Agora

Castro, Rodríguez, Igrexas, Besteiro, Abalde, Espinosa, López e Longueira. (Foto: Nós Diario)
Agora

As deputadas electas do PSdeG participan na súa primeira xuntanza na Cámara

Deputadas e deputados electos do PSdeG, liderados polo candidato á Presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, participaron esta segunda feira na súa primeira xuntanza interna na Cámara galega tras as eleccións galegas do 18 de febreiro. A nova representación socialista no Parlamento galego –o propio Besteiro, Carmen Rodríguez, Paloma Castro, Patricia Igrexas, Julio Abalde, Silvia Longueira, Elena Espinosa e Carlos López, ademais de Lara Méndez que non asistiu por motivos de saúde– mantivo un encontro no que varios deputados saíntes e o que foi portavoz parlamentario, Luís Álvarez, informaron sobre distintos asuntos relativos ao seu traballo no Pazo do Hórreo. No novo grupo parlamentario socialista só repiten Rodríguez e Castro.
Ambulancia do 061. (Foto: Nós Diario)
Agora

Ferido un home de 49 anos ao caerlle unha pedra de gran tamaño nunha perna mentres traballaba en Sada

Un home de 49 anos resultou ferido despois de resultar atrapado tras caerlle sobre a perna unha pedra de grandes dimensións mentres traballaba en Sada (comarca da Coruña). O accidente laboral produciuse ás 16 horas desta segunda feira no lugar de Chan de Aldea, na parroquia de Veigue, onde o ferido traballaba nun muro cando recibiu o impacto dunha rocha que lle atrapou unha perna. Decorridos 15 minutos, o operario logrou zafarse do peso da pedra e puido ser evacuado en ambulancia até o CHUAC pola ambulancia de Urxencias Sanitarias-061 que se desprazou á zona.
Xián (centro) foi o mellor Infantil, seguido por Sofía e Antía. (Foto: FGDA).
Agora

Gharaboto brilla na Liga Atlántica de Billarda

O Pavillón de Nantes, en Sanxenxo, acolleu a undécima xornada da Liga Atlántica de Billarda na súa Conferencia Rías Baixas, destacando Álvaro (Gharaboto de Marín), que foi o gran triunfador da xornada, seguido polo seu compañeiro de equipo Ricardo Lois e por Albino Veiga (Valpaços Terra Quente de Vigo), que completou o podio na categoría absoluta. No referente á feminina, a mellor foi Ainhoa (Armadiña de Combarro), rematando na segunda posición Lu (Lúa de Forza de Sanxenxo) e na terceira Tania (Valpaços Terra Quente). Pola súa parte, na infantil o -case sempre- intratábel Xián volveu gañar, concluíndo por diante de Sofía e Antía, ambas competidoras dun Gharaboto que levou o premio na categoría colectiva, mentres que segundo foi o local Lúa de Forza. 
O deputado de Deportes, Antonio Leira. (Foto: Nós Diario)
Agora

Novas axudas a deportistas da Deputación da Coruña

A Deputación da Coruña vén de abrir o prazo de solicitudes das bolsas para deportistas de alto nivel da provincia durante o ano 2024. Así, as persoas interesadas en solicitar estas axudas poderán facelo até as 14 horas do día 15 de marzo de 2024 a través da plataforma SUBTEL da Deputación. "O obxectivo das bolsas é apoiar a práctica e o rendemento deportivo, tanto en relación ao perfeccionamento técnico, como para posibilitar a participación dos e das deportistas en eventos de alto nivel", explicou o deputado de Deportes, Antonio Leira, quen lembrou que a convocatoria deste ano prevé a concesión de 50 bolsas individuais de 3.500 euros cada unha, ascendendo o orzamento total do programa a 175.000 euros. "Pasamos de 30 bolsas de 2.500 euros a 45 bolsas de 3.500 euros nos últimos anos", engadiu, apostilando que ese dato "evidencia o compromiso da Deputación cos nosos e as nosas deportistas e a nosa aposta para axudarlles a situar o deporte coruñés á vangarda". Deste modo, en 2024 poderán optar a estas achegas de 3.500 euros deportistas federadas e residentes no territorio da provincia da Coruña que practiquen algún deporte incluído no programa oficial dos inminentes Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París, sempre que este sexa unha modalidade individual.
 
Bombeiros traballan na extinción do incendio no edificio abandonado de Narón (Foto: Speis Narón).
Agora

Os bombeiros traballan para confirmar que non houbo vítimas no incendio dun edificio abandonado de Narón

Os bombeiros de Narón (comarca de Ferrol) extinguiron nas últimas horas un incendio que afectou a un edificio abandonado na Estrada de Castela, en Xubia, e iniciaron os labores de limpeza para confirmar que non se produciron vítimas, xa que o inmóbel adoita estar frecuentado por unha muller, aínda que a veciñanza afirmou que hai días que non a ve por alí. Segundo informou o 112 Galiza, o lume iniciouse pasada a medianoite e as chamas comezaron nun rocho, entre a planta menos un e planta cero do edificio. Os servizos de Emerxencia mobilizaron aos bombeiros de Narón, de Ferrol e á Policía. Os labores de extinción víronse complicadas polo estado de abandono do edificio.

Agora

Borja San Ramón anuncia que non seguirá á fronte de Podemos na Galiza

O coordinador de Podemos na Galiza, Borja San Ramón, anunciou este domingo no Consello Cidadán Galego que non se presentará ao próximo congreso da formación e mostrou a súa aposta por Isabel Faraldo, candidata á presidencia da Xunta nos pasados comicios galegos do 18 de febreiro. Nunha nota de prensa, Podemos detallou que o actual líder da formación destacou que hai "unha aposta clara por darlle continuidade ao traballo político comezado por esta dirección na campaña electoral e desenvolver un proxecto do que Isabel Faraldo é a principal cara visíbel". Nesta liña, puxo en valor o "magnífico papel que fixo Isabel no debate da CRTVG" e a necesidade de "visibilizar a súa figura para poder desenvolver e darlle estabilidade a un proxecto" que "devolva" a Podemos ás institucións galegas. Así, desde a formación violeta quixeron recalcar tamén que é o momento de "dar estabilidade e reforzar a organización" para "poder abrir un ciclo político que permita que o partido traballe en liña co rumbo tomado".

Agora

A luz baixa este domingo até 3,97 €/MWh e manterase a cero euros até as 18 horas

O prezo do mercado almacenista eléctrico, o denominado 'pool', baixará este domingo a 3,97 euros o megawatt hora (MWh) de media e manterase a cero euros practicamente todas as horas até as 18 horas, segundo os datos provisionais do Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE). O prezo máis alto rexistrarase entre as 21 horas e as 22 horas, con 30,6 euros/MWh, segundo os datos de OMIE. Por décimo día consecutivo o prezo da luz mantense por baixo dos 10 euros de media, aínda que este prezo non se traslada logo ao recibo exactamente, xa que existen uns custos fixos para o consumidor eléctrico, por peaxes, cargos e axustes do sistema. Este descenso desde o 22 de febreiro no mercado almacenista da electricidade débese, principalmente, á presenza dunha fronte atlántica que provoca fortes refachos de vento e que, á súa vez, impulsa a presenza das renovábeis no 'mix' de xeración, así como á caída da demanda coa chegada da fin de semana con respecto aos días laborábeis.

Agora

Oito ríos e tres rías galegas atópase baixo vixilancia ante o risco de asolagamento

A Xunta da Galiza mantén activo o Plan Especial ante o Risco de Inundacións de Galicia (Inungal) que nestes momentos aplícase en oito ríos e tres rías de toda a xeografía galega. En concreto, atópanse en seguimento as estacións de control de aforo na Mariña do río Covo (Cervo), o río Landro (Viveiro) e o río Ouro (Foz). Ademais, contrólase o río Mera en Ortigueira (comarca do Ortegal), as rías de Cedeira (Ferrolterra) e Ortigueira, así como os ríos Xubia, en San Sadurniño (Ferrolterra); Eume, nas Pontes de García Rodríguez (comarca do Eume); Mandeo, en Aranga (comarca de Betanzos); a ría de Betanzos e o río Landro en Viveiro (A Mariña). Desde a Dirección Xeral de Emerxencias lembran que é necesario extremar as precaucións. Entre outras recomendacións, para evitar riscos, o 112 Galiza aconsella abandonar calquera actividade que se realice nos cursos fluviais, evitar atravesar pontes ou torrentes, retirar os vehículos da marxe dos ríos e, en caso de inundación nunha vivenda, acceder á parte máis alta para protexerse.

Helicóptero de salvamento marítimo (Foto: Salvamento marítimo).
Agora

Falece un home tras caer ao mar na Coruña

Un home faleceu, a última hora da tarde desta sexta feira, tras caer ao mar na zona da praia Amorosas, na Coruña. Segundo informou o 112, os feitos sucederon minutos antes das 21 horas cando Salvamento Marítimo solicitou asistencia sanitaria urxente para unha persoa que rescataran da auga a bordo do Helimer. A central de emerxencias deu aviso a Urxencias Sanitarias da Galiza-061 que, a pesar dos esforzos, nada puideron facer por salvarlle a vida e tamén acudiron sete bombeiros con dous vehículos. Os Bombeiros da Coruña detallaron que desde o helicóptero descendeu un mergullador e recuperou o corpo. Con todo, os efectivos do parque da Grela non tiveron que intervir neste operativo no que tamén participou a Policía Local e Protección Civil.

O futuro do deporte leva nome de muller, e Julia Benedetti é a viva representación desta realidade (Foto: Nós Diario).
Agora

Julia Benedetti brilla en Dubai e achégase aos Xogos de París

A skater galega Julia Benedetti, quen participou sendo aínda menor de idade nos Xogos Olímpicos de Toquio 2020, continúa dando pasiños para repetir a súa participación na gran cita planetaria, que nesta ocasión será en París no presente ano 2024. No Pro Tour de Dubai (Emiratos Árabes Unidos), última proba puntuábel para o ránking olímpico, a coruñesa de 19 anos logrou coarse nas semifinais, rematando só por detrás das nipoas Hiraki e Yosozumi e a vasca Laso. Agora, e tras escalar varios postos no ránking mundial, Julia Benedetti encara un torneo Preolímpico que se levará a cabalo entre Shanghai (China) e Budapest (Hungría) entre os meses de maio e xuño.
 
Imaxe de arquivo dun tren de Renfe. (Foto: Europa Press)
Agora

Un desprendemento interrompe a circulación ferroviaria en Miño (As Mariñas) durante case catro horas

Un desprendemento de rochas sobre a vía provocou o corte da circulación ferroviaria esta sexta feira en Miño (As Mariñas) durante case catro horas. Segundo informou Adif, o tráfico quedou restabelecido minutos antes das 13 horas, catro horas despois de que un tren da liña Ferrol-Betanzos-Infesta-Lugo sufrira unha avaría ao impactar contra unhas rochas.

O incidente produciuse ás 9.30 horas á altura da ponte romana de Perbes e obrigou a que os pasaxeiros e as pasaxeiras (ningunha resultou ferida) foran trasladados por estrada para que puidesen continuar a súa viaxe noutro tren.

 

Algúns dos agasallos da XV edición de Santiago(é)tapas (Foto: Santiago Hostalería).
Agora

Santiago(é)tapas fecha a XV edición este domingo con centos de premios

A XV edición do Santiago(é)tapas, organizada por Turismo de Santiago, rematará este domingo tras conseguir converter a capital da Galiza "no epicentro da gastronomía en pequeno formato, grazas ás propostas culinarias que están a ter unha grande acollida entre o público, aos máis de 200 agasallos directos entregados a quen completa algunha das cinco '(é)tapas', e ás tres rutas especiais: Ruta Sen Glute, Ruta Doce e Ruta Vexetariana", segundo salientaron esta quinta feira desde a organización deste evento. Entre os máis de 200 agasallos para o público que completa as '(é)tapas', atópanse premios como abonos dobres para a tempada do Obradoiro CAB, así como a asistencia a diversas propostas culturais, turísticas e de saúde e benestar. Desta maneira, até este domingo, o público poderá seguir probando a gran cantidade de tapas que ofrecen os locais de hostalaría composteláns e votando as súas preferidas, ademais de selar o Tapasporte de cada local visitado, conseguindo os diversos agasallos directos na Oficina de Turismo da rúa do Vilar por cada '(é)tapa' finalizada.
Persoal técnico, esta quinta feira, en Xunqueira de Espadanedo (Foto: Xunta da Galiza).
Agora

A Xunta atribúe o derrubamento de parte da ponte de Xunqueira de Espadanedo a "un defecto de construción"

A Xunta da Galiza atribuíu esta quinta feira o derrubamento de parte da ponte de Xunqueira de Espadanedo (comarca de Allariz-Maceda) na OU-536 a "un defecto de construción" desta infraestrutura levantada no século XIX. Así o fixo o Goberno galego, titular da estrada, a pesar de que a veciñanza do municipio levaba advertindo durante meses da inseguridade derivada dos problemas de inestabilidade que padecía esta ponte.
María Ferreiro, Margarida Prieto e Henar Román, representantes do SLG (Foto: Nós Diario).
Agora

A Secretaría das Mulleres do SLG cumpre os 20 anos de encontros

Esta fin de semana terá lugar o XVIII Encontro Anual da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego (SLG). Trátase dunha edición especial, xa que se cumpren 20 anos de encontros desde o primeiro encontro decorrido en Allariz (comarca de Allariz-Maceda) no ano 2004. Nesta ocasión, terá lugar no Espazo Vilaseco, en Chantada (comarca homónima). "Para nós os encontros anuais da Secretaría das Mulleres son moi importantes", explica María Ferreiro, a súa responsábel dende o ano 2012. "Xuntámonos para analizar, debater, dar e obter información e sacar liñas de traballo, mais tamén para compartir e colectivizar. Este ano case un centro de labregas de todo o país, mais tamén doutras xeografías, traballaremos e celebraremos este aniversario tan especial. Son xa 20 anos de encontros, 20 anos da man", engadiu a representante do SLG.Ademais, o sindicato presentará o documental Labregas, espazos de venda, realizado para dar a coñecer a realidade das mulleres labregas que fan venda directa na Praza de Abastos de Compostela, e a publicación A fala da terra. Labregas, que se trata dunha compilación de testemuñas de mulleres labregas.
Agora

EAPN exixe ás forzas políticas compromiso no acceso da cidadanía á vivenda

A Rede Galega contra a Pobreza (EAPN Galiza) inaugurou esta quinta feira na sede da Valedora do Pobo, en Santiago de Compostela, unha exposición que explora "diferentes ámbitos da problemática" do acceso a unha "vivenda digna, adecuada e accesíbel" na Galiza, un acto no que a organización aproveitou a presenza de representantes das forzas políticas para reclamar que "traballen conxuntamente" en medidas "urxentes" e "máis ambiciosas" que permitan garantir o acceso da cidadanía á vivenda.
Grupo de migrantes rescatados por Marrocos a cuarta feira. (Foto: Forzas Armadas de Marrocos)
Agora

Máis de 20 persoas migrantes falecen nun naufraxio cando intentaban alcanzar Canarias

No mínimo 24 persoas perderon a vida fronte ás costas de Senegal, nas proximidades da fronteira con Mauritania, informaron hoxe medios internacionais, tras afundirse unha embarcación con 280 persoas cando trataban de chegar a Canarias. Case 1.000 persoas migrantes faleceron nos primeiros seis meses de 2023 nesta ruta marítima, indicou o grupo en defensa dos dereitos das migrantes Walking Borders.

O número de xogadoras federadas ascendeu até 407. (Foto: Gaélico Galego).
Agora

A selección galega volve no Torneo da Haia

Case sen tempo desde que a pasada fin de semana brillase tanto na categoría masculina como na feminina na II Celtic Cup, a selección galega de fútbol gaélico -o único deporte no que a Galiza pode competir oficial e internacionalmente- pon rumbo aos Países Baixos para participar na décimo quinta edición do Torneo Invitacional da Haia. Alí, nun dos torneos máis prestixiosos de Europa, a Irmandiña continuará a súa preparación de cara aos World Games que terán lugar en Irlanda no mes de xuño fronte a varios dos conxuntos máis potentes do continente. Deste modo, os 14 homes convocados polos seleccionadores Alberto e Jano debutarán ante o Den Haag ás 9 horas do 4 de marzo, mentres que as 17 mulleres chamadas por Pablo da Silva farán o propio co Wanderers ás 10. 
coche vehículo condutor condución (Foto: Miguel Ángel Junquera)
Agora

Morre un home de 80 anos nunha colisión frontal entre dous vehículos en Carballeda de Avia

Un home de 80 anos morreu na mañá desta quinta feira nunha colisión frontal entre dous vehículos en Carballeda de Avia (O Ribeiro). O falecido manexaba un turismo de marca Renault que impactou ás 10.30 horas no quilómetro 3 da estrada OU-0306 contra un Citröen no que viaxaban dúas persoas, que resultaron ilesas. Segundo a información facilitada pola Garda Civil de Ourense, a vítima mortal, que se atopaba soa no vehículo, non levaba abrochado o cinto de seguridade. O falecido é un veciño de Carballeda de Avia de 80 anos de idade. Á zona desprazáronse membros da unidade de investigación da Garda Civil de Ourense para redactar as dilixencias do sinistro.
Protesta do persoal de Correos, esta quinta feira en Santiago de Compostela (Foto: Nós Diario).
Agora

Persoal de Correos exixe a actualización do pagamento pola quilometraxe no reparto

Persoal de Correos e representantes da CIG concentráronse esta quinta feira en Compostela para demandar o pagamento pendente do aumento das retribucións pola achega do vehículo propio para facer o reparto de correspondencia, especialmente no rural. Desde xullo, o Goberno estatal acordou subir a indemnización por quilometraxe de 19 a 26 céntimos. Porén, denunciaron, "Correos nin actualizou este concepto nin tampouco pagou os atrasos desde xullo".
Protesta realizada por persoas migrantes, esta cuarta feira na Coruña (Foto: Europa Press).
Agora

Migrantes protestan na Galiza para exixir a homologación dos seus títulos

Representantes do colectivo de migrantes protagonizaron esta cuarta feira protestas na Galiza para reclamar "a homologación, a equivalencia e o recoñecemento de especialidades profesionais". As convocatorias de mobilización tiveron lugar ante a Delegación do Goberno español na Galiza, con sede na Coruña, e na Subdelegación de Pontevedra. "Pedimos ao Goberno estatal e, especialmente ao Ministerio de Universidades, que aceleren a homologación dos títulos universitarios dos profesionais estranxeiros", exixiron. Todas as persoas afectadas por esta situación, defenderon as persoas convocantes, están "formadas de acordo ás equivalencias e aos requisitos que pide o Estado español para poder exercer".