O Comité de Memoria Histórica de Celanova e a Fundación Moncho Reboiras están a traballar na recuperación da obra do poeta, activista e intelectual celanovés Xosé Velo, un labor que xa dá os seus primeiros froitos. Hoxe, cando fai 90 anos a publicación en Celanova do primeiro e único número de Adiante, semanario da Mocedade Galeguista, ambas as institucións publican un anticipo do disco Adiante. A palabra de Xosé Velo, no que o músico Sindo Otero recrea e musica cinco poemas do prolífico autor.
Velo fora, precisamente, un dos fundadores daquelas mocidades galeguistas e editor do semanario Adiante, que dá título tamén a un dos poemas recuperados para este álbum musical, que se está a gravar nos estudos Visué de Suevos (A Coruña), co acompañamento nas voces de Camila Álvarez e Manuel Abalo, e no piano e na produción de Nacho Varela.
![Portada do disco 'Adiante'.](/media/nosdiario/images/2023/01/05/2023010509404732738.jpg)
Este traballo, informan desde ambas as entidades, constará de cinco pezas orixinais con letras de Xosé Velo, entre as que se inclúen dous poemas manuscritos polo propio Velo e un audio coa súa voz. O poema que titula o disco, Adiante!, escribiuno en 1932.
Sindo Otero Badás, nado en Bande en 1965, é músico de profesión e ex membro de Kérkennai, formación coa que actuou a nivel nacional e internacional. En 2020 xa presentara unha versión musicada do poema Carceleiriña, que fai parte tamén desta obra.