“Cunetas” gaña o I certame artístico ‘Cousas’ organizado polo IES rianxeiro Félix Muriel

O relato e a creación artística gañadora son de Helena Castaño, unha alumna de 15 anos dun instituto da Estrada. Ao certame presentáronse 68 traballos de centros de ensino de todas a Galiza.

XURI
photo_camera Reunión do xurado (Foto: IES Félix Muriel)

O IE Félix Muriel, de Rianxo (O Barbanza), impulsa o certame artístico ‘Cousas’ como unha iniciativa de homenaxe a Castelao, de cuxas ‘cousas’ toma o nome para o proxecto, así como combinar na creación texto e debuxo. A este certame presentáronse perto de 70 traballos de centros de ensino de diferentes comarcas galegas.

Cunetas, de Helena Castaño Pazos, alumna de 15 anos, do IES n° 1 da Estrada foi a obra gañadora do certame, polo que recibirá 300 euros e diploma acreditativo. o xurado apreciou a proximidade ás "Cousas" de Castelao, tanto pola temática da memoria histórica como pola estilización do seu debuxo. Ademais, o xurado valorou a súa brevidade como "perfume condensado nun frasco". O docente responsable da súa presentación foi Román Landín.

O segundo premio, de 200 euros e diploma, foi para Mateo Nandín Raviña, de 17 anos, alumno do IES Politécnico de Vigo, pola súa creación artística "Proposta 'post mortem'", do que o xurado apreciou a revisión moderna da obra de Castelao, mesmo no debuxo do "ollo de vidro". O xurado tamén valorou "que lograse ollar a realidade como a ollaría hoxe o autor rianxeiro". O docente responsable da súa presentación foi Henrique Salvador Estévez Hernández

Adriana Padín González, alumna de 18 anos, do IES Politécnico de Vigo, obtivo o terceiro premio (100 euros e diploma) pola súa creación artística Bágoas salgadas, do que se valorou a temática da emigración, tan particularmente tratada por Castelao; a estrutura marco que encadra un texto que medra na ilustración que o acompaña e a calidade da súa lingua literaria para expresar a melancolía e a frustración pola perda. O docente responsable da súa presentación foi Henrique Salvador Estévez Hernández.

Finalmente, o xurado considerou que en xeral os textos reflectían o uso dunha lingua de gran calidade e acordou conceder ademais dos tres premios os seguintes accésits: Accésit 1, con diploma, para Zoe Fernández Piñeiro, alumna de 13 anos, do lES do Milladoiro, pola súa creación artística Cousas. A docente responsable da súa presentación foi Helena López Macia.

Accésit 2, con diploma, para Paula Porto Rodríguez, alumna de 18 anos, do lES Politécnico de Vigo, pola súa creación artística O meu mellor amigo. O docente responsable da súa presentación foi Henrique Salvador Estévez Hernández.

Accéssit 3, con diploma, para Alicia Cores Padín, alumna de 15 anos, do lES Ramón Cabanillas de Cambados, pola súa creación artística"Somos paisaxe. A docente responsable da súa presentación foi Edith Pazó Fernández.

O xurado encargado de fallar os premios estivo formado por Ana Rivas, docente do IES Félix Muriel; Ricardo Losada, escritor e docente do lES Félix Muriel; Xesús Piñeiro, xornalista de Nós Diario; e Esther Carrodeguas, actriz, directora e escritora, Despois da lectura dos 68 traballos presentados, resultaron finalistas 30. E, tras as súas deliberacións, o xurado acordou outorgar os seguintes premios:

Máis en CULTURA
Comentarios