CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Freedom Call: Master of Light

Cando chegou ás miñas mans o novo disco dos xermanos Freedom Call, o primeiro que chamou a miña atención foi a horríbel portada que elixiron para este novo traballo, que parece confirmar a caída que leva a banda dende 2005. De feito, de no coñecer a banda e ver este disco na tenda, pasaríao por alto xa que transmite un traballo diletante dunha banda adolescente de metal épico que soñan con ser famosos namentres aprenden a tocar aporreando as guitarras no garaxe dos pais do batería. Por sorte, a portada non ten nada que ver co que agocha en cada unha das súas pistas e a banda segue sen defraudar.

Para quen non lles soe esta banda, malia a súa longa andaina, cumpre dicir que foi fundada por Chris Bay e Dan Zimmerman, batería dos Gamma Ray, o que xa deixa claro por onde van os temas. Master of Light ofrece 12 temas de power metal  alemán coas claras influencias que sempre tivo Freedom Call de bandas como Helloween, Stratovarius con melodías que transmiten felicidade e bon rollo, as veces en demasía e creadas para ser coreadas en directo até a saciedade.

O disco en si non garda ningunha sorpresa, agás que melloraron o nivel compositivo no que parece ser unha volta ás orixes malia que iso marque a ancoraxe da banda, máis mellor é ancorarse que afundir como parecían facer cos anteriores traballos. O tema que abre o disco, Metal is for Everyone, xa apunta maneiras. Trátase dun himno épico creado para levantar os puños e sentirse feliz e poderoso durante a súa execución, cousa que non conseguen en Hammer of Gods, onde o mellor da canción son os riffs e os solos aínda que se fan curtos. Un tema que con máis guitarras e menos voz sería moito menos pesado, se ben é certo que entra mellor o seguinte tema, A World Beyond, cuxos coros grandilocuentes do inicio dan paso a unha melodía sinxela mais de fácil escoita que fai desfrutar do tema.

Masters of Lights comeza cunha guitarra arpexiada baixo a voz de Bay para agardar a entrada da banda e volve a desaparecer nas primeiras partes de cada estrofa e vén acompañado por coros épicos, convertendo este tema nun intento de himno épico cheo de ledicia que non chega a funcionar, malia á pequena homenaxe a Metallica que inclúen. Noutra liga xoga Kings of Rise and Fall, no que a banda volve a ese Happy Metal, característico e que é un dos temas máis destacábeis do disco.Todo o contrario acontece con Cradle of Angels, un tema cuxa harmonía parece estar inspirado en Starway to Heaven, e que demostra que a inspiración soa non vale. Proba diso é que na segunda escoita do disco aos poucos segundos de soar pasei directo ao seguinte tema, Smerald Skies, un tema melódico de fácil escoita cun retrouso moi cantábel como marcan os cánones estilísticos da banda.

Hail the Legend é o clásico tema épico de loita do metal xermano e outro dos grandes temas do disco, onde melodías, coros e solos combinan á perfección. Ghost Ballet é un tema excesivamente feliz até para a propia banda, chegando a ser empalagoso e raro cando o  mesturan con riffs escuros. Cada quen que opine sobre el, porque eu quedei sen palabras ante tal despropósito hortera. Por sorte, Rock the Nation  volve ao bo camiño, un tema bastante bo que lembra aos primeiros discos de Helloween, e que fai subir o nivel do disco.  Riders in the Sky é o típico tema “Frankenstein”,  feito de partes de outras boas cancións pero que xuntas non dan o resultado agardado, aínda que é un track correcto.  High Up, o tema que pecha o disco, é como todos os temas de peche da banda, festeiro, cantábel e nesta vez con certas reminiscencias celtas, nada novo baixo o sol, pero se algo funciona non tes por que cambialo.

Master of Light non é nin de lonxe o mellor disco de Freedom Call, pero si que é o mellor traballo que fixeron dende quen en 2005 sacaran The Circle of Life.  Estamos ante un disco correcto de happy metal, que dende logo terán na súa colección todos os amantes do xénero.

FREEDOM CALL NAS REDES

Web: http://www.freedom-call.net/

Facebook: https://www.facebook.com/FreedomCallOfficial

LISTAXE DE TEMAS

1. Metal Is For Everyone
2. Hammer Of The Gods
3. A World Beyond
4. Masters Of Light
5. Kings Rise And Fall
6. Cradle Of Angels
7. Emerald Skies
8. Hail The Legend
9. Ghost Ballet
10. Rock The Nation
11. Riders In The Sky
12. High Up 

Máis en CULTURA
Comentarios