Agora

O lehendakari Iñigo Urkullu. (Foto: H.Bilbao / Europa Press)
Agora

O lehendakari Iñigo Urkullu convocará esta tarde as eleccións vascas

O lehendari vasco, Iñigo Urkullu, convocou os medios de comunicación a unha rolda de prensa con carácter urxente esta quinta feira, a partir das 18.30 horas, para previsibelmente anunciar a data das eleccións ao Parlamento de Euskadi. A comparecencia será ao remate do Consello do Goberno vasco, convocado para as 17h. O 21 de abril manéxase como data máis probábel para os comicios.
Ponte de Rande. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press).
Agora

Arde un turismo na ponte de Rande e provoca retencións na AP-9

Un vehículo ardeu na mañá desta quinta feira na ponte de Rande e provocou amplas retencións na AP-9 en dirección Vigo. Con todo, o suceso non provocou ningún dano persoal. En concreto, segundo informou a central de emerxencias do 112-Galiza, o incidente tivo lugar ás 8.15 horas no quilómetro 147 da Autoestrada do Atlántico. Nese momento, varios particulares chamaron o 112 para avisar do suceso. Ao lugar desprazáronse os bombeiros do Morrazo, a Policía Local e a Garda Civil. O 112 explicou que, aínda que o vehículo quedou calcinado por completo, o condutor, que puido saír do turismo, non sufriu danos.
O presidente do comité de empresa de Alcoa, José Antonio Zan (Foto: Gabriel Luengas / Europa Press).
Agora

O comité de Alcoa busca apoios no Congreso para unha posíbel intervención da factoría

O comité de empresa da factoría de Alcoa en San Cibrao, no municipio de Cervo (A Mariña), mantivo encontros esta cuarta feira cos grupos parlamentarios con representación no Congreso estatal co obxectivo de buscar apoios para unha intervención estatal se a empresa incumpre compromisos adquiridos para o complexo industrial da Mariña até 2027. Neste sentido, formacións como o BNG, Bildu, Podemos, Sumar ou Junts mostráronse favorábeis.
O ex primeiro ministro de Paquistán Shehbaz Sharif. (Foto: PPI / Europa Press / Contacto)
Agora

Os rivais de Khan alcanzan un pacto para que Shehbaz Sharif sexa o novo líder de Paquistán

Cando aínda non se resolveu a manipulación dos resultados electorais nos comicios lexislativos en contra do Movemento pola Xustiza de Imran Khan, as forzas políticas vinculadas cos militares, cunha forte influencia na política paquistaní, anunciaron na madrugada de hoxe un acordo para conformar un novo Executivo, que estará liderado polo conservador Shehbaz Sharif, ex primeiro ministro da conservadora Liga Musulmá.

Uxía e Camané reinterpretan o fado.
Agora

Uxía canta con Camané en Braga

Na noite desta quinta feira,22 de outubro, no Espaço Vita de Braga, ás 21.30 horas, e dentro do programa do Festival Cultural Convergências, a cantora galega Uxía actuará xunto co fadista portugués Camané -figura destacada no rexurdir contemporáneo do fado-, nunha colaboración que busca celebrar o fado, mais tamén explorar como este xénero musical universal pode conectar cos sentimentos e a tradición musical galega. Os dous músicos homenaxearán, ademais, Rosalía de Castro e José Afonso. 
Mobilización do persoal de limpeza do Chuac, esta terza feira na Coruña (Foto: Nós Diario).
Agora

Persoal de limpeza do Chuac exixe as melloras retributivas pactadas

Traballadoras e traballadores do servizo de limpeza do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) continuaron esta cuarta feira coa súa xeira de mobilizacións para reclamarlle á empresa concesionaria, Acciona, que "cumpra co acordo de melloras retributivas e de redución da xornada anual", e demandarlle ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) "que interveña".Así, deron continuidade ás tres xornadas de protestas desenvoltas a pasada semana contra a pretensión da compañía de "absorber os incrementos retributivos e a redución da xornada anual pactados para o persoal do Sergas, a través das melloras que as traballadoras e os traballadores da limpeza do Chuac xa conseguiran hai unha década por sentenza xudicial". Mais isto, denuncian, "non é cumprir co acordo, senón vulnerar os nosos dereitos". Ademais, entenden "que se trata dunha discriminación xa que noutros servizos de limpeza hospitalaria adxudicados a Acciona non están tendo esta problemática". De feito, din, "o propio Sergas deulle como prazo máximo para aplicar o acordo ás contratas até xaneiro".
O portavoz de Sumar no Congreso español, Iñigo Errejón, esta terza feira (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press).
Agora

O Congreso inicia o debate sobre unha redución da xornada laboral sen implicar perda de salario

O Pleno do Congreso español debateu esta terza feira unha iniciativa de Sumar para impulsar a redución da xornada laboral sen que implique perda de salario. A proposta pretende fixar un tope na xornada laboral de 38,5 horas semanais en 2024 e chegar ás 37,5 horas en 2025, nunha rebaixa de pretensións para intentar conseguir o apoio do PSOE. Ademais, Traballo propuxo antonte dixitalizar o rexistro de traballo e aumentar o seu control.
Fachada do CIFP Ferrolterra, en Ferrol. (Foto: Google)
Agora

Desaloxadas case un cento de persoas do CIFP Ferrolterra por un incendio nunha papeleira

Perto dun cento de persoas tivo que ser desaloxado por un incendio nunha papeleira nun centro de ensinanza, en Ferrol, que provocou que o fume se estendera por toda a aula. O suceso saldouse sen danos persoais. Nin o estudantado nin o profesorado que se atopaba nese momento no centro necesitou asistencia sanitaria. Foi un particular o que deu o aviso ao 112, informando arredor das 16 horas de que vía saír lapas do interior dun taller de madeira, pertencente ao CIFP Ferrolterra, sen que puidese especificar que era o que estaba a arder ou se había feridos. Os bombeiros foron os encargados de extinguir o pequeno foco de lume iniciado nunha papeleira dunha aula de carpintaría situada no soto do edificio principal, que contiña maquinaria, madeira e disolventes. 
Ricardo García Mira, segundo pola esquerda, lidera o estudo (Foto: UDC).
Agora

Un estudo liderado pola UDC advirte do impacto da transición enerxética e reclama investimento nas Pontes

Un estudo liderado pola Universidade da Coruña (UDC) para analizar o impacto social da transición enerxética e as posíbeis medidas, con análises de rexións europeas afectadas, entre elas a localidade das Pontes (Eume), advirte do risco de despoboamento e demanda investimento para afrontar esta cuestión.Esta é unha das conclusións do proxecto Entrances, presentado no reitorado coruñés con presenza do vicerreitor de Investigación e Transferencia da UDC, Jerónimo Puertas, así como do investigador principal do proxecto, Ricardo García Mira, catedrático da área de Psicoloxía Social da UDC. Entre as conclusións para a área das Pontes, está a problemática do despoboamento e do envellecemento da poboación, polo que reclaman medidas como investimento en dixitalización e o desenvolvemento de infraestruturas para non perder poboación ou captala. Así mesmo, o estudo científico aposta pola reindustrialización e diversificación empresarial. García Mira subliñou que se trata dun proxecto terminado tras tres anos e medio de traballo e advertiu das "tensións e incertezas" que xera este contexto para as zonas afectadas.
A selección feminina de fútbol gaélico na Estrada (Foto:AGFG).
Agora

A Celtic Cup de fútbol gaélico chega á Cidade das Burgas

Regresa a selección galega de fútbol gaélico, e faino co gallo da Celtic Cup, que alcanza a súa segunda edición. O torneo, que se desenvolverá integramente nas instalacións do Campus Universitario da Cidade das Burgas, Ourense, e terá lugar o próximo sábado 24 de febreiro. Alí, a Irmandiña masculina será a primeira en entrar en acción, ás 16 horas, medindo o seu nivel ante un conxunto da terra natal deste deporte -o único no que a Galiza pode competir oficial e internacionalmente-, o Sylvester's Male de Irlanda. Unha vez que remate este partido inaugural, ás 17.45, será a quenda da selección feminina, que fechará a Celtic Cup enfrontándose co Kilmacud Female irlandés. 
O Atlético Guardés xogando contra o Bera Bera na Sangriña (Foto: Nós Diario)
Agora

Definido o cadro da Copa da Raíña de Balonmán para O Porriño e Guardés

Sorte dispar para os dous representantes da Galiza no sorteo da fase final da XVL Copa da Raíña de Balonmán, que se desenvolverá integramente no Illumbe Arena de Donostia do 10 ao 12 de maio do presente ano 2024. O peor parado foi o Mecalia Atlético Guardés, que colidirá en primeira rolda co anfitrión e vixente campión do torneo, Súper Amara Bera Bera nun horario aínda por definir. De conseguir dar a sorpresa, as arraianas medirían forzas nas semifinais co gañador do choque entre Atticgo Elxe e Costa do Sol Málaga. Pola súa parte, o Conservas Orbe Rubensa Balonmán O Porriño xogará ante un rival algo máis accesíbel, Caixa Rural Aula de Valladolid, sabendo que se logra o triunfo debería disputar  o pase á finalísima con KH-7 Granoller ou Elda Prestixio.
Bilawal Bhutto, líder do Partido Popular de Paquistán (PPP). (Foto: Violaine Martin / UN Photo / dpa)
Agora

O PPP alerta sobre un "estancamento" nas conversas para formar Goberno en Paquistán

O líder do Partido Popular de Paquistán (PPP), Bilawal Bhutto, ex ministro de Exteriores, alertou sobre un posíbel "estancamento" das conversas co partido do ex primeiro ministro Nawaz Sharif para formar Goberno se a Liga Musulmá de Paquistán-Nawaz (PML-N) non fai concesións para lograr un acordo. "Se alguén quere cambiar a súa postura, pode haber progresos. Se non están dispostos a cambiala, prognostico un estancamento", dixo Bhutto, quen afirmou que isto danaría a democracia e o sistema parlamentario no país. "Se quero dar un voto á PML-N, fareino nos meus termos, non nos seus", explicou, antes de asinar que "canto antes se resolva isto, mellor será a estabilidade e para o Goberno entrante", segundo informou o diario paquistaní Dawn. 
Mondra (Foto: Zeltia Iglesias)
Agora

Cartel galego para o Atlantic Pride

A nova escena musical galega convértese en protagonista do festival Atlantic Pride, que celebrará a súa quinta edición na Coruña do 7 ao 14 de xullo. Mondra -que protagoniza o Sermos Galiza desta fin de semana-, Sila Lua, O Rabelo e Nenaza, Catuxa Salom, Lontreira e Amoebo. No programa do Atlantic Pride está tamén confirmada a presencia das estrelas eurovisivas Rosa López, Las Ketchup e Lucía Pérez e Nebulossa, o dúo irá ao Festival da Canción de Eurovisión 2024 con Zorra.
Marta Fernández-Tapias encabezou a lista do PP en Vigo. (Foto: Nós Diario)
Agora

Unha xestora porase á fronte do PP de Vigo nos próximos días tras renunciar Fernández-Tapias a todos os seus cargos

Unha xestora, que se activará "non máis tarde do 29 de febreiro", dirixirá o PP de Vigo unha vez que a até o de agora líder local, Marta Fernández-Tapias, deu o paso de renunciar a todos os seus cargos, como anticipou que faría no arranque da campaña electoral ás eleccións do pasado domingo. Un día despois da vitoria do líder do PP galego, Alfonso Rueda, nas urnas, Fernández-Tapias enviou á militancia unha carta na que comunicaba que formalizara a súa renuncia á Presidencia do PP de Vigo #ante o comité executivo provincial.

Roberto Trashorras. (Foto: CD Lugo)
Agora

O Lugo fumilna Paulo Alves e Trashorras toma as rendas

Malia vencer este sábado a domicilio ao Teruel e non perder ningún dos últimos catro partidos, situando así o equipo a sete puntos do play-off e dez por riba do descenso, Paulo Alves foi cesado na tarde desta segunda feira como adestrador do Club Deportivo Lugo, deixando un balance igualmente pobre de tres derrotas, dous empates e dúas vitorias. O seu substituto será Roberto Trashorras, que ascende após dirixir durante un curso e medio o filial lugués.
Pedro Nuno Santos, líder e candidato do Partido Socialista luso. (Foto: Nós Diario)
Agora

O PS portugués supera en intención de voto o PSD a tres semanas das eleccións parlamentarias

A sondaxe da empresa Aximage para o Diário de Notícias, o Jornal de Notícias e a radio TSF, divulgada hoxe, coloca o Partido Socialista (PS) con cinco punto de vantaxe sobre a Aliança Democrática (AD), a coalición encabezada polo conservador Partido Social Democrata (PSD), coa ultradereita do Chega en terceira posición, de cara ás eleccións parlamentarias anticipadas que decorrerán o 10 de marzo.

Monumento a Rosalía en Pontevedra.
Agora

Pontevedra celebrará o Día de Rosalía cunha lectura colectiva

A vindeira sexta feira, 23 de febreiro, o Concello de Pontevedra ten preparada unha programación oficial co gallo da celebración do Día de Rosalía de Castro, en colaboración coa Asociación de Escritores/as en Lingua Galega. O acto principal do Día de Rosalía sucederá ás 20 horas no centro social do Gorgullón, espazo que acollerá a lectura de textos de Cantares gallegos e Follas novas. Trátase dun acto aberto a toda a cidadanía, no que pode participar de xeito directo. Será conducido por Miriam Ferradáns, que tamén lerá o manifesto de AELG nesta data tan sinalada. Doutra banda, o colectivo artístico O Fruto e a serpe encargarase da ambientación do acto. Desde a área de Normalización Lingüística, sinalan que a homenaxe pontevedresa céntrase nos textos rosalianos escritos en galego, para destacar "o papel da autora na reivindicación do uso da lingua galega nunha época en que publicar en galego -e ademais sendo unha muller- era un acto revolucionario". Ademais, "a súa escrita pioneira abriu o camiño á literatura galega moderna". 

Crecida do río Verdugo ao seu paso polo concello de Ponte Caldelas. (Foto: Europa Press)
Agora

Desactivado o plan de inundacións que estaba en vigor desde había case dúas semanas

A Xunta da Galiza desactivou esta segunda feira o Plan Especial ante o Risco de Inundación en Galicia (Inungal), que permanecía en vigor desde o 7 de febreiro, hai case dúas semanas. Así o informou o 112 "tras analizar os valores proporcionados" polos organismos que xestionan as concas hidrográficas e "tendo en conta a previsión meteorolóxica e a estabilidade dos caudais para os próximos días".

O Goberno galego activara o plan Inungal o día 7, en pleno azoute da borrasca Karlotta, polo posíbel desbordamento do río Verdugo ao seu paso por de Ponte Caldelas (comarca de Pontevedra).

Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 da Galiza, no municipio da Estrada (Foto: Europa Press).
Agora

Ferido un veciño do Corgo tras saltar pola xanela da súa vivenda cando se declarou un incendio

Un home resultou ferido nas últimas horas tras saltar desde a xanela dunha vivenda en chamas no Corgo (comarca de Lugo), e foi evacuado ao Hospital Lucus Augusti. Segundo informou o CIAE 112 Galiza, o suceso tivo lugar sobre as 20:30 horas deste domingo, e foi o persoal sanitario do PAC do Corgo o que avisou a Emerxencias, xa que o veciño ferido acudiu polos seus propios medios a este centro. Este persoal contactou co 112 para explicar que un veciño saltara pola xanela da súa casa ao declararse un incendio, para escapar das chamas, e que había resultado ferido. Os bombeiros extinguiron as chamas e comprobaron que o lume calcinara unha habitación, aínda que o fume estendeuse por toda a vivenda.

Protesta do PTI a quinta feira en Paquistán polo roubo electoral. (Foto: Hussain Ali / Europa Press / Contacto)
Agora

O PTI de Khan acusa as autoridades de Paquistán de roubarlles até 85 escanos

A de 2024 será lembrada como a "maior fraude electoral" da historia de Paquistán, proclamou hoxe Raoof Hasan, responsábel de Información do Movemento pola Xustiza (PTI) do ex primeiro ministro Imran Khan, que denunciou o roubo de 85 escanos nos comicios que lles darían a maioría absoluta, e presentou probas da manipulación dos resultados en 46 circunscricións, anunciando que están a recompilar os datos das restantes.