Máis de 30.000 espectadoras na sala Numax durante 2016

O cinema alternativo si interesa

No seu ADN está o que décadas atrás se denominaba cinema de arte e ensaio. A aposta do cinema Numax polos filmes restaurados e polas obras de vangarda -mesturados tamén con estreas recentes- está a dar os seus froitos. En 2016, máis de  30.000 espectadoras e espectadores reuníronse nesta sala compostelá.

Numax
photo_camera Numax

Felizmente, o cinema non é só aquilo que oferecen os grandes oligopolios, as majors, norteamericanos. En Compostela un experimento chamado Cinema Numax mostra a viabilidade das ofertas alternativas. En 2016 estreáronse nel máis de 100 filmes que foron vistos por máis de 30.000 persoas, unha cifra que espella o interese social por un cinema alternativo ao mainstream.

Numax non é un cinema convencional. É un ponto de encontro de cineastas e tamén unha factoría de novas ideas. Este ano déronse cita nel, na sección Os Ollos Verdes, cineastas de vangarda que impartiron o seu maxisterio baixo o formato de masterclass. Nomes con acreditada reputación internacional como Pedro Costa, Rita Azevedo Gomes, Albert Serra ou Charles Burnett. A iniciativa tivo o apoio institucional do concello de Santiago de Compostela e da área de Cultura da Deputación da Coruña.

Alén diso, Numax aposta tamén en provocar a fascinación polo cinema como meio de “transmisión de valores e coñecementos” no mundo do ensino e, destarte, neste 2016 puxo en andamento o programa didáctico Numax na Escola. Baixo o seu paraugas, arredor de 1.000 alunas e alunos estiveron na sala compostelá.

Máis en CULTURA
Comentarios