Agora

Centro de atención de emerxencias do 112 Galiza (Foto: Xunta).
Agora

Atopan o corpo sen vida dunha muller de Ortigueira que se atopaba en paradoiro descoñecido desde este domingo

O corpo sen vida dunha muller de Ortigueira (comarca de Ortegal) que se atopaba en paradoiro descoñecido desde este domingo foi localizado na praia de Bimbieiro, segundo informou Emerxencias 112 da Galiza. A muller falecida, da que non transcenderon máis datos, foi atopada por un particular na praia de Bimbieiro.

A branquiazul Paula Gutiérrez ten un pasado como blaugrana. (Foto: RC Deportivo).
Agora

O filial do Barça, segundo, pon a proba o estado de forma do Dépor na Primeira Feminina

A presenza de filiais nas principais categorías do fútbol é unha realidade, a pesar das non poucas críticas que reciben por parte dun sector da afección por considerar que distorsionan a competición. O sábado, a partir das 18 horas, o Real Club Deportivo, primeiro clasificado da Primeira Federación Feminina -a segunda categoría estatal-, visita o seu máis inmediato perseguidor na táboa, o Fútbol Club Barcelona 'B', que conta con cinco puntos menos que a formación herculina e non ten opción algunha de ascenso por militar o Barça na Liga F. Pero, polémicas aparte, as xogadoras branquiazuis só pensan en gañar, como indicou Paula Gutiérrez, para quen o choque será "especial" dado o seu pasado blaugrana. 
O acto reunirá en Compostela á elite dirixente do ciclismo internacional. (Foto: Vigo-Rías BaixaS).
Agora

Santiago de Compostela torna na capital do ciclismo internacional

Un total de 51 federacións nacionais e arredor de 200 asistentes danse cita desde esta sexta feira en Santiago de Compostela, convertida durante tres días na capital do ciclismo mundial.  A Unión Ciclista Internacional (UCI) desenvolverá este sábado unha sesión de traballo nun hotel da capital galega, e o domingo será a quenda do XXXVI Congreso da Unión Europea de Ciclismo (UEC), que terá como escenario a Cidade da Cultura. Durante esta fin de semana está previsto que aborden temas de gran relevancia, como o programa de ciclismo nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París 2024, o calendario de campionatos continentais ou a oferta da Galiza para o turismo en bicicleta, presentando 52 roteiros cicloturistas distintos. Co equipo Vigo-Rías Baixas como anfitrión, o acto inaugural do programa tivo lugar no día na sexta feira, cando, no marco da campaña UEC Forest, plantaron unha árbore para simbolizar "o compromiso do deporte do ciclismo co medio ambiente". Con respecto ao horario, desde as 9 horas do sábado terá lugar a UCI Sharing Platform, ficando para o domingo o acto central, o antedito congreso da UEC. Enrico Della Casa, presidente desta entidade; José Luis López Cerrón, responsábel da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC); e David Lappartient, o seu homólogo na UCI, serán os encargados de dar a benvida aos e as asistentes cos seus discursos. 
Ademais das accións relacionadas coa xestión do organismo continental, a axenda deste conclave reflicte a entrega de premios polos resultados obtidos en 2023 na clasificación de países e no medalleiro dos máis recentes Campionatos de Europa de todas as modalidades.
Mario Grela, Paco Cerdeira, Xosé Bocixa, Laura Romero e Manuel García son os integrantes actuais de Zënzar. (Foto: Pixelín Photo)
Agora

Zënzar rodease de amigas como Sés ou Xurxo Souto para atronar co seu 'rock combativo'

Zënzar levan máis de 35 anos facendo "rock combativo" en galego, e están a celebralo cunha xira na que se rodean dos seus colegas no mundo da música. Así, no día sábado 16 de marzo asaltarán a Sala Mardi Gras da Coruña a partir das 22.30 horas xunto a artistas que farán vibrar as paredes de todo o barrio de Monte Alto: Sés, Xurxo Souto e Rómulo Sanjurjo, ademais de Diego -de Display of Power- e Ares, de Os do Xalo. Segundo informaron desde a organización, os boletos para asistir ao vivo ao espectáculo da banda formada en Meirama (Cerceda) por Xosé Bocixa, Mario Grela, Paco Cerdeira, Manolo García e Laura Romero terá un prezo de 10 euros no caso de adquirirse no despacho, que baixa até 8 de mercarse anticipadamente.
 
Paula Carballeira lerá o manifesto. (Foto: Moncho Fuentes)
Agora

Paula Carballeira lerá o manifesto do Día Internacional da Narración Oral

Coincidindo co 20 de marzo, data de celebración do Día Internacional da Narración Oral -que se festexa desde o ano 1991 na data do equinoccio de primavera coa intención de "conmemorar a arte de narrar de viva voz"-, o Festival Atlántica, Colectivo Narración Oral Galega (NOGA) e o Festival Sete Falares están a preparar unha axenda "ateigada de propostas" contratadas por diferentes concellos para exhibir en bibliotecas, teatros e auditorios, ademais de sesións solidarias para hospitais e residencias da terceira idade.
A autoría do manifesto desta cuarta edición do Día da Narración Oral na Galiza virá da man de Paula Carballeira, escritora, actriz, dramaturga e unha das pioneiras da disciplina no país. No seu texto convidará a todos e todas a "contar e contarse", poñendo o foco na importancia "de dar luz ás voces silenciadas, agochadas, perdidas", un convite a ser "parte da historia, a ser inmortal… 'se queres".

Cascallos en Siria tras un ataque aéreo xordano en xaneiro. (Foto: Europa Press / Contacto / Xinhua)
Agora

13 anos de guerra en territorio sirio deixan arredor de 620.000 persoas falecidas

A sexta feira fíxose o 13º aniversario do comezo da guerra en Siria, que enfronta o Goberno de Bashar al Assad con grupos opositores, entre eles organizacións xihadistas, apoiados polos países occidentais. O Observatorio Sirio para os Dereitos Humanos cifra en case 620.000 persoas o número de falecementos, incluíndo 165.000 civís. Dous millóns de persoas resultaron feridas e 13 millóns tiveron que fuxir dos seus fogares.

O tenente de alcalde sade Lugo e portavoz do BNG na cidade, Rubén Arroxo (Foto: Xan Carballa).
Agora

As ameazas de morte a Rubén Arroxo serán xulgadas pola Audiencia de Lugo

A Audiencia de Lugo reabriu a causa relativa ás ameazas de morte recibidas polo tenente de alcaldesa e portavoz do BNG en Lugo, Rubén Arroxo. O caso fora arquivado polo xulgado de primeira instancia mais a Audiencia de Lugo estimou o recurso do denunciante e reabriu o procedemento. Os feitos tiveron lugar en 2022 cando un veciño proferiu ameazas de morte nas redes sociais, unhas mensaxes que se puideron ler, segundo fontes consultadas, no muro do entón concelleiro do PP Óscar Poy. Arroxo acudiu á Comisaría da Policía a denunciar os feitos. Nos comentarios podíase ler que "había que linchar" ao portavoz do BNG ou "vou ir a por eles e mesmo son capaz de cortarlle o pescozo".
divorcio (Foto: Nós Diario)
Agora

5.103 demandas de ruptura matrimonial en 2023, practicamente as mesmas que no ano anterior

O número de demandas de ruptura matrimonial —nulidades, separacións e divorcios— presentadas na Galiza en 2023 foi de 5.103, practicamente as mesmas que as que se rexistraron en 2022 (5.117), cunha leve diminución de 0,3%. Así se desprende dos datos publicados esta sexta feira pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial, onde se apunta que, en canto ao número de solicitudes por cada 100.000 habitantes, contabilizáronse no país, no período estudado, 189, fronte ás 192,1 da media estatal. Na comunidade aumentaron tanto os divorcios consensuados —de 2.885 a 2.912, un 0,9%— como os non consensuados —de 2.039 a 2.068, un 1,4%—.
Mergullete 3[85596]
Agora

Xosé Penas Patiño e Xan Rodríguez Silvar analizan as imaxes de natureza de Bieito Arias

O autor da Guía das aves de Galicia (Baía Verde), Xosé Manuel Penas Patiño, e o director do Museo da Sociedade Galega de Historia Natural, Xan Rodríguez Silvar, comentarán esta sexta feira, 15 de marzo, ás 20 horas, na Casa da Cultura de Pontedeume, as fotografías realizadas por Bieito Arias no esteiro do Eume, que dan conta da biodiversidade existente nesta área, testemuña do bastión que son as costas galegas para as aves acuáticas e mariñas. 
Blanco Quintela.
Agora

A Academia Galega presenta un estudo sobre a toponimia de Muros

A antiga fábrica de Sel acolle esta sexta feira, 15 de marzo, a presentación de Toponimia de Muros, un novo volume da colección Terra Nomeada asinado por Alfonso Blanco Quintela. O autor é profesor de latín e grego no IES Fontexería de Muros, desde o que vén realizando un amplo labor de divulgación sobre a toponimia do municipio. Nesta obra Blanco afonda especialmente na orixe e no significado dos 105 nomes da toponimia maior de Muros. O volume sae do prelo co apoio económico da Deputación da Coruña. 

A colección Terra Nomeada da Real Academia Galega (RAG) e a Asociación Galega de Onomástica ten como obxectivo recompilar e estudar os nomes de lugar dos concellos da Galiza. No acto, Alfonso Blanco estará acompañado na mesa da presentación polo presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; o coordinador do Seminario de Onomástica da RAG, Antón Santamarina; a presidenta da Asociación Galega de Onomástica e académica correspondente Luz Méndez; o vicesecretario da RAG, Henrique Monteagudo; e a alcaldesa de Muros, María Lago Lestón.

O pontevedrés apunta aos Xogos. (Foto: FETO).
Agora

Deporte e política únense en favor das doentes de ril

Coincidindo co Día Mundial do Ril, xogadores e directivas das escuadras lucenses Breogán (baloncesto), Lugo (fútbol) e Emevé (vólei) achegáronse á mesa informativa instalada pola Asociación para a Loita Contra as Enfermidades de Ril (Alcer) na Praza de San Marcos. O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro; o tenente de alcalde da cidade da Muralla, Rubén Arroxo; e o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Álex Penas, sumáronse a esta iniciativa de sensibilización arredor do lema 'Saúde para Todos: promovendo a igualdade no acceso á atención sanitaria', que reivindica a igualdade e o acceso equitativo aos recursos sociosanitarios e tratamentos.
Persoas migrantes atendidas no 'Ocean Viking', a quinta feira. (Foto: SOS Mediterranée)
Agora

No mínimo 60 persoas migrantes faleceron intentando cruzar o mar Mediterráneo

Cando menos 60 persoas, incluído no mínimo unha crianza, perderon a vida no mar Mediterráneo, confirmaron superviventes rescatadas polo Ocean Viking, informou a quinta feira a organización non gobernamental SOS Mediterranée, que xestiona o buque dedicado ao rescate humanitario. A embarcación partira unha semana antes de Libia e estivo varios días á deriva após estragarse o motor na terceira xornada.

Deportistas da cidade e cargos políticos uniron forzas a prol de Alcer. (Foto: Vicepresidencia Deputación de Lugo).
Agora

O tirador galego Juan Antonio Saavedra volve facer historia en Nova Delhi

O tirador galego Juan Antonio Saavedra continúa facendo historia logo de conquistar a medalla de ouro na modalidade de carabina tendida 50 metros SH1, nunha Copa de Mundo que se disputa na localidade india de Nova Delhi.
Alí, o deportista paralímpico -perdeu parte do brazo esquerdo a causa dun cancro que padeceu con 15 anos- non só subiu ao máis alto do podio, senón que cos seus 627 case inmellorábeis puntos rachou cos actuais récords de España e de Europa da categoría.
Gañador da medalla de prata nos Xogos de Londres 2012 e da de bronce en Toquio 2020, o pontevedrés afrontará este verán en París a súa sexta cita olímpica nun gran momento, o que o leva a ser un dos grandes favoritos.
O cadro de Velázquez que se poderá ver en Lugo.
Agora

O Museo Provincial de Lugo exporá a obra 'Sibila' de Velázquez de forma temporal

O Museo Provincial de Lugo exporá a obra Sibila de Velázquez do 10 de xuño ao 7 de xullo no marco do proxecto cultural "A arte que conecta" promovido polo Museo do Prado. A data da exposición en Lugo do cadro de Velázquez deuse a coñecer esta mañá na presentación do proxecto, que levará a 18 museos de todo o Estado algunhas das obras mestras da pintura que forman parte das coleccións do Prado. 
Escena de +Cuñados (Foto: +Cuñados).
Agora

A secuela do filme 'Cuñados' chega ás salas de cinema o 19 de abril

A secuela da comedia Cuñados chega aos cinemas o 19 de abril cun novo enredo da familia Ribeiro, nesta ocasión, co Entroido como pano de fondo. +Cuñados é a nova entrega da exitosa comedia de 2021 da produtora galega Portocabo, que pon detrás da cámara o director Luís Avilés para pilotar un guión de Araceli Gonda no que repiten como protagonistas Xosé Antonio Touriñán, Miguel de Lira, Federico Pérez, Eva Fernández, María Vázquez, Iolanda Muíños e Mela Casal. A nova historia da familia Ribeiro arrinca co achado dun cadáver no medio da ponte internacional que une Tui (Baixo Miño) con Portugal, unha aparición que terá que ver co ocorrido días antes. Os cuñados teñen un posto de venda de polbo en Ourense para branquear o diñeiro do botín logrado na primeira película e prepáranse para celebrar o Entroido, unhas festas que se complicarán coa aparición de Andreia Nunes. A primeira entrega logrou, no verán de 2021, ser a cinta rodada en galego estreada en máis salas durante a súa primeira fin de semana.

O 'capi', sorrinte despois da operación. (Foto: Monbus Obradoiro).
Agora

Operado con éxito o capitán obradoirista, Álvaro Muñoz

Álvaro Muñoz, xogador e capitán do Monbus Obradoiro, un dos dous representantes da Galiza na máxima categoría do baloncesto estatal, a Liga ACB, foi intervido cirurxicamente nesta cuarta feira no Hospital da Rosaleda, na capital galega, polos doutores Hermida e Pérez Abilleira. O club catalogou como "exitosa" a operación á que se someteu un home que sufriu a rotura do ligamento cruzado anterior do seu xeonllo esquerdo no último cuarto do encontro que o Obradoiro disputou ante o Bàsquet Girona. A acción tivo lugar cando restaban 6 minutos e 28 segundos para o final do partido, logo dun mal xiro da súa perna sobre o parqué do pavillón de Fontajau. 
 
Gulías, Vaquero, Lores e Suárez, onte no acto de presentación. (Foto: Concello de Pontevedra).
Agora

A Boa Vila acolle un congreso sobre deporte

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado da edil de Deportes, Anabel Gulías, participou esta cuarta feira na presentación do Galiza Sportech Congress, a cuarta edición dunha cita que nesta ocasión terá lugar entre o 9 e o 10 de abril na facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo. Con elas estivo o cofundador e promotor do evento, David Suárez, quen resaltou que pola Boa Vila desfilarán "máis de 500 persoas a nivel presencial e máis de dous milleiros na transmisión dixital, chegando a 12 países distintos". Este engadiu que a súa meta é "buscar ideas e solucións para diferentes deportes", poñendo en valor o feito de que "agrupacións e marcas como Adidas, Rakuten, Celta, Betis ou Sporting de Braga" estarán representadas no congreso.
 
O vehículo sinistrado en Verín.
Agora

Falece un home de 51 anos nun accidente de tráfico en Verín

Un home de 51 anos, veciño de Madrid, faleceu nun accidente ocorrido na noite da pasada terza feira na estrada N-525 ao seu paso polo municipio de Verín (comarca homónima). O condutor e único ocupante do vehículo saíu pola marxe dereita e bateu de forma frontal contra a beiravía, ao que seguiu unha colisión contra o feche dunha leira. Segundo informa a Garda Civil, o condutor non levaba posto o cinto de seguridade. O sinistro produciuse ás 21.30 horas da terza feira, no quilómetro 6.600 da N-525.
Unha das actividades de Enreguéifate.
Agora

Enreguéifate dá a coñecer os premios da súa sétima edición

Xa se coñecen as regueifas premiadas na sétima edición do certame Enreguéifate, o proxecto impulsado polos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo que apoia a difusión da improvisación oral en verso (regueifa) para contribuír por medio dela á promoción do uso da lingua galega. Na categoría xeral, os premios foron para: A máis brava, Arrieiro e Chaminho, con "Cumbia do choque"; A máis aguda, Escola de regueifa de Carballo, con "Vai de voda"; A máis diversa, Teiseiros regueifeiros, con "Regueifa pola saúde mental"; A máis reivindicativa, Iván e Aroa con "Regueifa de coidar a terriña"; A mellor cantada: Grupo Xuvenil da Terceira Idade de Poio, con "Sempre vida"; e A mellor falada, As da Muiñeira, con "Os deberes". 
Reunión en xaneiro da Comisión de Traballo do Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
Agora

O PSOE refusa unha regulación xeneralizada de migrantes escudándose na Unión Europea

O PSOE rexeitou a terza feira na Comisión de Traballo do Congreso español a Iniciativa Lexislativa Popular apoiada por forzas progresistas e soberanistas, entre elas o Bloque Nacionalista Galego (BNG), que solicita unha regularización xeneralizada de persoas migrantes, aducindo que o marco xurídico da Unión Europea non a permite. Sumar, o socio minoritario da coalición de Goberno liderada polo PSOE, reclamoulle “claridade”.