CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Dropkick Murphys: 11 historias curtas de dor e gloria

O pasado 6 de xaneiro viu a luz o novo disco dos bostonianos Dropkick Murphys, unha das bandas máis importantes do Celtic Punk. Baixo o título de 11 short stories of pain & glory, agóchase un álbum conceptual no que falan da loita contra as adicións as drogas, historias que lles tocaron moi de perto xa que  o vocalista, Al Barr, perdeu ao seu cuñado por sobredose, Ken Casey ao seu curmán e a propia banda creou The Claddagh Fund para axudar a desintoxicación dos toxicómanos.

No disco, que abre coa tradiciona The Lonsome Boatman, achamos historias de dor, mais tamén de superación persoal, de loita contra a sociedade que marxina como é o caso de Rebels with a cause, mais tamén de éxitos e de apoios como a coñecida You’ll Never Walk Alone,  que lonxe de ser un tema futbolístico fala do apoio no camiño. Mais en todo o percorrido, a primeira canción fala da realidade de todas as historias, que non é outra que a soidade. Un tema que Casey escoitou vindo dun velorio e que lle pareceu un tema triste máis ad hoc, para expresar a realidade dos adictos ás drogas. Como excepción ao tema xeral do disco, aínda que é unha historia de dor máis, a banda incluíu 4-15-13,  dedicado ao atentado do Marathon de Bostón, así como Until the Next Time, unha canción de despedida que tal como está composta seguramente será a que empreguen para pechar os concertos de esta xira.

Musicalmente, atopamos un disco ao estilo Dropkick Murphys evolucionado, no que a banda baixou o tempo das cancións  e perdeu o medo a amosar outras das súas influencias como fan en Sandlot, que ten un certo recendo a Springsteen, ou Blood, que trae unhas grandes reminiscencias ao Ring Of Fire de Johnny Cash misturado con AC/DC. Non faltan os seus habituais coros tabernarios, as harmonías celtas e actitude punk, aínda que contan cunha produción moito máis coidada que nas anteriores entregas, converten este álbum no seguinte paso da evolución da banda que parecía que non ía nunca a chegar. Este tamén é o primeiro disco sen o seu gaiteiro habitual, Scruffy Wallace, que foi substituído na gravación por Lee Forshner, que tamén acompañará á banda na xira e, visto o resultado, foi unha moi boa elección.

Parece que os Dropkick Murphys fixéronse adultos a base de golpes e historias tristes ao seu redor e plasmárono perfectamente neste disco, no que as 11 historias tratan de converterse en 11 himnos para ser cantados non só en concertos, senón tamén en tabernas e festas varias. Un disco que a cada compás, xunto coa festa, golpea cunha dose da máis crúa realidade que non te deixa indiferente. O propio Casey declarou que nos últimos 2 anos fora a máis de 30 velorios por causa das drogas, polo que, segundo a miña propia opinión, a banda non podía facer outra cousa distinta a este disco, un dos traballos máis persoais dos Murphys.

DROPKICK MURPHYS NAS REDES

WEB: http://www.dropkickmurphys.com

FACEBOOK: https://www.facebook.com/DropkickMurphys

TWITTER: @DropkickMurphys

LISTAXE DE TEMAS

The Lonesome Boatman

Rebels with a Cause

Blood

Sandlot

First Class Loser

Paying My Way

I Had a Hat

Kicked to the Curb

You'll Never Walk Alone

4-15-13

Until the Next Time

Máis en CULTURA
Comentarios