Agora

Anabel Gulías, Miguel Anxo Fernández Lores e Mario Pansera, esta cuarta feira.
Agora

Pontevedra será o epicentro da economía ecolóxica durante o mes de xuño

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado da concelleira Anabel Gulías e de Mario Pansera -responsábel da organización dos eventos-, participou esta cuarta feira na presentación da décima International Degrowth Conference [Conferencia Internacional de decrecemento] e da décimo quinta Conference of the European Society for Ecological Economics [Conferencia da Sociedade Europea para a Economía Ecolóxica], nunha dobre cita que terá lugar en xuño na cidade. "O decrecemento asusta un chisco, mais facer unha transición ecolóxica e recoñecer que o crecemento non pode ser infinito e que temos que adaptarnos, ao tempo que podemos ter unha altísima calidade de vida sen esgotar todos os recursos do planeta nin moito menos, é absolutamente razoábel", expresou Fernández Lores.
O choque As Brigantias-Sereas Bravas será o sábado 2 na Coruña. (Foto: As Brigantias Roller Derby).
Agora

Duelo fratricida na Liga estatal de roller derby entre As Brigantias e As Sereas

O campionato estatal organizado pola Asociación de Roller Derby de España (ARDE) regresa pola porta grande, cun duelo fratricida entre As Brigantias Roller Derby da Coruña e Sereas Bravas Roller Derby de Vigo. Deste modo, ambas as escuadras protagonizarán o seu debut na nova edición do torneo a partir das 16 horas do próximo sábado, día 2 de marzo, nun derbi galego que se desenvolverá no fogar da entidade herculina, o Pavillón Polideportivo de Elviña 2, onde a entrada, segundo confirmaron fontes do club, será de balde para todas aquelas persoas interesadas en asistir. Ademais, unha vez que remate este encontro, arredor das 18 horas, As Brigantias 'B' disputarán un partido amigábel -coñecido no mundiño do roller derby como scrimmage- contra o combinado 'Sereas e colegas'. 
Agora

Aurichu Pereira será nomeada hoxe Filla predilecta de Santiago de Compostela

O Pleno municipal de febreiro do Concello de Santiago de Compostela, que terá lugar esta quinta feira, 29 de febreiro, outorgará as Medallas de ouro da cidade a Tareixa Navaza González e a Luís Pasín Noya; o nomeamento como Fillos predilectos de Santiago a Aurora (Aurichu) Pereira Carballo a título póstumo e de Ezequiel Méndez Vidal; e como Fillos adoptivos a José Porto Buceta e a título póstumo a Manuel Quintáns Suárez. Ademais, o Concello porá o nome de Luis Rial Suárez a unha rúa da cidade e instalará unha placa no seu recordo nun espazo público.
Colectivos e Goberno municipal asinaron esta cuarta feira o novo pacto (Foto: Cámara de Comercio).
Agora

O Concello de Compostela asina o seu V Pacto Local polo Emprego

O V Pacto Local polo Emprego de Santiago de Compostela define 78 metas que o Concello, en primeira instancia, e as asociacións e sindicatos signatarios, comprometéronse esta cuarta feira a levar a cabo de aquí a 2027 cos obxectivos de "contribuír á creación e mantemento de emprego de calidade" e "fomentar o emprendemento sostíbel e inclusivo". Este novo pacto, cuxa primeira edición tivo orixe en 2006, supón "un cambio de paradigma", tal como explicou o concelleiro de Promoción Económica en funcións, Xan Duro. "Pon o foco en cuestións que 20 anos atrás poderiamos considerar secundarias" como a conciliación, a sostibilidade ou a economía verde, exemplificou o edil. Así, este acordo pretende colaborar cos colectivos "máis vulnerábeis" á hora de conseguir e manter un emprego como "as mulleres, a poboación inmigrante e as persoas maiores de 45 anos", tal como indicou o concelleiro a partir dun "diagnóstico da situación actual". O plan estratéxico posúe catro liñas de actuación: apoio ao emprego, desenvolvemento económico e laboral, transición do modelo produtivo e traballo en rede.
Iago Aspas (á esquerda) será baixa por acumulación de cartóns. (Foto: LFP).
Agora

Tapia, lesionado, e Iago Aspas, sancionado, baixas ante o Almería

Máis contratempos para un Celta que aínda está lambendo as feridas do empate que lle rañou a última hora o Cádiz na pasada xornada. De cara a un enfrontamento no que está obrigado a gañar, pois o seu rival é o fechacancelas, un Almería que aínda non sumou de tres en tres no que vai de tempada e que non sabe o que é vencer desde o 20 de maio de 2023, o cuestionado Rafa Benítez non poderá contar con dúas das pezas máis importantes nos seus esquemas: Renato Tapia e Iago Aspas. O peruano, segundo explicou esta cuarta feira o club, sufriu unha rotura fibrilar no recto anterior da coxa dereita e será baixa polo menos tres semanas, mentres que o capitán non xogará por acumular cinco cartóns amarelos. 
Manifestación do persoal de limpeza do Chuac, esta cuarta feira na Coruña (Foto: Nós Diario).
Agora

Persoal de limpeza do Chuac sae á rúa para exixir as melloras salariais pactadas

Traballadoras e traballadores da limpeza do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) mobilizáronse esta cuarta feira por quinto día -nunha manifestación que comezou e rematou ante as portas da Xerencia da área sanitaria- para exixir á empresa concesionaria do servizo, Acciona, "que aplique xa as melloras retributivas e de redución da xornada anual pactadas para o persoal do Servizo Galego de Saúde (Sergas) e as súas contratas".
O Liceo opta ás semifinais ligueiras. (Foto: Deportivo Liceo).
Agora

O Liceo despídese da Champions ante o seu eterno rival, o Barcelona

O Deportivo Liceo da Coruña despídese esta quinta feira da WSE Champions League, a máxima competición continental do hóckey sobre patíns. Xa matematicamente eliminado -após perder os seus compromisos ante Fútbol Club Barcelona, Barcelos e Forte, e de rañar senllos empates ante estas dúas últimas formacións-, os herculinos fechan o seu paso polo torneo reeditando o súper clásico deste deporte a nivel estatal ante o seu gran rival, o Barça. Coa única aspiración de sacar a espiña cravada co 8-2 que os blaugranas lles inflixiron no partido inaugural da Champions, os xogadores verdibrancos reciben ás 20.30 horas de hoxe os cataláns nun encontro que será retransmitido pola TVG2.
 
Carmen Calvo, Xosé Regueira, Evencio Ferrero e Ángeles Pacoret. (Foto: Nós Diario)
Agora

Os pasatempos da 'Píllara das dunas' promoven o galego na hostalaría de Carballo

O Goberno local e o sector hostaleiro de Carballo volven unir esforzos na promoción da lingua. Por segundo ano consecutivo, poñen en marcha unha campaña de normalización que inclúe a repartición masiva de salvamanteis con pasatempos da revista A píllara das dunas, editada polo Consistorio en colaboración coa Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG). O obxectivo é que mentres a clientela agarda por unha tapa, unha ración ou un xantar poida entreterse e exercitar o uso da lingua facendo unha sopa de letras ou un anagrama tirados da Píllara, a primeira revista de pasatempos en galego editada por un Concello. A iniciativa dispón 50.000 unidades con xogos creados por Xoán Costa, cuxo enxeño enche tamén as páxinas de enredos de Nós Diario e Sermos Galiza.
A cocaína comisada pola Garda Civil en Cariño.
Agora

Arrestado o dono dun bar en Cariño que tiña escondidos na cisterna do váter 263 gramos de cocaína

A Garda Civil detivo un home en Cariño (Ortegal) que tiña escondida na cisterna do váter do almacén do seu estabelecemento hostaleiro unha bolsa hermética que contiña 263 gramos de cocaína. Segundo informou esta cuarta feira o corpo policial, axentes da Garda Civil de Ortigueira, en colaboración con membros do corpo en Ferrol, executaron un operativo que derivou no arresto deste home, investigado por un delito contra a saúde pública. As denuncias veciñais sobre a actividade delituosa que supostamente este individuo levaba a cabo desde o seu bar motivou a apertura dunha investigación que motivou a inspección do negocio. No almacén do local, que dispuña dun circuíto fechado de vixilancia por cámaras, gardas civís localizaron 7,64 gramos de haxix e distintos obxectos relacionados coa manipulación de estupefacientes para a súa venda. Nesa mesma estancia, os axentes atoparon escondida na cisterna do váter do baño unha bolsa fechada de forma hermética que contiña 263 gramos de cocaína.
Central hidroeléctrica das Portas, no concello de Vilariño de Conso, na comarca de Viana (Foto: Pifate).
Agora

Naturgy achégase aos 2.000 millóns de beneficio ao gañar até 20% máis

Naturgy obtivo un beneficio neto de 1.986 millóns de euros en 2023, o que representa un incremento de 20,4% con respecto ás ganancias de 1.649 millóns do ano anterior, nun exercicio no que impulsou os seus investimentos até os 2.944 millóns de euros, 53% máis, segundo informou a compañía. Pola súa parte, o importe neto da cifra de negocios do exercicio 2023 ascendeu a 22.617 millóns de euros, 33,4% menos que o ano anterior, principalmente como resultado dos prezos excepcionalmente altos da enerxía en 2022, dos que a principal gasista e terceira eléctrica do Estado español tirou proveito para aumentar a súa caixa. A multinacional, segunda produtora hidráulica da Galiza con 1.120 megawatts e 12 encoros e terceira xeradora eólica con 93,2 megawatts e 16 complexos no territorio galego, puxo o foco dos seus obxectivos neste ano na xeración renovábel de electricidade, polo que non é descartábel que intente reafirmar a súa posición no liderado do aproveitamento dos recursos galegos con novos proxectos.

Concentración das traballadoras de DomusVi, esta terza feira en Pontevedra (Foto: Nós Diario).
Agora

Persoal da residencia de DomusVi en Ribadumia protesta pola "imposición horaria"

Persoal da residencia de maiores DomusVi de Ribadumia (O Salnés) estudará a posibilidade de intensificar as mobilizacións contra a decisión da empresa de impor cambios de quenda e de negarse a compensar con tempo libre o traballo en días festivos. Así mesmo, as traballadoras desenvolveron esta terza feira unha concentración diante do edificio da Xunta da Galiza en Pontevedra coincidindo cun acto de conciliación, o cal rematou sen acordo.
Instalacións de Forestal do Atlántico na ría de Ferrol. (Foto: Forestal do Atlántico)
Agora

A Xunta da Galiza autoriza a instalación dunha planta de metanol en Mugardos

A Xunta da Galiza deu luz verde á autorización ambiental integrada outorgada a Forestal do Atlántico, no municipio de Mugardos (Ferrolterra), para unha planta de "metanol verde", un proxecto chamado Triskelion co que producirá 52.000 toneladas anuais. Segundo informa a compañía nun comunicado, este proxecto convértese no primeiro de tipo estratéxico en obter a autorización ambiental integrada, polo que "posúe maior madurez e viabilidade desde un punto de vista ambiental", ao tempo que apunta que sae adiante "sen ningunha alegación no trámite de exposición pública". Este proxecto consiste na fabricación de metanol verde mediante a síntese de hidróxeno renovábel e dióxido de carbono obtido da planta de coxeración que Forestal do Atlántico posúe nas súas factorías situadas na ría de Ferrol. 
Unha das fotos que se poderán ver na mostra de Pontevedra.
Agora

A vota de Castelao á Galiza vista a través do obxectivo de Xan Carballa

O Museo de Pontevedra abre o programa expositivo deste 2024 coa mostra Castelao: o retorno a Galicia, 1984. Xan Carballa, fotografías. A exposición, que conmemora o 40º aniversario da chegada á Galiza dos restos mortais de Castelao, artéllase arredor da crónica fotográfica do 24 de xuño de 1984 realizada polo fotógrafo e xornalista Xan Carballa. As imaxes relaciónanse co canon imperante do novo fotoxornalismo que se implantou con aires de liberdade nos xornais e semanarios desde o fin da ditadura franquista. Incorpora tamén obra artística de Castelao, fotografías, documentación e prensa da época para contextualizar os anos do seu exilio. Castelao: o retorno a Galicia, 1984 estará patente desde o 7 de marzo, no Edificio Castelao, até o 2 de xuño.

 

O xogador do Breogán entregou unhas equipacións ás xogadoras. (Foto: Adace Lugo).
Agora

Jordan Sakho visita o equipo de Adace Lugo

Co Leite Río Breogán inmerso desde hai semanas nunha agónica loita por superar, dunha vez por todas, a marca de sete triunfos na que parece estancado e que o ten no penúltimo posto da clasificación da Liga ACB, unha das súas últimas fichaxes, o pivote Jordan Sakho -que regresou a Lugo o pasado mes de xaneiro despois dunha estadía no UCAM Murcia-, deixou a rutina dos adestramentos durante uns intres para levar a cabo unha acción solidaria. O congoleño, acompañado do director da Fundación Breogán, Salva Arco, visitou as instalacións onde adestra o equipo de baloncesto que Adace (Asociación de Dano Cerebral Adquirido) dirixe na cidade da Muralla, facéndolle entrega dunhas equipacións deportivas  e conversando cos xogadores e xogadoras do club. 
 
Alessandra Todde (centro) celebrando o triunfo electoral. (Foto: Fabio Murru / Europa Press / Contacto)
Agora

Os progresistas fanse con Sardeña e dan o primeiro revés electoral á ultradereitista Meloni

“Despois de 75 anos conseguimos rachar este teito de vidro”, destacou hoxe Alessandra Todde, candidata do Movemento 5 Estrelas avalada por forzas progresistas estatais italianas, que por primeira vez se impuxeron nestes comicios, e que se converterá na primeira muller en presidir Sardeña. A alianza gañadora considerou o resultado como unha derrota directa do Goberno de ultradereita de Giorgia Meloni en Roma.

Pancarta despregada esta segunda feira na Coruña pedindo xustiza para Unai (Foto: Nós Diario).
Agora

Ducias de persoas piden xustiza pola morte de Unai Fernández na refinaría de Repsol

Varias decenas de persoas convocadas polo colectivo Xustiza para Unai secundaron esta segunda feira unha protesta ante os xulgados da Coruña para exixir que se "esclarezan os feitos" e se "castigue os culpábeis" pola morte deste traballador na refinaría de Repsol na cidade en marzo de 2022. Sergio Fernández, membro da plataforma, sinalou "os responsábeis das empresas", en alusión a Repsol e a Nervión -compañía auxiliar-, polo falecemento de Unai Martínez.
Traballadoras da industria conserveira da Galiza (Foto: Nós Diario).
Agora

Os prezos industriais descenderon 2,9% na Galiza no mes de xaneiro

Os prezos industriais diminuíron 2,9% o pasado xaneiro na Galiza en comparación co mesmo mes de 2023, segundo os datos publicados esta segunda feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Esta taxa foi inferior á media estatal, de 3,8%, e supuxo un retroceso en comparación coa baixada interanual de prezos de 5,9% en decembro. En concreto, os bens de consumo -aqueles listos para seren comprados polas usuarias finais- incrementaron o seu prezo 3,8% e os bens de equipo -aqueles que serven para producir outros bens e teñen unha vida útil longa- encareceron 1,3%. Pola súa parte, os bens intermedios -os materiais empregados no proceso de produción- baixaron 3,8%, así como a enerxía, que descendeu 10,4%. Por outra parte, o Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) da electricidade nos contratos domésticos regresará a 21% en marzo. Segundo cálculos de Selectra -empresa de asesoramento enerxético-, a suba no recibo será de 7,48 euros en comparanza cos impostos de 2023 e de 4,56 euros con respecto a xaneiro e febreiro.

Alessandra Todde (centro) durante a campaña electoral. (Foto: Nós Diario)
Agora

A progresista Alessandra Todde, moi perto de facerse coa Presidencia de Sardeña

Á hora de feche hoxe desta edición, Alessandra Todde, candidata do Movemento 5 Estrelas apoiada por distintas forzas progresistas, encabezaba o reconto das presidenciais en Sardeña con 45,5% dos votos cando se escrutaran tres cuartas partes das seccións electorais, con Paolo Truzzu, candidato da ultradereita de Irmáns de Italia avalado por formacións conservadoras, con 45,2%. As candidaturas soberanistas ficaron perto de 10%.

Alberto Varela, presidente da Fegamp, nunha foto de arquivo.  (Foto: Fegamp)
Agora

A Fegamp ve "límite" a situación dos Concellos

O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, solicitou esta segunda feira unha xuntanza urxente ao ministro de Dereitos Sociais, Pablo Bustinduy, co obxecto de abordar "a grave problemática estrutural e de financiamento que están a soportar os concellos galegos na área dos servizos sociais comunitarios". Na carta, o presidente da Fegamp sinala que os concellos galegos "están a asumir cos seus fondos propios a meirande porcentaxe do custo do Servizo da Axuda no Fogar (SAF) para persoas dependentes por mor do incremento de prezos" dos últimos anos, e polo incremento de horas en todos os grados de dependencia. Todo isto, xunto coa situación demográfica e territorial da Galiza, "está a levar os concellos galegos a unha situación límite", denuncia Alberto Varela.
Pedro Branco (cuarto pola esquerda), esta segunda feira, no Carballiño (comarca homónima). (Foto: Nós Diario)
Agora

O Estado español ofrece 5,6 millóns para dixitalizar padróns locais

O delegado do Goberno español na Galiza, Pedro Branco, presentou esta segunda feira as axudas económicas que o Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática pon a disposición das entidades locais para que dixitalicen o seu padrón, un trámite que deberá ser obrigatorio antes de agosto de 2026. Branco indicou que o importe preasignado polo Goberno para os concellos galegos ascende a 5,6 millóns, sendo as Deputacións provinciais as encargadas de solicitar estas axudas entre os municipios que non superen os 20.000 habitantes –uns 290 na Galiza–, no marco dun proxecto financiado polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia que xestiona o Ministerio.