Comeza en Vigo o oitavo Festival de Cine 'Freak'

Esta edición conta cun encontro da Galiza, Euskadi e Catalunya.
Esta sexta feira deu comezo o evento con 'A Nightmare on Elm Street'. (Foto: Paula Cermeño)
photo_camera Esta sexta feira deu comezo o evento con 'A Nightmare on Elm Street'. (Foto: Paula Cermeño)

Esta sexta feira comezou na Praza Elíptica de Vigo a oitava edición do Galician Freaky Film Festival, que amplía este ano a súa programación até o 28 de setembro e incorpora Formafreak, actividades formativas para aprender novas habilidades no mundo do cinema freak da man de profesionais do sector.

Proxeccións e actividades paralelas arredor do cine de ciencia ficción, fantasía e terror que este ano acolle tamén un encontro entre festivais de cinema da Galiza, Euskadi e Catalunya. O evento amosará unha selección de curtametraxes propostos polos principais festivais da Irmandade do Norte, para continuar coas seccións oficiais e un filme bizarro sorpresa.

O certame internacional de cinema freak e fantástico conságrase logo de sete edicións como o maior festival de cine de Vigo e un dos poucos eventos adicados ao sétimo arte que existen hoxe en día na cidade.

Ao abeiro deste encontro desenvolverase en Vigo a Feira Fantástica e Freak da Galiza, un espazo para a arte e "moito frikismo" no que diferentes artistas amosarán ao público os grandes talentos freaks da cidade olívica.

O festival arrincou esta sexta feira nos Cines Tamberlick cunha festa na que se proxectaron os dous filmes homenaxeados nesta edición: The Terminator e A Nightmare on Elm Street, dúas iconas do cinema dos anos 80 que celebran xa o seu corenta aniversario.

Ducias de actividades

Ducias de actividades entre proxeccións da Selección Oficial, filmes homenaxeados, Pequefreak, proxeccións especiais, concurso de banda deseñada, exposicións e mesas cadradas.

A todo isto súmase este ano unha nova proposta, haberá catro cursos nos que os asistentes aprenderán a deseñar carteis de cine, crear guións para filmes de terror, manufacturar efectos especiais e actuar como dobre de acción.

Baixo o título 'Benvidos a Vigo Street' o Galician Freaky Film Festival convocou a segunda edición do seu concurso de banda deseñada. A premisa de partida proposta polo festival é o filme A Nightmare on Elm Street, protagonizado por unha das persoaxes máis carismáticas e recoñecíbeis do cinema de terror, Freddy Krueger, que poboou os pesadelos de varias xeracións a base de asasinar adolescentes de xeitos cada vez máis tolos. Haberá tres premios para os mellores traballos.

Comentarios