O PSdeG insiste en que Rueda convocará as eleccións "en función do interese electoral do PP"

A viceportavoz parlamentaria do PSdeG, Begoña Rodríguez Rumbo, insistiu esta segunda feira en que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, convocará as eleccións galegas "en función do interese electoral" do Partido Popular. Así se pronunciou en rolda de prensa ao ser preguntada polas declaracións de Rueda o domingo á Cadena SER, nunha entrevista na que eludiu pór data aos comicios porque "agora non toca". Na súa intervención de hoxe, Rodríguez Rumbo sostivo que "se hai un estilo Rueda" polo momento non se coñece. "Seguimos coñecendo o estilo Feixoo, o seguidismo de Feixoo no que cede sempre o protagonismo e non acaba de asumir que é o presidente do Goberno galego", lamentou. Fronte a isto, a parlamentaria socialista dixo que Rueda "ten que pór o seu sinal" e "cambiar o estilo que durante 14 anos" fixo a Galiza "ser menos e ter menos recursos públicos".
A deputada socialista Begoña Rodríguez Rumbo, hoxe, en rolda de prensa. (Foto: Europa Press)
photo_camera A deputada socialista Begoña Rodríguez Rumbo, hoxe, en rolda de prensa. (Foto: Europa Press)
Comentarios