de Terra de Lemos. Segundo informa na súa páxina web, o tremor, de intensidade 3 na escala de Richter, rexistrouse ás 05.23 horas. De diferentes modos o sismo sentiuse tamén na localidade de Monforte de Lemos, na parroquia de Distriz, e nas parroquias de San Martiño de Siós e Cima de Vila, en Pantón. As comarcas de Allariz-Maceda, O Condado e Terra de Celanova así como o territorio situado fronte á costa Ártabra tamén rexistraron movementos sísmicos perceptíbeis nos últimos días, concretamente en Xunqueira de Ambía, Padrenda e Mondariz, ademias do cuarto no océano Atlántico.
Vista panorámica de Vigo. (Foto: Nós Diario)
Agora

Detido un home como presunto autor dun asasinato a tiros en Vigo

A Policía detivo un home como presunto autor do asasinato a tiros na noite do sábado doutro varón de 57 anos en Vigo. Segundo confirmaron a 'Europa Press' fontes da investigación, a detención produciuse sobre a unha da madrugada e os axentes incautaron un arma de fogo. Os feitos sucederon sobre as 23 horas no barrio de Coia. A esa hora, varios veciños da contorna escoitaron dous disparos. Ao chegar ao lugar, os servizos de emerxencias e axentes da Policía confirmaron que o home falecera no acto. Brigadas da Policía Científica e de Homicidios investigan o sucedido. O caso está en mans do Xulgado de Instrución número 2 de Vigo, que é o que está de garda. Fontes xudiciais sinalaron que se non se prevé que o detido pase este domingo a disposición xudicial.

Un axente da Garda Civil española.
Agora

Interceptan un condutor que circulaba en sentido contrario pola AG-11

A Garda Civil interceptou o condutor que, na tarde desta sexta feira, circulou en sentido contrario pola Autovía do Barbanza e triplicaba a taxa de alcol. Segundo informou, o home, de 38 anos, deu negativo nas probas de drogas e nas de alcol lanzou un resultado de 0,79 mg/l en aire expirado. O suceso produciuse minutos despois das 20 horas cando o 112 recibiu varias chamadas de particulares que alertaban de que un turismo circulaba en sentido contrario pola AG-11, á altura do km 23, en dirección Padrón polos carrís sentido Ribeira. O vehículo tomou a saída cara a unha área de servizo, no km8, e reincorporouse á autovía en sentido correcto. Sobre as 20.17 horas, unha patrulla localizou e detivo o condutor por un delito de condución temeraria superando as taxas máximas estabelecidas.

Efrén Castro, deputado de Deportes na Deputación de Lugo (Foto: Nós Diario).
Agora

Novas axudas a deportistas da Deputación de Lugo

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo vén de abrir a convocatoria das súas axudas a deportistas que practiquen modalidades individuais. Cun investimento total de 100.000 euros, a área de Deportes distribuirá 230 bolsas destinadas a financiar gastos derivados da actividade competitiva, "apoiando e fomentando a súa participación nas distintas competicións". Así o apuntou o vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, engadindo que a convocatoria "trata de responder, sobre todo, ás súas necesidades en etapas de iniciación, e, polo tanto, de colaborar nuns gastos que atenden fundamentalmente as familias, desde licenzas ou inscricións até transporte ou material deportivo". 
O danés -segundo pola esquerda-, momentos antes da caída. (Foto: Europa Press).
Agora

Vingegaard sofre un neumotórax

O mellor ciclista da época actual e o gañador das dúas últimas edicións da Volta á Galiza -a máis recente disputada hai apenas un mes e medio-, Jonas Vingegaard, permanece ingresado nun centro hospitalario de Euskadi logo da durísima caída que sufriu durante a pasada quinta feira no marco da cuarta etapa da Itzulio. As consecuencias para o danés foron unha fractura de clavícula, varias costelas rotas, contusión pulmonar e un neumotórax, sendo a súa condición "estábel", tal e como explicou o seu equipo, o Visma-Lease a Bike, nun comunicado. Vingegaard non foi o único corredor afectado, pois Remco Evenepole fracturou a clavícula e a escápula; Sean Quinn, rompeu o esternón, ademais de padecer unha conmoción cerebral. Steff Cras tamén ten un neumotórax.
Exposición en Ruanda de roupa de vítimas do xenocidio. (Foto: Chris Jackson / PA Wire / DPA)
Agora

Comezan as conmemoracións polas tres décadas desde o xenocidio en Ruanda

O domingo inician en Ruanda os actos de conmemoración do 30 aniversario do comezo do xenocidio no país, no que foron asasinadas 800.000 persoas, impulsado polo Goberno de ultradereita ruandés, controlado polos hutus, contra os tutsis. Ambas as dúas categorías foron determinadas polos colonizadores belgas en base á clase social da poboación local, 
e non ten ningunha relación cunha cuestión étnica.

Flora Pérez Marcote e Alfonso Rueda Valenzuela, esta sexta feira, en Lugo. (Foto: Nós Diario)
Agora

Rueda tomará posesión do seu cargo como presidente no Panteón de Galegas Ilustres

O candidato do PP á Presidencia da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, tomará posesión do seu cargo o próximo sábado, 13 de abril, na igrexa de Bonaval, en Compostela, onde se sitúa o Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, como quinto presidente da Galiza na XII Lexislatura. O mesmo fixo Gerardo Fernández Albor (Alianza Popular), primeiro presidente da Galiza elixido polo Parlamento galego ao remate da ditadura franquista.
O Alto de San Cibrán, entre Ponteareas e Salceda. (Foto: USC)
Agora

Unha campaña de escavación arqueolóxica mostra un recinto fortificado

Froito da colaboración entre o proxecto 'Castelos no aire' de investigación arqueolóxica sobre as fortificacións altomedievais galegas e a comunidade de montes veciñais da Picoña, esta semana comezou unha campaña de escavación arqueolóxica no Alto de San Cibrán, situado na extrema entre as parroquias de Guláns, en Ponteareas (O Condado), e A Picoña, en Salceda de Caselas (comarca de Vigo). Os traballos diríxeos o investigador e arqueólogo do grupo de investigación Síncrisis da USC Mario Pereiro, que explica que o Alto de San Cibrán –lugar de referencia para as dúas parroquias que acolle unha romaría dúas veces ao ano– agocha un recinto fortificado "moi interesante, cunha extensión próxima ás 5 hectáreas e cunhas evidencias construtivas aínda recoñecíbeis".
Xubiladas e pensionistas da CIG, esta quinta feira, en Compostela. (Foto: Arxina)
Agora

Pensionistas da CIG exixen medidas urxentes para dignificar a vida das persoas maiores

O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG concentráronse esta quinta feira ás portas do edificio administrativo da Xunta da Galiza para trasladarlle ao novo Goberno galego as súas cinco demandas esenciais para dignificar a vida das persoas maiores: recuperar a sanidade pública galega, un sistema público de servizo de atención ás persoas, recuperar a atención sen cita previa, un plan de envellecemento activo e reforzar as pensións.
A galega, conversando co tenista Carlos Alcaraz no Pazo do Pardo. (Foto: Europa Press),
Agora

A triatleta Susana Rodríguez recolle o Premio Nacional do Deporte

A triatleta galega Susana Rodríguez Gacio recibiu  no Pazo do Pardo, en Madrid, a distinción de 'Premio Nacional do Deporte' na categoría de 'Mellor Deportista Feminina'. "Este é un día moi especial para min; estou moi honrada por este recoñecemento, porque é a primeira vez que se concede a unha deportista con discapacidade", indicou a campioa paralímpica nos Xogos de Toquio 2020, engadindo que após "seguir estes premios durante moitos anos" chegara a pensar "que eran unha porta que nunca se ía abrir por moito que fixese, pero é certo iso de que todo chega". Ademais, a viguesa de 36 anos reivindicou, ao mesmo tempo que agradecía ao xurado, "que valorasen" os seus resultados "como se fosen dunha atleta sen discapacidade", porque, apostilou, "así ten que ser".
 
Blinken, titular de Exteriores dos EUA, e Stoltenberg (OTAN). (Foto: NATO / DPA vía Europa Press)
Agora

A OTAN insiste en que "Europa precisa os Estados Unidos para a súa seguridade"

Na celebración a quinta feira do 75 aniversario da súa fundación, o secretario xeral da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), Jens Stoltenberg, reiterou que “Europa necesita os Estados Unidos para a súa seguridade”, ao tempo que Washington precisa a “vasta rede de Intelixencia” e a “influencia diplomática” europea. Un terzo dos Estados europeos non pertence á alianza militar liderada polos Estados Unidos.

Marián Ferreiro, Xurxo Lobato e Susana Alaniz, esta cuarta feira en Narón. (Foto: Xurxo Lobato)
Agora

Xurxo Lobato rende homenaxe ás persoas represaliadas en Ferrol en 1972

O fotógrafo coruñés Xurxo Lobato presentou esta cuarta feira en Narón (Ferrolterra) Rostros da memoria. Ferrol 1972, unha obra protagonizada por trinta persoas fotografadas por Lobato en branco e negro que sufriron a represión da ditadura franquista polas loitas obreiras decorridas en Ferrol no ano 1972. Nun ateigado Café Teatro, Lobato estivo acompañado da alcaldesa Marián Ferreiro e da presidenta da Asociación Fuco Buxán, Susana Alaniz. Esta obra, que edita a mencionada asociación, completa o traballo que Xurxo Lobato fixo en 2008 (Rostros da memoria) enfocado nas vítimas do franquismo na Galiza, e rende homenaxe a "só unha pequena parte" das persoas represaliadas. Ten, así, un "carácter simbólico que engloba os que naquel ano sufriron a represión".
A ría do Burgo, na Coruña. (Foto: Nós Diario)
Agora

Mariscadoras da ría do Burgo alertan da ausencia de "acondicionamento" previo para o sementado

As mariscadoras e os mariscadores da ría do Burgo, na Coruña, denunciaron a ausencia de "acondicionamento previo" para o sementado de bivalvos con motivo das obras de dragaxe, nun informe elaborado pola Confraría. Nel analizan as obras executadas e outras aínda non rematadas nos distintos bancos marisqueiros e indican que "non se realizou acondicionamento previo dos bancos marisqueiros" necesario para o sementado.
A galega bica o trofeo WTA 125 que gañou sobre a terra batida turca. (Foto: Megasaray Hotels Open).
Agora

Jéssica Bouzas, a un paso do 'Top-100' da WTA

 A Galiza está a piques de volver a contar, moitos anos despois, cunha galega entre as 100 mellores tenistas do mundo. Trátase da vilagarciá Jessica Bouzas, quen tras conquistar a pasada fin de semana o seu primeiro torneo WTA 125, en Antalya (Turquía), ascendeu até a posición 104 do ránking. Así, a deportista de 21 anos fica a un paso de coller a remuda da pioneira, Lourdes Domínguez, quen asaltou o 'Top-100' mundial en 2005, onde logrou manterse ininterrompidamente até 2009, chegando a ascender até o número 40. Non obstante, a pontevedresa non se afastou ese ano da elite, pois en 2010 volveu a ese 'Top-100', onde permaneceu até 2016, un ano antes dunha retirada que deixou orfo o tenis da Galiza até a irrupción da súa herdeira natural, unha Jessica Bouzas que explotou neste 2024.
Dependencias dos xulgados de Lugo (Foto: Europa Press).
Agora

Un xulgado abre dilixencias contra unha nai e unha avoa que acusaron unha profesora de envelenar e maltratar unha nena

O Xulgado de Instrución número 2 de Lugo abriu dilixencias, por un presunto delito de inxurias e calumnias, contra a nai e a avoa dunha nena que acusaron a unha das profesoras do centro educativo ao que asiste a menor de maltratala e envelenala. A docente, a quen as dúas mulleres culparon en reiteradas ocasións de someter á menor a diferentes tipos de malos tratos e de tentar envelenala, foi quen presentou a denuncia ao sentirse prexudicada por estas acusacións.

O ministro de Memoria Democrática, Ángel Víctor Torres. (Foto: Gustavo Valiente / 
 Europa Press)
Agora

O Goberno español aprobará medidas de restitución para as vítimas da Guerra Civil

O ministro de Política Territorial e Memoria Democrática, Ángel Víctor Torres, anunciou esta terza feira que o Goberno español levará ao Consello de Ministros e Ministras do 23 de abril a constitución dunha comisión para o recoñecemento de vítimas durante a Guerra Civil e tamén durante os anos 1978-1983, xa durante o período democrático e para continuar coas exhumacións. Tamén se aprobou unha comisión en defensa do pobo xitano. 
Casa do Concello de Cariño (Ortegal). (Foto: Pepe do Couto)
Agora

A auga de Cariño volve ser apta para o consumo

O Concello de Cariño (Ortegal) levantou a prohibición de consumo de auga en varias parroquias nas que permanecía vixente desde comezos de marzo, cando as análises na estación de tratamento do Castro detectaron elevados valores de trihalometanos. Deste modo, o consumo da rede de abastecemento volve estar permitido desde a tarde da segunda feira nas parroquias de Cariño e A Pedra, unha vez as analíticas sinalaron unha mellora das condicións da auga, que xa fora notificado á Consellaría de Sanidade. Desde o Concello, que encabeza a popular Ana María López, sinalaron que se instou a adxudicataria a axilizar a intervención na estación de tratamento e levouse a cabo un purgado da rede ante sospeitas de que un dos codos do circuíto podía ter acumulados trihalometanos.