O pasado día 9 viu a luz o novo disco de Hamlet. Após dun 2014 celebrando o 20 aniversario do mítico “Sanatorio de muñecos”, a mellor banda estatal de Groove Metal agasállanos un álbum salvaxe moi distante do que o tema de adianto, “Imperfección”, podía facer pensar, xa que non é dos mellores temas do disco, mais o single elixido “Mi Religión" lembra por que son unha das bandas mais exitosas do panorama español.
O disco foi gravado en Sadman Studios por Carlos Santos, misturado en GodCity Studios por Kurt Ballou e masterizado en Audiosiege Mastering Studio por Brad Boagtright. Todo o traballo foi feito en analóxico na procura dun son máis auténtico e fresco, cousa que sen dúbida conseguiron, xa que o disco non sona para nada prefabricado.
Todo o traballo foi feito en analóxico na procura dun son máis auténtico e fresco
Nos 13 temas que dan forma á “La Ira” (11+2 bonus tracks), a crebada voz de Molly segue soltando letras envelenadas de denuncia social, acompañadas por un muro de son que subindo o volume podería facer tremer os cimentos de calquera fortaleza. A evolución de Hamlet, tal como os coñecemos agora, sen contar os seus dous primeiros discos, “Hamlet” e “Peligroso”, un estilo máis preto ao hard rock, foi cada vez máis até un son máis duro pasando do Rap Metal ao Nu Metal e ao Groove, evolución que se nota neste último traballo.
“Lamento”, o tema de apertura do disco podería definir o que imos atopar, unha montaña rusa de sensacións. Da calma, con guitarras limas e unha voz melódica a un ritmo frenético, cunhas guitarras crúas. Un inicio dunha viaxe que se ben parece de curto percorrido ao atoparnos con “Imperfección” como segundo tema, pisa o acelerador con “Mi Religión” e non o solta até chegar aos bonus tracks. No camiño atopamos auténticas xoias como “Salvación”, “Ciudad de Dios” ou “Niega” que están chamados a converterse en novos clásicos.
Vin a Hamlet en directo por primeira vez no ano 1996 co gallo do Festimad e se ben xa ía convencido do seu son, o seu directo deixoume abraiado. Hoxe, podo dicir que sen dúbida estamos ante un dos mellores traballos de Hamlet. Así que subide o volume e desfrutade do novo traballo dos reis do Groove Metal estatal.
Videoclip: Hamlet – Mi Religión:
Listaxe de temas
-
Lamento
-
Imperfección
-
Mi Religión
-
Ser o No Ser
-
Salvación
-
Nadie Más
-
Ciudad de Dios
-
Sin Tiempo Que Perder
-
Miseria
-
Irreductibles
-
Niega
-
Testificar (bonus track)
-
Me Olvidaste (bonus track)
Hamlet na rede
Web: www.hamlet1.com
Facebook: www.facebook.com/hamletband
Twitter: @hamletband