Agora

A terminal 1 do aeroporto de Frankfurt baleira pola folga, hoxe. (Foto: Lando Hass / DPA)
Agora

As folgas en Alemaña baleiran aeroportos e paralizan 80% dos trens de longa distancia

Catro de cada cinco trens de longa distancia en Alemaña quedaron parados hoxe pola folga de maquinistas que se estenderá até a tarde de mañá, e que tamén afectou ao resto dos servizos ferroviarios, para demandar unha suba dos salarios. Coa mesma motivación, a greve do persoal de terra de Lufthansa impactou en tres aeroportos, entre eles o de Frankfurt, o máis transitado do país, causando a cancelación dun millar de voos.

Juan Carlos de Borbón e Pedro Campos en Sanxenxo a bordo do 'Bribón' (Foto: José Oliva / Europa Press).
Agora

Juan Carlos I visitará Sanxenxo a próxima semana

O rei emérito Juan Carlos I regresará, previsibelmente, a vindeira quinta feira á localidade de Sanxenxo (comarca do Salnés) para participar, durante a fin de semana, na primeira regata do ano da clase 6 metros. De cumprirse, esta será a sexta visita de Juan Carlos I a Sanxenxo desde que se trasladou a vivir a Abu Dabi en agosto de 2020 e a primeira deste ano, xa que a última vez que visitou a Galiza foi en novembro.

Christine Lagarde durante a cerimonia de sinatura do billete de 20 euros (Foto: BCE).
Agora

A sociedade agarda pistas ante un BCE dividido sobre as baixadas de tipos de xuro

O Consello de Goberno do Banco Central Europeo (BCE) manterá estábeis os tipos de xuro na súa reunión desta quinta feira, onde o máis destacábel será coñecer as novas proxeccións macroeconómicas da entidade á espera de máis pistas sobre cando poderían comezar as baixadas do prezo do diñeiro na eurozona, despois das diferentes posturas expresadas por varios conselleiros e conselleiras da institución, segundo apunta o consenso de analistas.

A ex embaixadora dos EUA na ONU, Nikki Haley, a pasada semana. (Foto: Michael Brochstein / Europa Press / Contacto)
Agora

Nikki Haley abandona as primarias republicanas despois da vaga de vitorias de Donald Trump

A última rival do ex presidente Donald Trump nas votacións das primarias para elixir a candidatura do Partido Republicano nos comicios presidenciais estadounidenses, a ex embaixadora na Organización das Nacións Unidas, Nikki Haley, anunciou a cuarta feira que suspende a súa campaña logo da vitoria do ex mandatario na xornada electoral da terza feira, na que se impuxo en 14 dos 15 Estados que votaron nas primarias republicanas.

A cidade de Rafah, no sur da Faixa de Gaza, despois dun ataque de Israel (Foto: Europa Press / Rizek Abdeljawad).
Agora

A CXT convoca o funcionariado de Pontevedra a unha folga en solidariedade con Palestina

A Confederación Xeral do Traballo (CXT) convocou no ámbito municipal de Pontevedra unha folga de 24 horas para o día 14 de marzo en solidariedade con Palestina e baixo o lema "Paremos o xenocidio". O sindicato fixo así un chamamento á participación do persoal das Administracións do Estado, Xunta da Galiza, Deputación de Pontevedra e Concello, así como ao profesorado dos centros de Educación Secundaria e Formación Profesional, Universidade e oficinas de Correos. O obxectivo do paro é exixir ao Estado español que declare e leve a cabo a "ruptura inmediata con Israel" e que proceda a "sancionar e embargar" todas as empresas, públicas ou privadas, que apoien o Estado sionista.
Paula Prado, secretaria xeral do PP na Galiza, esta cuarta feira. (Foto: Arxina)
Agora

Paula Prado dá a entender que non será conselleira no novo Executivo

A secretaria xeral do PP galego, Paula Prado, deu a entender que non se ve como conselleira no novo Executivo galego. A número dous de Alfonso Rueda suxeriu que se atopa cómoda como secretaria xeral do partido, un cargo no que se centra, dixo, con "dedicación máxima". Prado descartou, ademais, que vaia tomar protagonismo no PP estatal, afirmando que "xa hai moita xente do PP galego en Madrid". 
Inés Rei, esta cuarta feira, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno. (Foto: Nós Diario)
Agora

O Concello da Coruña pon en marcha o primeiro plan municipal de saúde mental

A Xunta de Goberno Local da Coruña deu esta cuarta feira luz verde ao primeiro plan municipal de saúde mental, con medio cento de medidas a executar desde este ano e até 2028. Entre as iniciativas previstas a curto, medio e longo prazo destacan o impulso á inserción laboral das persoas con problemas de saúde mental e o fortalecemento dos recursos habitacionais para persoas sen fogar. Unha comisión de seguimento avaliará ano a ano o estado de execución do plan. 
Representantes das socias fundadoras da ACG. (Foto: Bioga)
Agora

Unha vintena de empresas vinculadas ao coidado persoal crean a Asociación Cosmética Galega

Máis dunha vintena de empresas vinculadas ao deseño e creación de produtos de coidado persoal, que utilizan principalmente produtos naturais da Galiza, impulsaron a creación da Asociación Cosmética Galega (ACG). A nova entidade, constituída no BioPolo da Sionlla, en Compostela, nace co obxectivo de "xuntar intereses para compartir coñecemento, experiencia, ferramentas e custos", e reúne firmas galegas con intereses e necesidades comúns. Así, as empresas socias fundadoras son Ip10, Chorima, Piel Natura, Blue Silk, Nüür, Naturavia, Amalgama, Nela Biosense, Siolaz, Orixe Cosmetics, Muuhlloa, Rizzola, Segolab Saúde, Alloa, Maruxiña, Pazo Gil Casares, Anainas, De Lú, Acemelia, Esencia Viva, Ozoaqua e Luxor Essentia.
García, Iglesias, Leira, Fernández, Lueiro e Murias, onte no Obradoiro. (Foto: Concello de Santiago).
Agora

Volven a Santiago as Xornadas Nacionais de Natación para persoas con discapacidade intelectual

Special Olympics Galiza e o Concello de Santiago presentaron esta cuarta feira a edición 26 das Xornadas Nacionais de Natación para persoas con discapacidade intelectual, que a antedita asociación organizará este domingo, 10 de marzo, na capital galega. A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro García, e o presidente de Special Olympics, Eladio Fernández Pérez, estiveron acompañados no acto polo deputado de Deportes, Antonio Leira Piñeiro, e a vicerreitora de Estudantes e Cultura da Universidade de Santiago, Pilar Murias Fernández, entre outras autoridades. Alí, a representante municipal puxo en valor unha iniciativa que reunirá un total de 147 nadadores e nadadoras procedentes de todo o país, que se retarán a partir das 10.45 horas no Pavillón de Fontiñas. 
A tiradora galega Judith Rodríguez. (Foto: RFEE).
Agora

Judith Rodríguez gaña o bronce no Europeo de esgrima

A tiradora galega Judith Rodríguez conquistou a medalla de bronce en espada durante o Campionato do Europa en cadeira de rodas, que se está desenvolvendo en París (Francia), tras caer na súa semifinal por 15-8 fronte á británica Gemma Collis-McCann. Con este resultado revalidou o terceiro posto obtido no Europeo disputado en 2022 en Varsovia (Polonia). Non obstante, a pesar deste gran resultado Rodríguez non sumou puntos na súa carreira cara os Xogos Paralímpicos do próximo verán, pois só computa o mellor resultado obtido nos dous últimos Europeos, e en ambos os casos foi unha terceira posición, polo que deberá brillar en São Paulo na última proba clasificatoria o próximo maio.


 

Centro de saúde de Outeiro de Rei (comarca de Lugo).
Agora

A Xunta deixa o centro de saúde de Outeiro de Rei cunha médica das tres que ten asignadas

O centro de saúde de Outeiro de Rei (comarca de Lugo) ficará cun só facultativo médico dos tres que o fan habitualmente. Así o denunciou esta terza feira a portavoz do PSdeG na localidade, Carmen Acacio, que alertou tamén da "crítica situación" á que se enfronta o concello, con listas de agarda de até dez días para unha consulta médica, e até 15 días para receitas farmacolóxicas. Acacio explicou que, como único reforzo do servizo, "puxeron un médico substituto que pasa consulta un día á semana durante dúas horas. E, obviamente, non chega, porque non cobre as necesidades que temos en Outeiro". "É intolerábel que un concello que supera os 5.000 habitantes só teña un médico en Atención Primaria. A xente que vivimos do rural non somos cidadáns de segunda", dixo.
Chandrexa de Queixa
Agora

A reserva hídrica galega achégase ao 90% de toda a súa capacidade

As chuvias que se suceden na Galiza volveron elevar a reserva hídrica con respecto á semana pasada e sitúase tamén por riba dos rexistros de 2023 a estas alturas do ano. Así, as concas galegas rozan 90% da súa capacidade. Concretamente, a reserva no Miño-Sil está ao 87,2%, con 2.641 hectómetros cúbicos embalsados. Mentres, Galiza Costa conta con 634 hectómetros cúbicos almacenados, o 92,7% da súa capacidade.
Álvaro Muñoz será baixa por lesión até o final da tempada. (Foto: Monbus Obradoiro).
Agora

O Obradoiro queda sen capitán

Álvaro Muñoz, capitán do Monbus Obradoiro, un dos dous conxuntos da Galiza na Liga ACB, causará baixa nos 11 partidos que restan para a conclusión da máxima categoría do baloncesto masculino estatal, logo de que as probas realizadas polos servizos médicos do club, coordinados polo doutor Jesús Marque, confirmasen que o ala abulense sofre unha rotura do ligamento cruzado anterior do seu xeonllo esquerdo. O capitán lesionouse o pasado domingo en Fontajau, a falta de 6.28 para o final do partido que a escuadra capitalina perdeu por un só punto (78-77) fronte o Bàsquet Girona. A doenza chegou logo dun mal apoio, tendo que retirarse da pista axudado por dous compañeiros do banco. Agora, a resonancia magnética á que se someteu confirmou a valoración que realizaran os médicos do club.
O ex presidente brasileiro, o ultradereitista Jair Bolsonaro (centro). (Foto: Andre Ribeiro / Europa Press / Contacto)
Agora

Os ex xefes do Exército e das Forzas Aéreas do Brasil acusan Bolsonaro do golpe de Estado

Marco Antonio Freire Gomes, ex comandante do Exército brasileiro, testemuñou ante a Xustiza que o ex presidente de extrema dereita, Jair Bolsonaro, e o ex ministro de Defensa, Paulo Nogueira, lle presentaron dúas versións dun plan para executar un golpe de Estado e que Bolsonaro se mantivera no poder, revelou a terza feira o xornal O Globo. Carlos de Almeida Baptista, ex xefe das Forzas Aéreas, tamén responsabilizou o ex mandatario.

Xulgados.
Agora

Un home acusado de abusar sexualmente da súa compañeira de piso é buscado tras non comparecer en xuízo oral

O Xulgado do Penal número 1 de Lugo decretou esta terza feira solicitar unha orde requisitoria para a localización e posta ao dispor xudicial dun home acusado de abusar sexualmente da súa compañeira de piso na cidade das murallas e para o que a Fiscalía pide unha pena de dous anos de prisión. A requisitoria foi cursada tras non comparecer o imputado no xuízo oral programado para esta terza feira, que propiciou a suspensión da vista e motivou a solicitude da orde de busca e captura do acusado. Os feitos que se lle imputan e polos que deberá ser xulgado tiveron lugar no mes de abril de 2018, no domicilio que o presunto autor e a vítima compartían.

Imaxe de arquivo dunha manifestación en Ourense (Foto: Galegas 8M).
Agora

A CIG e Marcha Mundial das Mulleres convocan mobilizacións polo 8-M

A CIG e a Marcha Mundial das Mulleres (MMM) convocaron mobilizacións con motivo do Día Internacional das Mulleres Traballadoras, que terá lugar como cada ano no 8 de marzo. As mobilizacións da CIG terán lugar ás 11.30 horas -agás no caso de Ourense, que será ás 12 horas- nos municipios da Coruña, Compostela, Ferrol, As Pontes, Burela, Lugo, Pontevedra, Vilagarcía, Vigo, Cangas, A Guarda e Ourense. Pola súa parte, a MMM convoca ás 20 horas na Coruña, Ferrol, Lalín, Lugo, Marín, O Porriño, Ribadavia, Ribadeo, Vigo, Vilagarcía e Vilalba; ás 20.30 horas nas Pontes e Pontevedra, ás 19.30 horas en Betanzos e ás 13.30 horas no Val Miñor. Pola súa parte, en Ourense haberá unha tripla mobilización da marcha, ás 11, ás 12.30 e ás 20 horas. A Plataforma Feminista de Lugo tamén realizou unha convocatoria na cidade das murallas ás 20 horas. Ademais, a Compaña Feminista, un grupo de mulleres anónimas que leva varios meses realizando accións de rúa para loitar contra o terrorismo machista, chamou a senllas manifestacións na Coruña e en Vigo ás 20 horas.

Casa do Concello de Cariño (Ortegal). (Foto: Pepe do Couto)
Agora

Restrinxido o consumo de auga en Cariño por elevado contido de trihalometanos

O Concello de Cariño (Ortegal) volveu facer efectivas as restricións de auga en varias parroquias despois de detectar valores de trihalometanos por riba do permitido na billa da estación de servizo da gasolineira, procedente da depuradora do Castro. Nun comunicado, o Goberno local indicou que as analíticas efectuadas a semana pasada ofrecen un resultado adverso, polo que se volveu restrinxir o consumo nas parroquias de Pedra e de Cariño. En concreto, a norma estabeleceuse a pasada quinta feira e confirmouse cos resultados desta segunda feira. Na terza feira retomarase o servizo de camión cisterna que achegará auga ás vivendas cada terza e quinta feira no mercado municipal até que a auga volva ser apta para o consumo. Na mesma liña, tanto o sábado pasado coma onte repartíronse garrafas de auga.
Bloque de vivendas en Ourense. (Foto: Agostime / Europa Press)
Agora

O prezo da vivenda usada na Galiza sobe até un 3,54%

O prezo da vivenda de segunda man na Galiza rexistrou en febreiro subas de entre o 2,8% e o 3,54% en comparación co mesmo mes de 2023, segundo os últimos datos de prezos inmobiliarios publicados polos portais idealista, Fotocasa e Pisos.com. En concreto, os datos de idealista recollen que o prezo medio do metro cadrado no país foi de 1.382 euros, un 2,8% máis que hai 12 meses. Segundo Pisos.com, o prezo da vivenda usada ficou nos 1.373 euros, un 3,54% máis que hai un ano. Na mesma liña, as cifras de Fotocasa reflicten que na Galiza o prezo medio da vivenda en febreiro foi de 1.728 euros o metro cadrado, o que supón un incremento de 2,9% con respecto a un ano antes.
A concelleira de Igualdade da Coruña Yoya Neira, no centro, esta segunda feira. (Foto: Nós Diario)
Agora

As grandes figuras femininas do rueiro da Coruña centran as actividades do 8 de marzo

A concelleira responsábel da área de Benestar Social, Igualdade e Participación da Coruña, Yoya Neira, presentou esta segunda feira as actividades impulsadas desde o Goberno local para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres Traballadoras. De entre as actividades agrupadas baixo o lema "Imparables" destacan os "Roteiros en feminino": itinerarios guiados para coñecer mellor a vida e obra de muller que deixaron pegada na historia da cidade. 
O presidente francés, Emmanuel Macron (Foto: Vincent Isore / Europa Press / Contacto).
Agora

Francia convértese no primeiro Estado en garantir constitucionalmente o aborto

Co voto favorábel da inmensa maioría das lexisladoras e lexisladores, as dúas Cámaras do Parlamento francés aprobaron a segunda feira no Palacio de Versalles, lugar de reunión para levar a cabo modificacións constitucionais, a inclusión do dereito ao aborto na Carta Magna. Desta maneira, Francia é o primeiro Estado no mundo en recollelo no texto constitucional, en reacción ao retroceso nesta materia que sofren as mulleres estadounidenses.