Agora

O vigués Jacobo Fernández. (Foto: Bádminton Cíes).
Agora

O galego Jacobo Fernández fai historia no bádminton

A Federación Mundial de Bádminton (BWF, nas súas siglas en inglés) anunciou nesta terza feira que o deportista galego do Club Bádminton Cíes, Jacobo Fernández, formará parte tanto do dobres como dos mixtos na fase previa do Madrid Spain Másters de 2024 que arranca hoxe na capital do Estado. Deste modo, Fernández torna no primeiro deportista vigués en participar nun evento da BWF, algo que desde o seu equipo cualificaron de "excelente noticia". En Madrid, unha proba na que a gran estrela será a popular Carolina Marín, que vén de vencer no All England e no Swiss Open, Jacobo Fernández fará parella co granadino Daniel Franco e coa local Paula López.
O Viaxes Amarelle de fútbol sala quere gañar para lograr a salvación. (Foto: Viaxes Amarelle).
Agora

A Deputación da Coruña resolve as súas axudas ao deporte

A Deputación da Coruña destina 1.012.078 euros "a apoiar os clubs deportivos e deportistas que participan en competicións de ámbito nacional e internacional". A resolución provisional deste programa de axudas ao deporte coruñés, publicada nesta terza feira no Boletín Oficial da Provincia (BOP), beneficia un total de 128 conxuntos masculinos e femininos de todas as especialidades deportivas (fútbol, baloncesto, atletismo, balonmán, rugby, natación, piragüismo, remo, ciclismo, voleibol, hóckey, ximnasia, judo…) que participan en competicións do máis alto nivel. Segundo informou a Deputación herculina, outras sete axudas, por importe de 34.098 euros, están condicionadas á achega de documentación complementaria, sendo a máis elevada en canto a contía a do Viaxes Amarelle de Fútbol Sala (37.005 euros). 
Descarga de polbo no porto de Burela, A Mariña (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
Agora

A veda do polbo na Galiza estenderase durante os meses de maio e xuño

A veda do polbo na Galiza terá lugar este ano durante os meses de maio e xuño, período no que estará prohibida a captura desta especie por calquera arte e en augas tanto interiores como exteriores. A decisión foi acordada na última reunión da comisión de seguimento do plan experimental para a xestión deste octópodo. Deste modo, as embarcacións dedicadas á captura deste cefalópodo con nasas deberán retiralas do seu lugar de calado e levalas a porto a finais de abril. O tempo de veda tamén se aplica á pesca marítima de recreo e ás capturas con calquera outra arte distinta da nasa para polbo.

O historiador Benito Vicetto (Foto: Nós Diario).
Agora

Ferrol nomeará Benito Vicetto fillo predilecto da cidade

O pleno de Ferrol acordou declarar a Benito Vicetto como fillo predilecto da cidade, tras reconverter unha moción presentada polo BNG nunha declaración institucional que foi aprobada por unanimidade, na que valoran a importante contribución na recuperación da memoria histórica de Galiza como autor da que se pode considerar primeira Historia de Galiza e que foi ademais editada na propia cidade. Con este iniciativa ponse en valor a figura de Benito Vicetto Pérez que foi un significado xornalista, historiador, dramaturgo e novelista ferrolán. Un prolífico autor que cultivou a novela, a poesía, o teatro e o ensaio ao longo dunha abundante obra de entre a que é máis que salientable a súa faceta como historiador e o seu afán por escribir a historia máis completa de Galiza.

EuropaPress_5850380_caballo_atado_lugo
Agora

Denunciado o dono dun cabalo que estivo varios días atado e sen comer nunha leira en Lugo

A Policía Local de Lugo levantou unha acta de denuncia, conforme á lei de benestar animal, contra o dono dun cabalo que estivo varios días atado e sen comer. Ocorreu o pasado 8 de marzo, cando axentes da Unidade Territorial de Policía de Barrio foron comisionados polo 092 para que acudisen a unha parroquia do Concello dada a situación do animal. Así, os policías localizaron ao cabalo nunha leira, totalmente inmóbil e mollado baixo a choiva. Ademais, estaba atado por unha pata dianteira, polo queprocederon a liberalo e levalo a unha parte do terreo onde había comida. Tras as pertinentes investigacións, os axentes identificaron o propietario do animal, que tiña a documentación que coincidía co número do microchip. Con todo, non presentou nin o libro da explotación nin o seguro do exemplar, motivo polo cal se levantou acta de denuncia. Así mesmo, abríuselle sanción por ter ao cabalo inmóbil, sen alimento e sen auga, sen poder resgardarse da choiva e tamén por non comunicar o traslado do animal a outra provincia, xa que estaba rexistrado nun municipio da Coruña.

Un operario traballa cun vehículo na sede de Stellantis, na cidade de Vigo (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press).
Agora

Stellantis Vigo parará a súa actividade na noite de hoxe por falta de pezas

A factoría viguesa do grupo automobilístico Stellantis adiantará para a noite de hoxe, día 26 de marzo, o parón da súa actividade por Semana Santa debido á persistencia dos seus problemas de aprovisionamento. A pesar de que nun primeiro momento a compañía informou os seus empregados de que só pararía 25, 26 e 27 de marzo o seu Sistema 1, onde ensambla os Peugeot 2008, xa a semana pasada indicou que o Sistema 2, que monta as furgonetas das diferentes marcas do consorcio, tamén estaría sen actividade a partir da cuarta feira.Con todo, agora anunciou aos sindicatos que a quenda de noite desta terza feira xa non terá actividade na segunda liña, quedando a fábrica parada até a vindeira segunda feira, día 1 de abril, cando se prevé que se retome a actividade após a Semana Santa. Con todo, aínda está pendente de confirmar o escenario de peche dos talleres de Pintura, Ferraje e Embutición.

Geni e Dori (Billardeiros Musicais) foron as primeiras mulleres. (Foto: FGDA).
Agora

Campo da Feira imponse e roza o título na Conferencia Noroeste da Liga Atlántica de Billarda

Palanadoras e palanadores de toda a Galiza xuntáronse na praia de Bastiagueiro (Oleiros) para disputar a xornada número 13 da Conferencia Noroeste da Liga Atlántica de Billarda. Alí, e sobre unha superficie pouco habitual no torneo como é a area, impúxose Campo da Feira de Paiosaco após sumar 69 puntos, que representaron nove de vantaxe sobre Cochiqueiros de Cerceda (60), ampliando, ao mesmo tempo, até os 30 a distancia que separa ambas escuadras no máis alto da clasificación colectiva. No plano individual, Basilio (Billardeiros Musicais de Ribadeo) comandou o seu equipo até o terceiro posto do podio da xornada grazas aos seus 19 puntos, mérito que tamén logrou na categoría feminina a súa compañeira Geni, que rematou por diante de Dori, tamén de Billardeiros Musicais.  
Lores, coa taekwondoin Sara Cortegoso e máis Miguel Cortegoso. (Foto: Concello de Pontevedra).
Agora

O alcalde de Pontevedra recibe a cinco deportistas e clubs diferentes

O Concello de Pontevedra acolleu na xornada de onte até cinco recepcións distintas do alcalde da Boa Vila, Miguel Anxo Fernández Lores, a deportistas e clubs deportivos "por mor dos seus últimos fitos", o que, en palabras do rexedor, "é unha mostra do incríbel talento e bo facer que hai nesta cidade en diferentes disciplinas e categorías deportivas". Así, Lores atendeu en primeiro lugar a Daniela Suárez e Juan David Hernández, nadadoras sincronizadas do Club Galaico Sincro; posteriormente achegouse até a Alcaldía a taekwondoin do Mace Sport Sara Cortegoso; colleu a remuda a loitadora ucraína afincada en Pontevedra Nadia Zholtikova; e baixou o pano co tirador Juan Saavedra. 
A aplicación de mensaxes Telegram ten 900 millóns de usuarias. (Foto: wichayada)
Agora

A Audiencia española dá marcha atrás e revoga a orde para suspender Telegram

Santiago Pedraz, maxistrado da Audiencia Nacional española, revogou de forma definitiva a orde de bloquear Telegram tras recibir un informe da Policía que sinala que a medida afectaría oito millóns de persoas no Estado, transcendeu hoxe. A sexta feira, Pedraz ordenara suspender Telegram a raíz dunha denuncia de Mediaset, Atresmedia e Movistar Plus, que alegan que en canles da aplicación se comparten contidos con dereitos de autor.

#violencia #violencia_machista #violenciamachista O condenado causoulle todo tipo de malos tratos físicos e psicolóxicos constatados agora pola Xustiza.
Agora

Detido un home por agresión sexual a unha menor nunhas festas da Laracha

A Garda Civil detivo a fin de semana un home por un suposto delito de agresión sexual a unha menor, de 17 anos de idade, durante unhas festas parroquiais noConcello da Laracha, na comarca de Bergantiños. Os feitos, segundo confirman a Europa Press fontes coñecedoras do caso, ocorreron na madrugada do sábado ao domingo ante a mirada de moitas persoas que estaban alí presentes. Este home chegaría a bicar e realizar tocamentos á menor, momento no cal foi increpado por veciños, que alertaron a Garda Civil. Os axentes detivérono e trasladárono a dependencias do Instituto Armado na Laracha, á espera de pasar a disposición xudicial.

Abraham Pérez.
Agora

Segunda feira de Poetas Di(n)versos na Coruña: recitarán Abraham Pérez e o hondureño Rolando Kattan

O ciclo de Poetas Dei(n)versos, que organiza e presenta Yolanda Castaño, volve esta segunda feira, día 25, ás 20 horas ao auditorio Ágora da Coruña e xuntará un poeta galego cun hondureño: Abraham Pérez e Rolando Kattan. As entradas aos recitais son gratuítas e até completar capacidade.  Abraham Pérez (Lugo, 1990 é autor da novela 'O paso en falso', coa que foi finalista do XXXIV Premio Torrente Ballester de narrativa, así como dos poemarios 'O corpo transparente das horas'. Rolando Kattan (Tegucigalpa, Honduras) é editor e xestor cultural, así como un dos autores da literatura hondureña máis relevantes contemporáneos con títulos como 'Os cisnes negros' -Premio Casa América da Poesía Americana-, 'Viaxe imaxinaria a Kiribati' ou 'Onde volver desexo'.

Coche de Policía Local. (Foto: Europa Press)
Agora

Buscan un condutor que se deu á fuga tras atropelar un menor en Ames

A Policía Local de Ames (comarca de Santiago) busca un condutor que se deu á fuga na madrugada deste domingo tras atropelar un mozo, de 13 anos de idade, en Bertamiráns. Segundo informaron fontes policiais consultadas por Europa Press, os feitos ocorreron sobre as 1.30 horas deste domingo na avenida da Peregrina. O condutor do vehículo, un Seat Ibiza, levou o mozo por diante nun paso de peóns e provocoulle lesións nunha perna. A vítima foi trasladada ao Hospital Clínico de Santiago.
Silvestre Gómez, co seu cinto de campión, este sábado. (Foto: Nós Diario)
Agora

Silvestre Gómez, campión galego 'Neopro' de boxeo na categoría de Pesos Pesados

O púxil noiés Silvestre Gómez alzouse este sábado co cinto que o acredita como Campión Galego Neoprofesional na categoría de Pesos Pesados, após un interesante e duro combate contra o marinense Raúl Loira. Foi na velada en homenaxe ao boxeador Tono da Silva, falecido en 2022, no Liceo de Noia.
O prezo da luz aumenta alcanzou o máximo deste mes de setembro (Foto: Nós Diario).
Agora

O prezo da luz fica este domingo a 0 euros/MWh durate 16 horas

O prezo do mercado maiorista eléctrico, o denominado 'pool', mantense a cero euros por megawatt hora (MWh) este domingo durante 16 horas, até as 18h do día, aínda que aumentará até os 35 euros/MWh entre as 22 e 23 horas, segundo os datos provisionais o Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE). Desta forma, ese domingo o prezo medio será de 6,69 euros/MWh, que nos últimos días foi variando significativamente, pasando da media deste sábado de 2,01 euros/MWh ou o prezo medio de 56,94 euros/MWh da cuarta feira. Este prezo de cero euros/MWh non se trasladará logo ao recibo exactamente, xa que existen uns custos fixos para o consumidor eléctrico por peaxes, cargos e axustes do sistema.
Unha muller tenta evitar que o seu paraugas saia disparado, en Santiago. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
Agora

Cuntis e Muras rexistran refachos de vento por riba dos 100 quilómetros por hora este sábado

Os municipios de Cuntis (comarca de Caldas) e Muras (Terra Chá) rexistraron refachos por riba dos 100 quilómetros por hora este sábado, cando está en vigor un aviso amarelo nas provincias da Coruña e Pontevedra por fortes ventos do nordeste, de forza 7, segundo a información achegada por Meteogalicia. De madrugada, o vento alcanzou os 104,7 quilómetros por hora en Xesteiras, no municipio de Cuntis. Igualmente de madrugada, no Xistral, municipio de Muras, chegouse a 103,4 quilómetros por hora.
Central de emerxencias do 112 Galiza (Foto: 112).
Agora

Excarcerado o condutor dun camión que transportaba leite tras envorcar o seu vehículo en Tordoia

O condutor dun camión que transportaba leite tivo que ser excarcerado tras envorcar o seu vehículo ao paso pola parroquia de Castenda da Torre, no municipio de Tordoia (comarca de Ordes). Segundo informou o 112, foi un particular o que ao fío das 4 horas deste sábado deu a voz de alarma e indicaba que o condutor estaba atrapado no interior. Até o lugar desprazáronse médicos do 061 e os Bombeiros de Ordes. O condutor tivo que ser trasladado ao centro hospitalario de referencia.
A autoestrada AP-9 ao seu paso por Compostela. (Foto: Arxina)
Agora

Desactivado o plan especial activado tras conter a vertedura de gasóleo do camión accidentado na AP-9

A Xunta vén de desactivar o Plan de Protección Civil ante accidentes no transporte de mercadorías perigosas (Transga) após conter e controlar a vertedura de gasóleo do camión accidentado na AP-9, ao seu paso por Oroso. Sobre as 4 horas desta pasada madrugada logrouse retirar o camión do lugar. O suceso produciuse contra as 16.25 horas da tarde desta sexta feira. Debido ao impacto, o condutor, que resultou ferido de gravidade, quedou atrapado e tivo que ser excarcerado para o seu traslado en helicóptero a un centro hospitalario.
María Pan, nova alcaldesa de Cambre. (Foto: Ceci FP / Diego MFF)
Agora

María Pan é desde hoxe a primeira muller na Alcaldía de Cambre

María Pan é, desde esta sexta feira e tras a dimisión do anterior rexedor, a nova alcaldesa de Cambre (comarca da Coruña) –a primeira muller en ostentar este cargo neste municipio–, tras a súa elección no pleno decorrido na xornada de onte, na que contou co apoio do seu grupo, Unión por Cambre, e da ex concelleira do PP, María Elena Lauda. Alternativa dos Veciños, BNG e PSOE abstivéronse, e o PP votou pola súa candidata, Diana Piñeiro.
Lucía Domínguez e Transi Fernández, no centro, esta sexta feira. (Foto: Nós Diario)
Agora

As traballadoras de Inditex mobilizaranse para demandar igualdade nos postos de traballo

As traballadoras de Inditex sairán en manifestación o vindeiro 7 de abril na Coruña, cunha mobilización coa que dan continuidade ás que protagonizaron hai ano e medio. Daquela conseguiron melloras económicas; agora sairán á rúa para reclamar tamén melloras sociais que as equiparen en condicións aos seus compañeiros homes. Transi Fernández, secretaria nacional da CIG-Servizos, lembrou esta sexta feira que Inditex segue "mantendo as traballadoras en condicións precarias". Mentres os homes teñen xornadas completas, as mulleres teñen, maioritariamente, xornadas parciais. Unha diferenza que se nota nos salarios, pero que non é a única porque, segundo asegurou Lucía Domínguez, presidenta do comité de Stradivarius, os homes, aínda de categorías inferiores, cobran tamén máis.
Silvia Longueira.
Agora

Silvia Longueira deixa a Fundación Luís Seoane

A directora da Fundación Luis Seoane, Silvia Longueira, solicitou unha excedencia para dedicarse á súa actividade política no Parlamento da Galiza. Foi elixida deputada do PSdeG pola Coruña nas pasadas eleccións galegas. Longueira, que ocupa o posto desde 2004, xa solicitara unha excedencia de tres anos cando ocupou a Concellaría de Servizos Sociais na Coruña. Co rexedor popular Carlos Negreira seguiu sendo concelleira socialista na oposición, até que o Padroado, presidido polo propio Negreira, a destituíu por "falta de confianza" en 2013. Porén, unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza obrigou á súa readmisión en 2016. A excedencia non supón unha renuncia, polo que a actual directora podería retomar o seu posto con posterioridade.