Agora

As gañadoras da Rías Baixas, co alcalde de Barro, Xosé Abraldes. (Foto: FGDA).
Agora

A Liga Atlántica de Billarda estrease en Barro e Zas

A Liga Atlántica de Billarda continúa coa súa expansión, e na súa última xornada a Conferencia Rías Baixas estreouse no Concello de Barro e a Noroeste, en Zas. Na primeira localidade, e coa acción condicionada polos fortes ventos e a choiva, que obrigaron a trasladala ao Pavillón Municipal, o mellor na categoría individual absoluta foi Luís Camiña (Gharaboto de Marín), recaendo o triunfo na feminina en Casilda, tamén de Gharaboto; por equipos, Lúa de Forza de Sanxenxo logrou facerse coa vitoria. A pouco máis de 80 quilómetros de Barro, en Zas, o tempo tampouco deu tregua, obrigando a desenvolver a xornada entre muros, onde Abel Regueiro (Cochiqueiros de Cerceda) sacou o mal sabor de boca despois de varias xornadas rañando o máis alto do podio coa punta dos dedos. 
A ouro paralímpica en Toquio, Susana Rodríguez (dereita), coa súa guía (Foto: EP).
Agora

Vigo acollerá unha palestra de Susana Rodríguez

'Constancia, cabeza e corazón' é o título da conferencia que a médica, campioa olímpica viguesa e Premio Nacional do Deporte 2023, Susana Rodríguez Gacio, ofrecerá na próxima sexta feira, 1 de marzo, na Sede de Afundación da cidade olívica. Segundo explica a organización, a palestra distribuirase en dúas sesións: ás 11 horas para escolares e ás 19 para público o público en xeral, podendo seguirse tamén a través da internet. Susana Rodríguez, quen conta cunha serie de condicionantes físicos -como unha discapacidade visual severa e un corazón que require seguimento continuado e viaxar sempre acompañada dun desfibrilador- que sobre o papel levan a pensar que non podería chegar a ser unha triatleta de alto nivel, desexa compartir con todas as persoas asistentes como "con determinación, esforzo e paixón" logrou superar todas as barreiras e a ser recoñecida incluso internacionalmente.

Neve en Cervantes, Os Ancares (Foto: MeteoGaliza).
Agora

Rescatadas dez persoas excursionistas en Cervantes (Os Ancares) atrapadas na neve

Dez excursionistas foron rescatados esta pasada noite en Cervantes (Os Ancares) após perderse na neve. Un operativo formado por membros da Garda Civil de Becerreá e Cervantes, xunto a persoal voluntario de Protección Civil deste último municipio conseguir localizar a un grupo que se perdeu cando estaba a facer un roteiro de montaña no monte Cabana Vella. As persoas rescatadas, entre elas unha menor segundo algunhas fontes, estaban en bo estado mais con medo e cansazo froito da situación.

Agora

O prezo da luz rexistrará este domingo o seu prezo máis baixo no que vai de 2024, a 3 euros/MWh

O prezo do mercado almacenista eléctrico, o denominado 'pool', rexistrará este domingo o seu prezo máis baixo no que vai de 2024, cunha media para a xornada de 3,06 euros por megawatt hora (MWh), tras anotarse un descenso do 56% respecto ao prezo deste sábado. O prezo máximo será de 7,2 euros/MWh, rexistrándose entre as 21.00 e as 22.00 horas, mentres que se dará unha hora, entre as 16.00 e as 17.00 horas, a cero euros/MWh, segundo os datos provisionais do Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE). Xunto a esa hora de cero euros/MWh que marcará o 'pool', tamén se rexistrarán outras horas a practicamente eses niveis -0,43 euros/MWh e 0,01 euros/MWh-, entre as 12.00 e 16.00 horas e entre as 17.00 e as 18.00 horas. En total, cinco horas nas que o prezo estará ao redor dos 0,0 euros/MWh. Con todo, este prezo non se traslada logo ao recibo exactamente a eses cero euros, xa que existen uns custos fixos para o consumidor eléctrico, por peaxes, cargos e axustes do sistema.

Agora

Trasladada unha persoa con queimaduras tras incendiarse a súa vivenda en Pontevedra

Unha persoa maior tivo que se trasladada ao hospital ao sufrir queimaduras tras declarase un incendio na súa vivenda da rúa dá Virxe do Camiño, na cidade de Pontevedra. Segundo informou o 112, foi sobre as 4,30 horas deste sábado cando un particular deu a voz de alarma e indicou que saía lume no piso de arriba, que cheiraba a fume e que escoitaba ruídos coma se caesen cousas ao chan. Ademais, explicou que chamase á porta do veciño pero que non abría ninguén e que, ademais, o patio interior estaba cheo de fume. A central de emerxencias avisou aos Bombeiros de Pontevedra, ao persoal de Urxencias Sanitarias da Galiza-061, á Policía Local e Nacional e aos efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección da cidade. Unha vez no punto, os servizos de emerxencias comprobaron que na vivenda había dúas persoas de avanzada idade e procederon á súa evacuación. Así, tras extinguir as lapas, indicaron que ardeu unha habitación na súa totalidade e que unha persoa maior, que non perdeu a conciencia, estaba ferida.

Dúas enfermeiras en plena xornada de traballo. (Foto: Satse).
Agora

A CIG chama a rematar coa interinidade na Administración

A CIG defendeu esta sexa feira que a recente sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) na que insta a rematar coas interinidades de longa duración nas Administracións Públicas do Estado español "afonda na necesidade de estabelecer novos mecanismos legais que poñan fin a unha forma de contratación que se está facendo crónica e que non se resolve polos sucesivos procesos de estabilización abertos". Neste sentido, a central sindical considerou que "os servizos públicos teñen que ser universais, de calidade e xestionados polas Administracións con persoal propio". Segundo o ministro español de Transformación Dixital e Función Pública, José Luis Escrivá, o TXUE fixo unha interpretación "moi extensiva" na súa sentenza dunha forma non xustificada. "Hai que ver como os tribunais estatais van interpretando o que se lles suxire", concluíu o ministro.

Protestas en Níxer contra a inxerencia francesa en 2023. (Foto: Djibo Issifou / DPA)
Agora

Níxer atopa "un arsenal de guerra" que atribúe a un intento de "desestabilización" francés

Níxer, liderado por unha Xunta Militar que se fixo co poder nun golpe de Estado incruento en 2023, transmitiu que localizou “todo un arsenal de guerra para levar a cabo unha estratexia co fin de desestabilizar o país” nunha residencia de Niamey, a capital, usada por militares franceses, e nun local utilizado como sede por parte da misión da Unión Europea (UE) no país africano, recolleron hoxe medios internacionais.

Porto de Vigo, centro de exportación galega (Foto: Porto de Vigo).
Agora

O porto de Vigo lidera o tráfico estatal de vehículos no mes de xaneiro

O porto de Vigo fechou xaneiro deste ano alcanzando o liderado en movemento de vehículos que antes tiña a terminal de Barcelona, cun total de 55.801 unidades, 19% máis, segundo os datos comunicados esta sexta feira na reunión mensual do Consello de Administración. Así, este crecemento reflectiuse tamén nas toneladas de tráfico portuario de vehículos, que experimentaron unha suba de 16,7%, do mesmo modo que creceu o tráfico doutras mercadorías, como as pezas de automoción (107,57%) ou a pesca fresca (6,24% máis). Ademais, segundo amosaron as estatísticas, o tráfico de mercadorías xerais do porto de Vigo creceu 5,62% en xaneiro de 2024 con respecto ao mesmo mes do ano 2023.
O presidente do comité de empresa de Alcoa, José Antonio Zan (Foto: Gabriel Luengas / Europa Press).
Agora

A parada no forno de Alcoa pon en perigo 500 empregos

A parada nas obras de construción do forno de ánodos comprometido para o mes de novembro na planta de Alcoa en San Cibrao, Cervo (A Mariña), deixará, segundo o comité de empresa, "sen carga de traballo" "máis de 500 traballadores" das empresas auxiliares. Así o dixo esta sexta feira o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, que asegurou que o "bloqueo" do investimento representa un "incumprimento claro do acordo" de viabilidade asinado entre a firma e o persoal da factoría. "O forno está paralizado desde hai catro meses. O 7 de novembro tiñan que estar aprobados os fondos para comezar. O único que dixeron é que empezarían nos primeiros meses deste ano, mais está claro que non o van facer porque Bill Oplinger [CEO de Alcoa] xa dixo claramente que non ía investir nas fábricas que tiñan perdas", explicou. Porén, a empresa afirmou que non ten cometido "ningún incumprimento" do acordo e que se atopa centrada "no rearranque das 32 cubas" de electrólise. Neste contexto, o comité exixe convocar a mesa de seguimento para que Alcoa "clarifique dunha vez por todas que vai facer". 

O comisario europeo de Economía, Paulo Gentiloni (Foto: Xavier Lejeune / EC / DPA).
Agora

Bruxelas aposta polo endebedamento nos mercados para financiar a Defensa da UE

O comisario europeo de Economía, Paolo Gentiloni, apoiou esta sexta feira financiar a Defensa da Unión Europea (UE) a través dun sistema de emisión de débeda similar ao que xa se utiliza no plan de recuperación e resiliencia (máis coñecido como os fondos Next Generation), que obtén fondos a través de préstamos no mercado financeiro. Así o sinalou en declaracións aos medios á súa chegada á reunión informal de ministros e ministras de Economía da zona euro, o Eurogrupo, que decorreu esta sexta feira en Gante (Bélxica) no marco da Presidencia belga do Consello Europeo. "A experiencia que tivo a Comisión Europea coa pandemia e a recuperación dos préstamos no mercado financeiro, que foi de cero a 100.000 millóns anuais, foi moi positiva", apuntou o comisario europeo de Economía.
O músico Alejo Amoedo.
Agora

O pianista Alejo Amoedo ingresa na Real Academia Galega de Belas Artes

A Real Academia Galega de Belas Artes realizará este sábado, 24 de febreiro, unha sesión extraordinaria pública para a recepción do académico numerario da sección de Música Alejo Amoedo, no auditorio Martín Códax do Conservatorio Superior de Música de Vigo, ás 13 horas. Pronunciará o seu discurso de ingreso, dedicado a Reveriano Soutullo, que contará con interpretación musical e será contestado en nome da institución polo académico Juan Durán.
O danés xa viste o maillot amarelo de líder do Gran Camiño. (Foto: O Gran Camiño).
Agora

Jonas Vingegaard I, rei da Galiza

A Galiza ten novo rei, e ese non é outro que Jonas Vingegaard. O danés, un ano despois da súa extraordinaria exhibición na edición 2023 do Gran Camiño, volveu demostrar onte na segunda etapa da presente edición da proba que aquí está como na súa casa, atravesando en primeiro lugar a liña de meta e alzándose ao primeiro posto da clasificación xeral. Ninguén foi capaz de seguir o extraordinario ritmo imposto polo dous veces campión do Tour de Francia, quen recibiu en solitario o aplauso da cidadanía de Chantada, lugar onde concluíu unha tirada na que segundo, a 24 segundo de Vingegaard, foi Egán Bernal, superando nun axustado esprinte a Jefferson Cepeda. Hoxe, O Gran Camiño desprazarase até Xinzo de Limia, poñendo rumbo a Ribadavia (O Ribeiro) ao longo de 173 quilómetros.
Aspecto que tería a bancada de Gol, en primeiro plano, unha vez concluída a reforma de Balaídos. (Foto: Nortap Ingenieros)
Agora

O Mundial de fútbol 2030, máis preto de chegar á Galiza

Riazor e Balaídos, A Coruña e Vigo, aspiran a ser unha das sedes escollidas para albergar partidos da Copa do Mundo de Fútbol de 2030, que organizarán conxuntamente os estados español, portugués e marroquino. Durante a sexta feira tiveron lugar dous movementos que aplanan o paso das candidaturas galegas, pois a veciña Asturias renunciou a que o Molinón xixonés reciba o torneo por considerar que sería un "risco" para a economía da cidade. Ademais, e case ao mesmo tempo, o Valencia Club de Fútbol negouse a subscribir o convenio co Concello por medo a, no caso de non estar rematado a tempo o novo Mestalla, ter que facerse cargo das multas.  
Agora

Fillas de Cassandra e De Ninghures reivindican a lingua da man da Amega na Coruña

A sala INN Club da Coruña viviu dous concertos da man dos grupos De Ninghures e Fillas de Cassandra en conmemoración do Día dos Medios en Galego. A Asociación de Medios en Galego (Amega) organizou estes concertos no marco de ‘A memoria da prensa en galego’ que é o título das xornadas e roteiros xornalísticos que se desenvolven neste mes de febreiro co gallo do Día dos Medios en galego.
Tractorada decorrida a pasada terza feira en Ourense. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
Agora

Bruxelas propón relaxar requisitos ambientais da PAC para aliviar a carga burocrática ás granxas

A Comisión Europea propuxo esta quinta feira relaxar algúns dos requisitos medioambientais da Política Agraria Común (PAC) que deben cumprir as explotacións agrogandeiras para aliviar a carga administrativa que deben soportar, buscando aplacar as mobilizacións que afloraron no sector a case catro meses das eleccións europeas. Bruxelas materializou así o que xa avanzou a presidenta do Executivo comunitario, Ursula von der Leyen, quen a comezos de febreiro dixo que traballaría xunto á Presidencia do Consello, que corresponde a este semestre a Bélxica, nunha rebaixa da presión burocrática para o sector agrogandeiro. O plan é modificar estas normas antes de mediados de marzo para garantir que os agricultores non se vexan penalizados.
Xosé Regueira (cuarto pola dereita) con chefs e produtores. (Foto: Deputación da Coruña)
Agora

A Deputación da Coruña presume de riqueza turística e gastronómica en Donostia

A Deputación da Coruña presentou esta quinta feira en Donostia "A provincia que sabe", unha xornada na que a entidade exhibiu a riqueza turística e gastronómica da man de diferentes produtores locais e do Restaurante Balarés de Ponteceso (Bergantiños), que ofreceron a un público profesional produtos de calidade cociñados pola chef Silvia Facal. "Os nosos chefs e produtores son a nosa mellor marca", dixo o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira
Unha central de transformación de Iberdrola (Foto: Iberdrola).
Agora

Iberdrola obtén o récord histórico de beneficio con 4.803 millóns de euros

Iberdrola obtivo un beneficio neto de 4.803 millóns de euros no ano 2023, o que representa un incremento de 10,7% con respecto ao exercicio anterior, pulverizando así as súas ganancias récord de 4.339 millóns de euros de 2022. Con todo, o presidente da multinacional, Ignacio Sánchez Galán, cargou contra a "gran cantidade de impostos diferentes que existen" no Estado español e insistiu en que manter o gravame extraordinario do Goberno estatal sobre as ganancias das enerxéticas "non ten ningún sentido".Pola contra, o conselleiro delegado de Repsol, Josu Jon Imaz, considerou que percibe un "cambio" con respecto á posibilidade de melloras no marco regulatorio e fiscal e mostrouse un "pouco máis positivo" despois das críticas que realizara. A firma obtivo un beneficio neto de 3.168 millóns de euros en 2023, cunha caída de 25,5% con respecto ao ano anterior, mais que Imaz destacou como "un resultado extraordinario". Ademais, o beneficio neto ordinario de Telefónica, excluíndo provisións e extraordinarios, alcanzou os 2.369 millóns de euros en 2023, 17,1% máis.
Concentración de persoal de correos en Lalín esta quinta feira (Foto: Nós Diario).
Agora

CIG-Correos demanda persoal na unidade de reparto de Lalín para garantir o servizo postal universal

A CIG-Correos concentrouse esta quinta feira diante da oficina principal de Correos de Santiago de Compostela, na rúa do Franco, onde está a Xefatura Territorial, para denunciar a falta de persoal na unidade de reparto de Lalín pola falta de cobertura de vacantes e outro tipo de baixas e exixir que se garanta o servizo postal universal nesta localidade.
Reconstrución dun dos murais de Urbano Lugrís. Non existen fotos coñecidas do estado no que se atopan agora.
Agora

A Xunta puxa polos murais coruñeses de Lugrís

A Xunta de Galiza vén de presentar unha oferta no Xulgado Mercantil número 3 da Coruña para adquirir os murais realizados por Urbano Lugrís na rúa Olmos da Coruña, por un importe de 35.000 euros. O obxectivo da adquisición é restaurar o conxunto mural para poñelo a disposición da cidadanía. O Goberno galego avaliará a posibilidade de trasladalos ao Museo de Belas Artes da Coruña, onde pasarían a estar expostos tendo en conta as razóns de interese social, así como as cuestións de conservación. 
Crianza con sarampelo. (Foto: bilanol)
Agora

A OMS reclama unha resposta urxente en Europa ante o aumento de casos de sarampelo

O pasado ano foron detectados en Europa máis de 58.000 casos de sarampelo, un incremento de 30% en relación a 2022, trasladou hoxe a Organización Mundial da Saúde (OMS). O director da entidade en Europa, Hans Kluge, recalcou que a “detección temperá e unha resposta rápida son decisivas”. A nivel mundial, a suba foi de 79% en 2023, após medrar en 2022 43% as mortes pola doenza, que ese exercicio matou 136.000 persoas.