Coñeces a obra que garda nos seus fondos a Fundación Luis Seoane? Parte dela pódese ver agora nesta exposición

Co nome de 'Luis Seoane. Identidade, memoria histórica e movementos sociais', inaugurouse esta cuarta feira na Coruña unha exposición que descubre ao público parte do legado que conserva a súa fundación desde a súa creación en 1996.
'Tres figuras esperando', de 1972 (Foto: Fundación Luis Seoane).
photo_camera 'Tres figuras esperando', de 1972. (Foto: Fundación Luis Seoane).

A Fundación Luis Seoane recupera nunha exposición parte da obra do artista e poeta galego que garda nos seus fondos. Segundo a propia entidade, a iniciativa trae ao público agora o seu legado tras tres anos ausente por mor de traballos de acondicionamento nas súas instalacións na Coruña. A mostra, inaugurada de maneira oficial esta cuarta feira, leva por título 'Luis Seoane. Identidade, memoria histórica e movementos sociais', e contou co comisariado da até o mes pasado directora da entidade, Silvia Longueira, e da experta en arte galega, María Antonia Pérez.

A mostra conta con máis de 50 pezas -entre óleos, obra gráfica, debuxos, produción editorial e outros soportes- distribuídas en dúas salas segundo os tres apartados aos que fai referencia o seu título. "A idea é dar visibilidade aos fondos de Seoane que custodia a fundación", admite María Antonia Pérez en declaracións a Nós Diario, aínda que, polo volume de obras que conservan considera que "será a primeira dunha serie de mostras nas que trataremos de mostrar á cidadanía todo o que se garda del nesta entidade". Pois a propia institución dispón, desde a súa creación en 1996, cun total de 230 óleos, un milleiro longo de debuxos, tintas, pasteis, témperas e gravados, alén de máis de 3.000 cartas, revistas e obxectos persoais do propio Seoane. 

Apartados da exposición

"A distribución da mostra está pensada por temas, non quixemos atender á parte estilística nin tampouco a técnica", explica María Antonia Pérez, "por este mesmo motivo cada apartado ten desde cadros e gravados até debuxos", agrega. Sobre o tema Identidade, a exposición mostra aspectos variados que van desde as labores do campo, como é o caso do óleo A malla (1954), até as paisaxes urbanas de Bos Aires, a capital arxentina onde naceu e residiu durante o seu exilio, en Tranvía amarelo (1952) ou o Londres de Barcazas no Támesis (1949) e o coruñés Mar do Orzán (1973). Non faltan neste apartado figuras populares como a da moura Ana Manana (1960), representada polo artista galego nun gravado en madeira. 

A Memoria Histórica, entendida polas comisarias como un espazo reivindicativo do pasado real ou mitolóxico dun pobo, desprégase nun apartado con referencias ás culturas latinoamericanas, presentes nalgunhas obras como a xilografía Cabeza de Huaco (1966) ou tamén no óleo Tocando a quena (1950); e noutras como o álbum Imaxes de Galicia (1979), co que Seoane buscou representar lendas e fragmentos da historia galega que non tiveron nunca unha expresión gráfica.

Por último, a mostra trata o mundo do traballo dando todo o protagonismo ás persoas que traballan no rural , no mar ou na fábrica. Neste apartado aparece a visión de Seoane da realidade da emigración, un dos temas máis recorrentes nas súas creacións. Ademais, acolle a súa denuncia da situación política, marcada pola ditadura franquista, así como a opresión e o asoballamento que padece o pobo, como no óleo O proceso de Burgos (1971) ou nun conxunto de debuxos realizados principalmente na década dos 50 influenciados por George Grosz, ao que Seoane admiraba desde os seus anos de estudante en Compostela.

"Decidimos que os tres apartados estean xuntos para dar unha visión de conxunto dos aspectos fundamentais que abordou Luis Seoane", aclara Pérez. "Ademais, entendemos que están completamente interconectadas", engade". Acompañando a obra e dentro da exposición, as comisarias introduciron unha serie de textos, a maior parte escritos polo propio Seoane e recollidos en libros e cartas del, nos que se fala destas temáticas.

"É unha exposición que require que o espectador active o seu cerebro, ten que participar", aclara a comisaria da mostra, "non se buscaron, en ningún momento, as obras atractivas, senón que se puxeron por diante os contidos do artista".

Para María Antonia Pérez, a dinámica que se dá na maior parte dos museos importantes do mundo, "mesmo o do Prado, en Madrid", é a de apostar por contidos que teñan relación coas vivencias da propia sociedade. Neste sentido, a obra de Seoane serve para "introducir ao espectador no que aconteceu na época que lle tocou vivir".  

Abrir Seoane ao público

A Fundación Luis Seoane ten un especial interese en abrir esta mostra ao público e dar a coñecer as obras e materiais do artista que estiveron gardadas durante anos nos depósitos da súa sede da Coruña. Por este motivo, están previstas visitas guiadas para persoas adultas dirixidas a asociacións, entidades sociais e colectivos, ademais de facilitar a entrada de centros educativos a partir do inicio do curso en setembro. Quen teña intención de acceder á mostra ten todo un ano para facelo, posto que a fundación decidiu que, en principio, estea na súa sede até o 10 de xullo de 2025.

O legado de Seoane agarda por unha nova Dirección

A Fundación Luis Seoane atravesa un momento de transición despois de que a xunta xeral do seu padroado soubese da excedencia forzosa da súa directora, Silvia Longueira, elixida como deputada socialista no Parlamento da Galiza nas pasadas eleccións. En maio, na súa última xuntanza, encargou a Dirección temporal da entidade á traballadora experta en conservación Carmen Jiménez, e anunciou que nos vindeiros meses haberá un concurso público para escoller a Dirección definitiva. Durante estes meses, Jiménez exercerá, ademais da Dirección, o labor de conservación e coordinación da entidade.

Na traxectoria de Longueira figura o inventariado da obra non gráfica de Seoane, ademais de ter dirixido varios proxectos de restauración, entre os que figuran obras de Urbano Lugrís, Laxeiro e Carlos Maside. 

Críticas á fundación

A fundación non estivo exenta de polémicas sobre o seu traballo. O ano pasado abandonou o padroado un dos seus membros, o poeta Xavier Seoane, un dos encargados de executar o testamento do propio Luis Seoane. Ademais, a oposición municipal criticou en varias ocasións o funcionamento da entidade e as súas actividades públicas estes anos.

Comentarios