CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

"A chegada": da orixe do portugués ao encontro cos alieníxenas

Amy Adams (right) as Louise Banks in ARRIVAL by Paramount Pictures
photo_camera Un fotograma do filme

A CHEGADA

Arrival

(EUA-Canadá 2016, 116 min.)

Dirección: Denis Villeneuve

Guión: Eric Heisserer

Fotografía: Bradford Young

Música: Jóhann Jóhannsson

Elenco: Amy Adams, Jeremy Renner, Forest Whitaker, Michael Stuhlbarg, Tzi Ma, Abigail Pniowsky, Julia Scarlett Dan, Mark O’Brien, Nathaly Thibault, Pat Kiely

SINOPSE

Doce naves extraterrestres chegan á Terra. Tras un tempo paradas en lugares aparentemente aleatorios do planeta aínda ninguén foi capaz de saber as súas intencións. Louise, unha recoñecida tradutora, terá a difícil misión de descifrar a linguaxe extraterrestre antes que os militares actúen.

CRÍTICA

Fai xa uns cantos anos que o xénero de ciencia-ficción volve estar en auxe. A estas alturas do campionato, cando todo parece estar inventado xa e, na práctica, cada nova estrea semella unha variante dunha proposta anterior, non é doado ser “orixinal”. Entre a morea de referentes de calidade que pululan no imaxinario colectivo cinéfilo, o normal é caer en tópicos, clixés e homenaxes. Hai que fiar moi fino, e loitar consigo mesmo, para esquecer as influencias e non caer na mera referencia cinéfila se se pretende aportar un mínimo de novidade ao xénero. Denis Villeneuve debuta na ciencia-ficción con A chegada e si, tampouco se esquece dos “clásicos”: hai chiscadelas a Kubrick, a H.G. Wells, e tira dunha liña argumental con reminiscencias a Carl Sagan con ecos na dirección a Malick, Spielberg e Nolan, mais iso é todo. Acada que todo isto sexa algo testemuñal e presenta un filme de ciencia-ficción completamente orixinal, redondo (case un palíndromo) e practicamente perfecto. Un deses filmes que marcan época ao que é mellor acudir coa menor información posíbel e, por suposto, no que os spoilers son algo imperdoábel. Dito isto tamén hai que subliñar que é un deses filmes que non importa repetir as veces que sexan necesarias ou, cando menos, esa é a sensación que queda tras o remate, momento no que milleiros de preguntas se amorean na cabeza e comezamos fiar certas partes inconexas do filme. De súpeto sucede algo incrible... todo parece encaixar... non semella haber fisuras no férreo guión. Un guión complexo aparentemente perfecto que firma Eric Heisserer, adaptando un relato de Ted Chiang, malia que no seu pasado aparezan desfeitas como Destino Final 5 ou o innecesario remake de The Thing de John Carpenter. Unha máis que abraiante mellora que se podería sumar as teorías de desenrolo cognitivo apuntadas no propio filme. Coma nos seus anteriores traballos, Incendies e Sicario, Denis Villeneuve conta con protagonista feminina, desta volta interpretada por Amy Adams (Big Eyes, The Master), unha das mellores actrices anglosaxonas do momento e viva reencarnación de Ingrid Bergman. Aquí interpreta unha lingüista recoñecida a nivel mundial que da clase na Universidade. No medio dunha das súas “concorridas” clases é interrompida pola nova dunha invasión alieníxena. Mágoa porque estaba a expoñer as orixes do idioma portugués. E si, amiguiñ@s... non erra. Desta forma tan sutil, Villeneuve da entender que a protagonista é unha muller intelixente e lida. Un detalle, entre outros moitos, co que dá mostra da capacidade de síntese narrativa e perfeccionismo marca da casa dun director canadense que non deixa nada ao chou: o deseño das naves, os traxes, os diálogos, os silencios, os xestos, a numeroloxía... todo ten un porqué. Tal é o grao de perfeccionismo que, tal e como fixeran no seu momento Tolkien (co élfico), Marc Okrand (co klingon) ou George R.R. Martin (co dothraki), chegaron crear, de cero, un novo idioma para a linguaxe alieníxena. Unha linguaxe inintelixíbel con base nunha complexísima simboloxía gráfica que desenrolaron até o milímetro amosando así o moito que pode influír unha nova linguaxe no cerebro humano. Unha achega que, de seguro, será foco de numerosos estudos nun futuro non moi lonxano. Como era de esperar, Villeneuve prescinde de estrafalarias explicacións e diálogos absurdos tan, tristemente, habituais nas superproducións ianquis. Algo moi de agradecer nos tempos que corren. E é que o director canadense adoita tratar ao espectador coma o ser intelixente que se presupón que é ou, aló menos, o espectador que lle gustaría ter nos cinemas onde se proxecten os seus filmes. Destacar un estilo visual con predominancia de tonalidades grises, ceos sempre anubrados e luz natural preferentemente diúrna que foi bautizado, xunto co director de fotografía Bradford Young (O ano máis violento), como dirty sci-fi (“ciencia-ficción sucia”). Drama, romance, ciencia-ficción, suspense nas doses adecuadas e un equilibrio narrativo, entre sinxelo e complexo, difícil de superar. Sen medo a exaxerar, A chegada é un dos mellores filmes de ciencia-ficción do milenio... a todos os niveis. Por facer un símil que se entenda: anda á par de Orixe de Christopher Nolan, por non dicir que a supera... Moita atención á vertixe que se acada no momento previo a que coñezamos aos alieníxenas. Abraiante. Sáeme o sorriso de “aparvado soñador” só de pensar que Villeneuve está a traballar xa no remake de Blade Runner...

Máis en CULTURA
Comentarios