O Sete Falares volverá encher Pontevedra de historias

Rodolfo Castro, narrador arxentino que se define como "o peor contador de historias do mundo", será un dos principais atractivos da programación.
'Tres vellas na romaría', con Guti, Quico Cadaval e Celso Fernández Sanmartín.
photo_camera 'Tres vellas na romaría', con Guti, Quico Cadaval e Celso Fernández Sanmartín.

Tres vellas na romaría, un espectáculo de Celso Fernández Sanmartín, Quico Cadaval e Guti, marcará a inauguración da 12ª edición do festival ed narración oral Sete Falares de Pontevedra, que se desenvolverá entre os vindeiros días 2 e 8 de xuño.

Esta edición trae dúas novidades. Por unha parte, o incremento dos escenarios, que este ano chegarán a catro: o Teatro Principal, as Ruínas de San Domingos, o CITA (Centro de Interpretación das Torres Arcebispais) e o Parador de Turismo. Por outra, o comezo dos espectáculos de pago, os de inauguración e de clausura.

"Todas as historias que se contan en Sete Falares son contos e historias para adultos como foi tradicionalmente", explicaba Xacobe Rodríguez, do colectivo de contadoras Pavís Pavós, organizador do encontro. 

"Todos temos na cabeza os contos arredor do lume, os contos na lareira, arredor da cociña de leña na que os máis vellos contaban historias para os adultos e as crianzas escoitaban o que podían. Para nós é moi importante isto, a recollida da tradición oral, unha sociedade que conserva a súa tradición oral, as súas historias conserva a súa memoria. As historias forman parte do que sería o noso imaxinario colectivo que é o que nos fai ter unha configuración como sociedade, como pobo", engade Rodríguez.

Rodolfo Castro, narrador arxentino que se define como "o peor contador de historias do mundo" será un dos principais atractivos da programación. Ao seu carón, o canario Ernesto Rodríguez Abad, o dúo portugués Dois dos Montes, ou os galegos Cándido Pazó, Dani Blanco, Atenea García, Cris de Caldas ou os propios membros de Pavís Pavós completarán o programa do festival, que tamén incluirá a xa clásica Rota das Historias, que percorrerá a cidade mentres se escoitan diferentes historias. 

Comentarios