“Cando me ensinaron na praia de Bueu as dornas sentín un efecto electrizante”. Lars Fredrick Staffan Mörling contaba así nunha entrevista o efecto que lle producira descubrir esta embarcación tradicional galega a mediados dos 60, cando chegara a Galiza, país que fixo seu e que xa non abandonou.
Staffan Mörling, nado en Karlstad (Värmland) o 31 de decembro de 1936, vén de falecer, segundo confirman a Nós Diario desde a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar), entidade en cuxas orixes estivo e coa que sempre colaborou.
Antropólogo e etnólogo, quedou prendado das Ons, da súa xente e da súa forma de vida. Chegou á illa para estudar as embarcacións tradicionais e estas non foron o único que o namorou do noso país. Casou en 1967 con Josefa Otero Patiño, a quen coñeceu nun baile de Reis realizado na illa no ano 1965. En 2006 foi nomeado fillo adoptivo de Bueu.
Foi un dos grandes coñecedores e divulgadores das embarcacións tradicionais da Galiza. Percorreu a costa de Ribadeo a Tui investigando todo tipo de embarcacións e afondando na cultura marítima galega. "É un referente,o seu traballo é único, estudo as dornas, as lanchas xeiteiras, as súas orixes...", manifesta Manuel Sendón a Nós Diario.
Un coñecemento inmenso que deixou plasmado en varios libros e estudos,(entre eles os imprescindíbeis As embarcacións tradicionais de Galiza ou Lanchas e Dornas). Documentais e reportaxes debruzáronse sobre a súa obra e tamén sobre a súa vida, a dun nórdico que atopara o seu paraíso nas rías galegas
“O sueco de Ons”, como se lle chamaba, sempre agradeceu e destacou a acollida que, hai máis de medio século, lle deron os que serían xa os seus veciños e veciñas.
“Creo que Galiza non é ningún curruncho. Se un colle un mapamundi ve que está de cara ás máis importantes rutas oceanográficas e comerciais”, indicara nunha entrevista.
Ons.Mörling from diego t. freijeiro on Vimeo.